Escrito ó Director Xeral de Conservación da Natureza
Estimado Sr. Director Xeral, seguramente ten vostede coñecemento da existencia da Asociación APRAFOGA (Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galiza). E igualmente saberá que fai máis dun semestre solicitamos entrevista ó Conselleiro do Medio Rural co obxecto dunha primeira toma de contacto cos novos responsables da Administración con competencias nas Escalas de Axentes Forestais e Facultativos Medioambientais. Nesta primeira xuntanza a nosa intención é de entregarlle en man unha copia do borrador do Regulamento Grupo C, o proceso pendente do Grupo D ó C, a caducidade do Acordo das condicións laborais (económicas e horarias) e tamén achegarlle un borrador de Acordo elaborado por esta Asociación.
Tamén (como non), intercambiar opinión sobre as necesidades no número de Axentes en Conservación, o recoñecemento como Policía Xudicial xenérica, a ausencia de material imprescindible no caso de toma de mostras de auga, a distribución de Axentes por Distrito e zonas de desembocadura e ligado con estes asuntos tamén lle faremos entrega dun borrador presentado no seu día sobre a modificación das Rpt´s nas competencias da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Da petición de reunión ó Sr. Conselleiro, celebramos unha co Director Xeral de Montes o día 09/07/2009, a el fixémoslle chegar a intención de reunirnos con vostede (“co seu homólogo en Conservación”), e resposta moi convencido que seguramente tamén na súa axenda estaba ese cometido; pero de tódolos xeitos faríalle chegar a noso desexo de xuntanza.
Logo dunha considerable espera ó chamamento para a reunión, por mor da súa tardanza levan sucedido unha serie de acontecementos, (como consecuencia do desenvolvemento das nosas funcións) que acabaron con falsas acusacións e insinuacións ó trapicheo (sen dúbida causados por terceiros) tentando involucrar os Axentes actuantes; deste suceso (caso dos salmóns do Ulla) seguramente ten coñecemento a súa Dirección Xeral de Conservación da Natureza pero o colectivo non sentiu máis que o de sempre, silencio.
Este silencio fai crer nun esquecemento e abandono cara o colectivo que os respectivos organismos da súa Dirección Xeral ou vostede mesmo, non corrixiron nin procuraron solucionar a tempo para que as consecuencias foran menores, e polo cal dende APRAFOGA denunciamos publicamente en este escrito; baseándonos en feitos, publicacións e manifestos como por exemplo:
- Falsas acusacións e insinuacións ó trapicheo no caso do Ulla.
- A filtración de documentos internos que chegan a terceiros antes que ó interesado.
- A comunicación ó Colectivo de novidades no asunto da pesca (Reo) por parte de terceiros; terceiros que se mofan, de habelo convencido a vostede para arrancarlle un compromiso de variacións nas condicións de horarios ou permisos para a vindeira tempada hábil e de veda.
Nestes puntos “Falamos de Miguelpesca”, quen se sumou na nosa páxina web “Aprafoga.org” ós comentarios do escrito “A los lectores de Aprafoga sabed que”, para “fustigar” ó colectivo de Axentes coas últimas novidades para a pesca deste ano 2010, acusarnos de parasitos de outubro a marzo e ameazarnos con que de agora en adiante vamos a chegar máis tarde á casa por mor dos beneplácitos do Sr. García-Borregón ó concederlle unha hora máis para a pesca do Reo, e tamén posibilidades de pescar en veda un reducido grupo da elite da competición.
Sinxelamente para vomitar, ler estas posibles novidades feitas coma un traxe a medida para disfrute dun grupo que se fai chamar a “elite da competición” fai pensar que principios tan Constitucionales como a igualdade ante a Lei, a non discriminación por mor da raza, do sexo, do status social, da relixión ou da política; quedan de lado cando impiden conceder caprichos a persoas de suposto “Renombre Histórico” na pesca de salmónidos do Río Ulla.
En esquecemento e abandono tamén quedaron os compañeiros de Conservación en Lugo ó non recibir o correspondente pago das gardas extraordinarias -09 en tempo e forma coma os demais. O vixente Acordo “caducado” di que se cobrarán ó ano en concepto de produtividade e polo desenvolvemento efectivo dos servizos.
Non podemos consentir dende esta Asociación un esquecemento tan inxustificado come é o “reconto pormenorizado territorialmente”.
Por elo, “solicitamos” e “sosteremos”, que os compañeiros pendentes da liquidación de produtividade dos servizos extraordinarios con cargo ó ano 2009 “sexan indemnizados co correspondente porcentaxe de recargo que conlevan outros pagos de obrigado cumprimento dos administrados ante a Administración”.
Tampouco podemos consentir que terceiras persoas vendan como novidade determinados cambios nas Ordes de vedas para mofarse daqueles que (co necesario celo profesional), vixían e custodian os bens da nosa riqueza piscícola.
E non se pode consentir dende unha Administración Autonómica un aumento horario e/ou unha concesión de pesca en veda para salmónidos a ningún grupo de particulares encubertos tras un escudo que fan chamar a “elite da competición”. Máxime, a sabendas da suposta abundancia destas especies, do escaso control das súas capturas por falla de persoal, da diminución de persoal na época estival polo asunto dos incendios forestais, e outras máis.
Polo exposto, teña a ben entender o nosa desconformidade coa actual situación que inunda ó colectivo.
Á espera de ser chamados para a esperada xuntanza reciba unha cordial aperta.
Pontevedra 19 de xaneiro de 2010
O PRESIDENTE DE APRAFOGA
Sr. Director Xeral de Conservación da Natureza
Conselleria de Medio Rural
Santiago de Compostela
{jcomments on}