Escrito sobor das declaracións feitas polo Fiscal de Medio Ambiente de Pontevedra
O escrito envióuselle ó Delegado de Medio Rural de Pontevedra, Director Xeral de Montes, Conselleiro de Medio Rural, Fiscal de Medioambiente de Pontevedra, Fiscal coordinador de Medio Ambiente de Galicia, Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e ó Fiscal de Sala de Medio Ambiente do Tribunal Supremo.
Sr. Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.-
A Asociación Profesional de Axentes forestais de Galicia quere mostrar a súa discrepancia sobre determinados contidos feitos públicos da memoria de 2006 da Fiscalía de Medio Ambiente de Pontevedra e a repulsa de frases coma …“resulta práctica habitual y más cómoda, a la vez que agrada más a la administración competente, que los agentes forestales que acuden a los fuegos, al no encontrar pruebas o evidencias físicas patentes…, califican el incendio como intencionado basándose en meras conjeturas y sospechas”.
En primeiro lugar amosamos a nosa sorpresa por coñecer estas circunstancias a través dos medios de comunicación cando cada día o noso colectivo interactúa mais cos representantes do Ministerio Fiscal e nunca se nos fixo ningún comentario sobre como recabamos os datos ou como realizamos as investigacións técnicas dos incendios. Tampouco nas reunións dos respectivos comités policiais antiincendios o representante do Ministerio Público fixo obxecións ao respecto.
A valoración inicial do Axente Forestal que se fai cargo dun incendio forestal é moi importante para o esclarecemento dos feitos. Na maioría dos casos o Director da extinción determina sen erro a área de inicio do sinistro; cousa distinta é determinar o punto exacto e descubrir o medio de ignición que ten que realizarse cunha laboura moi ardua. Aínda así:
¿Ten dúbida da intencionalidade incendiaria calquera profano cando aparecen varios focos de ignición na orixe dun incendio ou cando en reiteradas xornadas se producen incendios na mesma zona ou cando signos de conflictividade non lugar conducen a indicadores de actividade claros, ou en incendios iniciados de noite con ausencia de indicadores de situacións de risco?.
¿Pódese chegar a por en dúbida se un Axente Forestal ou calquera profesional da extinción de incendios forestais sabe ou non cando hai desprendemento de pavesas, saltos de lume ou focos secundarios na propagación dun incendio forestal?.
No ano 1992 a Xunta de Galicia encargoulle aos Axentes Forestais facer unha enquisa sobre as causas e as motivacións dos incendios forestais ás corporacións locais e a outros colectivos vinculados ao monte. Os resultados estatísticos son semellantes aos baraxados hoxe en día tanto pola Administarción da Xunta, coma o Ministerio do Medio Ambiente ou o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes.
O colectivo de Axentes Forestais de Galicia conta con 130 anos de historia custodiando e protexendo o noso medio natural. Estes funcionarios, dada a elevada incidencia do lume forestal no noso país, son os que mais experiencia atesouran na loita contra os incendios forestais. A suma de intervencións neste eido non ten parangón noutra xeografía europea e debido aos seus coñecementos veñen contribuíndo a formación das FCSE na investigación do delito de incendio forestal. A súa profesionalidade ten sido recoñecida pola concesión de premios de ámbito internacional a varios dos seus membros como o “Batefuegos de oro”, ou os escritos de felicitación, agradecemento e propostas de condecoración das FCSE que obran na Consellaría de Medio Rural referentes a Axentes forestais.
O anterior non significa que non sexa mellorábel o presente. É intención deste colectivo procurar ser o máis profesionais posíbeis para dar un servizo público de protección do medio ambiente acorde as demandas sociais. Cada día os niveis de formación co que se opta a unha praza destes funcionarios é superior e maiores son cada día os niveis de especialización que se están acadando. Este colectivo está moi comprometido ca loita dos incendios forestais e é o seu desexo chegar a investigar todos e cada un dos delitos que se producen coa maior minuciosidade posíbel utilizando os protocolos e os métodos científicos pertinentes. Pero a día de hoxe aínda nos queda moito para acadar ese rango ante a elevada actividade incendiaria e a limitación dos recursos dispoñíbeis; haberá pois, neste senso, procurar revisar a alza a dotación deste colectivo, especialmente en determinados Distritos.
Non se pode desvirtuar a valoración respecto das causas que verten os Axentes forestais no parte de incendio trala primeira inspección ocular do mesmo, pois seguidos polas súas “máximas de experiencia”, o marxe de erro na súa determinación dun incendio como intencionado non acada o 10% do total dos casos e, de calquera xeito, a súa primeira valoración sole ser o primeiro punto de partida para unha investigación mais profunda. Cousa distinta é respecto da motivación, pois a verdadeira fica na conciencia do autor e aínda que este sexa descuberto aquela non sempre é confesada.
Outra circunstancia a ter en conta é que os casos que chegan a fiscalía e os xulgados poidan non reflectir a realidade da problemática dos incendios forestais, pois así como na maioría dos incendios imprudentes obtéñense probas directas e é mais fácil por a disposición xudicial os seus presuntos autores, non ocorre o mesmo cos incendios intencionados onde as dificultades para obter probas directas son maiores e a posibilidade de obter unha sentenza condenatoria baseada en probas indiciarias é menor.
En calquera caso, as circunstancias que motivaron este escrito non van a empanar o noso traballo coa Fiscalía, pois sempre procuraremos practicar as dilixencias que os funcionarios do Ministerio fiscal nos encomenden para a comprobación do delito e identificación dos seus autores. Ao tempo os Axentes Forestais estamos traballando para tratar de procesar toda a información da que dispoñemos para poñe-la a disposición da Fiscalía, tamén estamos motivados para introducir melloras na defensa dos informes na fase do xuízo oral mediante novas aplicacións que se queren propoñer a Fiscalía. Os forestais queremos que o
s fiscais e os xuíces que o desexen nos acompañen para comprobar as nosas actuacións, invitación cursada xa a membros do Ministerio Fiscal con anterioridade aos feitos que nos ocupan.
Os Axentes Forestais subscribimos a nota de prensa emitida ao respecto pola Consellaría do Medio Rural a través da súa páxina oficial e agradecemos que os responsábeis deste departamento defendesen nos diferentes medios de comunicación a profesionalidade dos seus funcionarios.
A nosa pretensión non é facer público este escrito, consideramos suficiente a información vertida pola Consellaría e desexamos non seguir polemizando ao través dos medios de comunicación. Pero é noso desexo trasladar de xeito interno as nosas inquedanzas ao respecto mediante este escrito destinado as autoridades competentes e ficamos abertos a limar calquera diferenza para seguir traballando a reo todos xuntos naquilo que en realidade nos debemos de ocupar, acabar cos lumes forestais no monte galego e acreditar ante a sociedade galega a confianza que ten depositada en todos nós para esta causa.
Sen mais despídome de vostede agradecéndolle a súa atención.
Pontevedra maio de 2007
O Presidente de APRAFOGA
Miguel García Fernández