Escrito da Asociación contra o desmantelamento das BIIF
APRAFOGA (Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia) leva anos traballando na defensa dos intereses colectivos dos Axentes Forestais coidando sempre de non sobrepoñer estes, en detrimento das atencións máis necesarias que require o Medio Natural.
Por elo; en relación ás declaracións vertidas por responsables da Consellería de Medio Rural na súa páxina web, dende esta Asociación Profesional temos que saír ó paso desmentindo e clarexando esta cuestión que está a suscitar maior polémica.
Sr. Director Xeral:
Seguramente ten vostede persoal do seu departamento que non coñece a actual estrutura do colectivo de Axentes Forestais, separada en dúas Escalas (unha no Grupo D e outra no C) por mor do proceso de acceso que a Admón. esixiu ó colectivo na promoción interna, obrigando ás Forzas Sindicais a firmar e “tragar” cun proceso máis que discutible. Quizais teña tamén persoal que descoñece a distribución dos Axentes Forestais e Medioambientais que funcionalmente dependen da Dirección Xeral de Montes e I. F. Pero certo é, que vostede coñece perfectamente o colectivo, o número de persoal, a súa estrutura, distribución, os Distritos, os Servizos Provinciais de Montes, de Incendios, as BIIF e outras.
Tamén sabe vostede, que os Axentes Forestais e Facultativos Medioambientais de Galicia seguen facendo as mesmas funcións de sempre. As mesmas, e ademais as novas que se lle encomendan como consecuencia da aprobación de novos textos legais. Novos textos legais que día a día regularizan de maneira máis axustada o lecer, os aproveitamentos, as infraccións e os delitos que contra o Medio Natural se poidan cometer. Entre as novas funcións encomendadas están a investigación dos incendios forestais.
Para a investigación dos incendios forestais e sendo vostede igualmente Director Xeral de Montes e Industrias Forestais, creáronse no ano 2001 as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais. Para a realización deste traballo en concreto designáronse dous Axentes por Distrito (unha patrulla) en cada un dos dezanove Distritos. Nalgúns Distritos solicitaron voluntarios e noutros pola contra obrigaron ó persoal a integrarse na “BIIF”.
Estas patrullas equipáronse co material necesario (chegando a quedares abraiados algúns integrantes pola calidade e prestixio das marcas dos aparellos que compoñen o equipo de campo), igualmente se lle deron cursiños específicos para mellor desempeño da investigación e para a coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade.
Adaptáronse os seus cadrantes horarios a quendas exclusivamente (GM) para poder abranguer máis horario de día, primando a investigación das causas e dirixindo a extinción outros axentes (non BIIF).
Facilitáronselle vehículos non rotulados por mor de mellor disuasión e mesmo se lle aconsellou ós integrantes non empregar a roupa “uniforme” de traballo.
Destas dezanove BIIF seguramente o seu funcionamento foi moi distinto; seguramente a esixente dependencia en primeiro lugar do Xefe de Distrito e seguidamente do Xefe Provincial non foi igual en tódolos Distritos. É por elo que, de existir diferenza de resultados non se xustifica que non funcionasen os equipos; senón que, non se empregou realmente a mesma fórmula en tódolos Distritos.
Nembargante, cremos e defendemos que a labor que desenvolven os integrantes das BIIF é encomiable, a vontade e entrega que dende o primeiro momento demostraron non se merece unha ignorancia pública de tal calado. Poder desenvolver esta labor nos seus comezos foi grazas ó seu empeño, á súa adicación, sen escatimar esforzos e empregando tempo de lecer e de familia. E a algúns, repercutíulle de xeito particular con situacións que nunca se quixeron restablecer.
Pero non é do funcionamento das BIIF, do que falamos neste escrito. É da súa existencia como Brigadas de Investigación, con funcións específicas de esclarecemento das causas dos incendios forestais e busca de probas para imputar o delito ó presunto culpable.
Por isto; o que APRAFOGA non vai a consentir, é que se ignore ó persoal que integra unha “especialidade”, que se negue a existencia desa “especialidade” e que se afirme que non existiron nunca como tales. Iso é o que publicou na súa web a Consellería do Medio Rural o 23/06/2010, que dicía textualmente:
Medio Rural non variou para nada o labor de investigación dos incendios forestais con respecto a anteriores campañas.
- A Xunta non “desmantelou” ningunha brigada de investigación de lumes, porque tales unidades non existiron nunca como tales.
- Os axentes forestais teñen, dentro das súas competencias, a vixilancia, prevención, investigación e extinción dos incendios, dándolle prioridade –como non pode ser doutro xeito– a este último aspecto.
Non hai, xa que logo, un número determinado de axentes destinados especificamente a traballos de investigación. Uns labores que, polo demais, por parte de Medio Rural fanse, sobre todo, para mellorar a eficacia na prevención e extinción dos lumes, non cunha finalidade policial, no sentido de determinar responsabilidades penais nesta cuestión que, en todo caso corresponden (e sempre corresponderon) ás forzas e corpos de seguridade do Estado.
Sen ningunha dúbida, os Axentes que tivemos a desgraza de ler este escrito (maiormente os que traballan nas brigadas de investigación de lumes) sorprendémonos por varias razóns:
- O “desmantelamento” das BIIF ?, seguramente hai intereses políticos ocultos !.
- O escritor do comunicado chegou onte (o 22/06/2010) ?, non tivo ocasión de coñecer os dispositivos de loita contra o lume dos últimos 8 anos !.
- Consinte o Director Xeral de Montes esta publicación ?, quen autorizou a publicar semellante falsedade nunha páxina web dunha Consellería !.
De tódolos xeitos, o editor do citado escrito tampouco está seguro da veracidade do seu contido, xa que na mesma web da Consellería o 28/06/2010 aparece un novo comunicado “remendando” o anterior. Pero; non se desminte a inexistencia das Brigadas de Investigación, nin se afirma a existencia dun número de axentes destinados a tal “especialidade” e ademais pretenden darlle credibilidade á “corrección de erros” xustificándose coa ausencia de RPT específica destes postos de traballo. Algo sen precedentes.
APRAFOGA, insiste na existencia das BIIF
dende o ano 2001 (cando o actual Director Xeral era tamén Director Xeral da mesma Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais) e aproveitamos para recalcar que os Axentes Forestais e Medioambientais da Xunta de Galicia son funcionarios, axentes da autoridade no exercicio das súas funcións e policía xudicial xenérica. Igual que os integrantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Lembrámoslle tamén algunha da normativa legal que obriga á investigación das causas de incendio, que ademais as deben levar a cabo os Axentes Forestais e Medioambientais:
Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios:
Capítulo IV Extinción e investigación de incendios forestais
Artigo 48.-Extinción, remate, vixilancia e investigación após incendio forestal.
8. Despois do remate dun incendio forestal procederase, en función dos medios dispoñibles, á investigación de causas co obxecto de establecer as circunstancias en que se produciu e identificar e sancionar a persoa responsable da súa autoría.
A investigación debe servir tamén para establecer as medidas preventivas para evitar os incendios. Esta investigación será realizada polos axentes forestais especializados ou polas brigadas de investigación de incendios forestais seguindo os protocolos oficiais e procedementos técnicos establecidos.
O Pladiga 2010, 7.4.5 Brigadas de investigación sobre incendios forestais (BIIF)
As brigadas de investigación forestal (Biif) dotadas convenientemente dos medios materiais necesarios para realizar a súa misión, encadraranse dentro do dispositivo de vixilancia independentemente do requirimento necesario nas labores de extinción.
A investigación basearase no análise das evidencias físicas, das actividades humanas e a recollida e análise de información de testemuñas.
Manterase o nivel de coordinación das Biif cos Corpos e Forzas de Seguridade para obter un único informe de investigación, que sexa o que se traslade ó Ministerio Fiscal no caso de existir sospeitosos. Para facer unha boa investigación requírese persoal dedicado a esta labor. Darase máxima prioridade ó traballo de investigación á hora de integrar aos axentes Biif nas quendas dos Distritos.
Polo contido do escrito referido APRAFOGA SOLICITA:
Ó Sr. Director Xeral de Montes e I.F. ordene a quen corresponda unha corrección de erros en toda regra e a súa publicación na citada páxina web da Consellería.
Quedando á espera de ser atendidos, reciba un cordial saúdo.
Pontevedra, 9 de xullo de 2010
O PRESIDENTE
Miguel García Fernández
Sr. Director Xeral de Montes e Industrias Forestais
Edificios Administrativos – San Caetano
15704 – Santiago de Compostela
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}
{jcomments on}