En Barbanza hai intereses que ninguén quere explicar

A eliminación de lobos híbridos que leva a cabo Medio Ambiente na serra coruñesa expón dúbidas aos expertos

Felipe Bárcena (Madrid, 1946) comezou a estudar aos lobos en 1974. Desde entón, os seus traballos sucedéronse sen descanso. A finais dos oitenta realizou o primeiro censo desta especie en Galicia, traballo que repetiría unha década despois. Sobre a campaña que a Xunta está a realizar na serra de Barbanza para acabar coa suposta poboación de lobos híbridos, Bárcena opina que hai moitas sombras que o Goberno galego tería que aclarar con transparencia.

Dada a súa experiencia, cre posible que en Barbanza se poida dar unha manda de híbridos ?

Os casos de híbridos son posibles, pero tamén hai que dicir que é estraño que se dean de forma natural. A poboación de lobos en Galicia é importante, igual que a de cans. Por iso se a hibridación fose sinxela, o normal sería que aparecesen máis casos. Outra cousa que non podemos esquecer é que os lobos se comen aos cans.

Atendendo a estes argumentos, cre que en Barbanza se puido alcanzar unha manda de 16 exemplares como dixo a Xunta no 2011 ?

A hibridación é posible, pero na maioría dos casos que se coñecen foron fomentadas polas persoas. En situacións de illamento, é posible que se produzan cruces, pero só vin un na miña vida, en Albacete. En Barbanza podo dicir que os exemplares mortos que vin en fotos son todos ibéricos.

Medio Ambiente, para xustificar a súa política de erradicación do híbrido en Barbanza, apela aos patróns que se seguen en Europa. Vostede coñece estas pautas ?

Non as coñezo, pero que haxa que matar a uns animais por ter a sospeita de que son híbridos sen que existan unhas probas concluíntes paréceme un argumento absurdo.

Cal cre que pode ser o motivo que deu pé a esta política de eliminación de lobos híbridos ?

En Barbanza quérese impor a proliferación do gando ovino, e isto é incompatible coa poboación de lobos. Por iso, as autoridades, ou quen sexa, terían que ser moito máis claras para evitar sospeitas.

Para diferenciar un híbrido dun ibérico é necesario facer unha análise de ADN. Con todo e segundo o protocolo oficial, primeiro dispárase e mátase, e logo analízase. Cre que é normal ?

É imposible recoñecelos. En calquera país avanzado, primeiro capturaríanos e logo analizaríanos. Aquí hai outro problema, xa que en Barbanza hai intereses que ninguén quere explicar.

Quere dicir que os híbridos están a ser utilizados como cortina de fume para erradicar a poboación de lobos ibéricos para a proliferación do gando ?

Eu creo que sí, ou polo menos esa é a sensación vendo o escurantismo que está a rodear este tema.

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies