Escrito a Función Pública sobor do concurso de traslados

Miguel García Fernández, actuando en nome e representación,  da ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE AXENTES FORESTAIS DE GALICIA – APRAFOGA, con domicilio a efectos de notificacións no Apartado de Correos 315 de Pontevedra (36080), e con CIF G-15483159, á Dirección Xeral de Función Pública

EXPÓN:

Que por orde de data 11 de febreiro de 2009 convócase o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na administración especial, nas escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.
Que dado o tempo transcorrido dende a mencionada convocatoria, así como a raíz de certas informacións que chegaron ó coñecemento desta Asociación, consideramos conveniente realizar as seguintes

CONSIDERACIÓNS:

Primeira.-
De entrada, debemos manifestar a nosa preocupación polo feito de que un concurso de traslados convocado en febreiro de 2009 se atope, ó día de hoxe e case un ano despois da súa convocatoria, aínda sen resolver. Esta preocupación vese acrecentada pola circunstancia de que, según se nos manifestou “oficiosamente” por órganos directivos de Función Pública, o concurso en cuestión xa está resolto, atopándose paralizada a publicación de dita resolución por cuestións que escapan ó noso coñecemento.    
É evidente que non se lle pode dar credibilidade a todo tipo de rumor, por moi solvente que sexa a fonte da que proveña (como é o caso). Pero aínda así, se temos presente que as puntuacións provisionais xa se fixeron públicas en setembro de 2009, e dado o limitado alcance cuantitativo do concurso, non vemos motivo algún para que a súa resolución definitiva se demore máis do que xa o fixo. Por iso, instamos respectuosamente a esa Dirección Xeral ó fin de que proceda, sen máis delación, á resolución do concurso en cuestión.

Segunda.-
En conexión co referido concurso, si ben como cuestión independente do mesmo, queremos aproveitar a ocasión para indicar que tivemos coñecemento da entrevista celebrada a mediados de este mes de xaneiro cun colectivo de axentes forestais que se atopan no momento actual en destinos provisionais.
Entendemos, respetamos e respaldamos  o dereito destes compañeiros a que se solucione a situación de provisionalidade dos seus destinos. Nembargantes, debemos facer constar que, conforme ó Decreto 293/1997, de 1 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Escala de Axentes Forestais, para a provisión dun posto de traballo da categoría de axente zonal ou postos de igual nivel de complemento de destino (16) esíxese un mínimo de dous anos de servizos efectivos na escala; prazo que pasa a ser de oito anos para o desempeño do posto de axente territorial, que pode ser sustituido por catro anos de servizo efectivo como zonal ou postos de igual nivel. O artigo 14 do mencionado Regulamento non deixa lugar a dúbidas:
“1.- Para a provisión con carácter definitivo dos postos de axente zonal ou postos de igual nivel de complemento de destino, esixirase un mínimo de dous anos de servizos efectivos na escala como axente.
2.- Para a provisión con carácter definitivo dos postos de axente territorial, esixirase un mínimo de catro anos de servizos efectivos na escala como axente zonal ou en postos de igual nivel de complemento de destino ou oito anos de servizos efectivos na escala como axente.”

Nesta tesitura entendemos que non procede asignar, con carácter definitivo, estas prazas ós axentes de novo ingreso que non reúnan os requisitos de permanencia establecidos no artigo transcrito. Non facelo así implicaría non solo “alterar” o concurso de traslados, senón un claro agravio comparativo e discriminación dos compañeiros que, ó non reunir o tempo de servizos exixible para os postos de axente zonal, territorial ou análogo, non optaron ós mesmos no concurso de traslados, pese a ter, como cabe supoñer, máis tempo de servizos que os compañeiros que acaban de acceder á escala.

Por todo o exposto,

SOLICITA: Que tendo por presentado este escrito, o admita a trámite e, na súa virtude, teña por formuladas as anteriores alegacións, procedendo á resolución á maior brevidade posible do concurso de traslados antes aludido, así como á asignación das prazas vacantes tralo concurso con respecto ás limitacións indicadas no artigo 14 do Decreto 293/97, de 1 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Escala de Axentes Forestais.

Pontevedra 27 de xaneiro de 2010.
O Presidente de APRAFOGA

Miguel García Fernández

Sr. Director Xeral de Función Pública
Consellería de Facenda
Santiago de Compostela

{jcomments on}

{jcomments lock}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies