A Policía Autonómica e axentes ambientais esclareceron tres incendios forestais que calcinaron menos dunha hectárea nos municipios de Toén e Maceda, ambos na provincia de Ourense, e en Santiago de Compostela
O primeiro deles, segundo informa a Xunta, ocorreu a mediados do pasado mes de agosto. No marco dos controis de queimas de restos agrícolas, axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago, en colaboración co Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior, esclareceron un lume que afectou a 0,15 hectáreas de monte raso.
En concreto, ardeu unha zona do lugar de Amio debido aos traballos de limpeza nunha leira realizados cunha rozadora de martelos. No seu control e extinción traballaron dous axentes forestais, dúas motobombas e dúas brigadas.
Ademais, axentes da Policía Autonómica de Ourense tomaron declaración a un home como presunto autor dun incendio forestal producido o pasado martes, 15 de setembro, no lugar de Puga, en Toén.
O investigado realizaba voaduras nunha canteira e foi o material incandescente que saía proxectado o que provocou o lume no monte. No control das chamas, que arrasaron 0,1 hectáreas de superficie arborada, participaron dous axentes forestais, dúas brigadas, dúas motobombas e un helicóptero con base en Toén.
Así mesmo, efectivos desa mesma sede da Policía Autonómica localizaron ao autor dun foco ocorrido o pasado xoves 10 de setembro en Maceda, concretamente no lugar da Veiga.
O lume orixinouse mentres o investigado realizaba traballos de corte cunha serra radial “sen tomar as medidas de precaución necesarias” e “cando o índice de risco de incendio era extremo”, asegura a Xunta. Todo iso provocou que as chamas se propagasen a leiras próximas e calcinasen un total de 0,21 hectáreas de monte raso, cun operativo no que participou un axente forestal, dúas motobombas e dúas brigadas.
Máis información en: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/138958-esclarecen-tres-pequenos-incendios-forestais-ocorridos-toen-maceda-santiago