Escrito sobre a reclasificación da categoría dos Vixiantes
O escrito será enviado ó Secretario xeral da CMADS, ó Director xeral de Conservación da Natureza e á Directora xeral de Función Pública
En relación ó asunto que se está tratando entre a CMADS e as organización sindicais con representación no Comité Intercentros CC.OO, UGT, CIG e CSI-CSIF, sobre a reclasificación dos postos de celador de segunda/vixiantes de recursos naturais; grupo V – cat.9 pasando a Grupo IV – cat. 43 segundo as últimas conclusións da xuntanza do 17 de decembro de 2008. Chegounos novamente a esta Asociación unha copia do ultimado na citada reunión; onde, igualmente que nas outras propostas de reclasificación da categoría e grupo deste persoal, se pretende legalizar por vía de acordo entre patronal e sindicatos unhas funcións para o persoal laboral que corresponden por Lei á Escala de Axentes Forestais.
Destas usurpacións de funcións, APRAFOGA xa presentou escritos dabondo. En todos eles se fixo referencia ós apartados concretos dos textos legais que regulan e definen as competencias e funcións da nosa Escala, así como ás normas que amparan estas mesmas funcións como propias de persoal funcionario e que non poderán ser desempeñadas por persoal laboral cando para elo xa existan Corpos ou Escalas de funcionarios.
Polo exposto, e sosténdonos nos citados escritos presentados, e analizadas as distintas evolucións da proposta de acordo da nova denominación, grupo e categoría.
Manifestando unha vez máis que, non é intención de APRAFOGA impedir nin retrasar a nova reclasificación que se pretende, senón que se defina claramente onde comezan e rematan as funcións deste persoal, e que elo non implique a confusión nin a usurpación a outros.
Propoñendo tamén que se leve a cabo canto antes, queremos achegarlle a través deste escrito como debería redactarse a PROPOSTA:
Denominación da categoría: Celador de Recursos Naturais, grupo IV, cat. 43.
Definición:
“Persoal que, baixo a dependencia das Escalas de Axentes (Forestais / Facultativos Medioambientais) con funcións na Consellería competente en materia de conservación da natureza, exerce funcións de custodia das súas riquezas naturais e leva a cabo as tarefas de mantemento e conservación que se requiran, dentro dunha zona determinada coa súa respectiva área de influencia; para tal fin manexará os medios materiais postos á súa disposición e conducirá vehículos cando así o demanden as necesidades do servizo”
Segundo o ámbito de prestación exercerán as seguintes funcións:
1.- En Distritos/Concas fluviais.
Desenvolverán as súas funcións no territorio conformado polos Concellos pertencentes total ou parcialmente á conca fluvial e á súa área de influencia, baixo a dependencia organizativa do/a axente responsable da Zona ou Comarca e funcionalmente dependentes da categoría base dos axentes (Forestais/Facultativos Medioambientais), sen prexuízo de actuacións noutros ámbitos por razóns excepcionais, poderán exercer as seguintes funcións:
- Informar ó/á axente responsable da Zona ou Comarca e aos cidadáns, en asuntos relacionados cos aproveitamentos piscícolas en augas continentais e cos cinexéticos.
- Realizar actuacións tendentes ó fomento das poboacións de flora e fauna silvestres.
- Custodia da riqueza ictícola e cinexética, informando de tódolos cambios ou variacións que se detecten ó/á axente responsable da Zona ou Comarca no seu ámbito de actuación.
- Colaborar na realización das labores de control e mostraxe das poboacións de flora e fauna silvestres.
- Captura, recollida e traslado de fauna silvestre ou asilvestrada.
- Realización do guiado de exemplares e enquisas de esforzo.
- Colaborar no control de campionatos e outros eventos piscícolas ou cinexéticos.
- Control e reposición da sinalización propia dos distintos espazos.
- Vixilancia, custodia e mantemento das infraestruturas da Consellería executadas en beneficio da riqueza piscícola e cinexética, efectuando as labores de conservación que se requiran.
- Limpeza e mantemento dos refuxios de pescadores ou cazadores no seu ámbito de actuación.
2.- En espazos naturais protexidos.
Baixo a dependencia organizativa do/a axente responsable do espazo natural de que se trate, e funcionalmente dependentes da categoría base dos axentes (Forestais/Facultativos Medioambientais), poderán exercer as seguintes funcións:
- Informar e comunicar ó/á axente responsable do espazo das incidencias que se detecten no traballo diario.
- Custodia e seguimento do espazo natural, informando ó/á axente responsable do espazo de tódolos cambios ou variacións que se detecten.
- Captura, recollida e traslado de fauna silvestre ou asilvestrada.
- Acompañamento ás visitas cando así o estime ó/á axente responsable do espazo.
- Control, mantemento e reposición da sinalización, do mobiliario e das infraestruturas.
- Control das actividades de uso público no espazo, facendo cumprir as normas establecidas a tal efecto.
- Control, mostraxe e conteos dos valores do espazo, baixo a dirección da categoría base da Escala de Axentes (Forestais/Facultativos Medioambientais).
3.- Na reserva de caza dos Ancares
Baixo a dependencia do/a axente responsable da reserva, poderán exercer as seguintes funcións:
- Informar e comunicar ó/á axente responsable da Reserva das incidencias que se detecten no traballo diario.
- Custodia e seguimento da Reserva, informando de tódolos cambios ou variacións que se detecten ó/a axente responsable da Reserva.
- Captura, recollida e traslado de fauna silvestre ou asilvestrada.
- Seguimento e localización dos posibles obxectivos de caza da tempada.
- Acompañamento dos cazadores e guía dos mesmos nas xornadas de caza ó axexo, así coma o seu control no desenvolvemento da actividade cinexética.
- Control, mantemento e reposición da sinalización da Reserva.
- Vixilancia mantemento e reposición do patrimonio inmobiliario e das infraestruturas.
- Control das visitas que se adentraren na Reserva, tratando de evitar que poidan molestar á poboación cinexética.
CONCLUSIÓNS:
APRAFOGA, logo das interpretacións das distintas normas legais que regulan e obrigan ó diferente persoal ó servizo da Administración, sostén que o persoal laboral dos Grupos III, IV e V que desenvolve as súas funcións no ámbito de Conservación da Natureza debe ser dependente do respectivo Corpo ou Escala de funcionarios. Neste caso concreto, son as Escalas de Axentes (Forestais/Facultativos Medioambientais) as encargadas da distribución organizativa e do control funcional deste persoal laboral.
Entendemos tamén, que non é o Grupo nin a categoría respectiva a que pode amparar ou conceder a que este persoal teña unha zona determinada ó seu cargo. Senón que este, desenvolve as súas funci
óns nunha zona determinada; non impedindo este concepto, que por razóns excepcionais, poida desenvolvelas noutros ámbitos.
Igualmente entendemos, que non debe ser a categoría base da nosa Escala a que organice e distribúa este persoal laboral porque, nunha mesma Zona ou Comarca (división actual do Distrito) hai varios axentes base para o mesmo axente Zonal, tendo a responsabilidade do funcionamento da Zona ó seu cargo, que é asiduamente o actual ámbito de traballo do persoal laboral en Distritos/Concas fluviais.
En Espazos naturais protexidos e na Reserva de caza dos Ancares, será o axente responsable do Espazo ou Reserva o que organice, distribúa e controle as funcións deste persoal. Aínda que debemos lembrar que esta Asociación presentou no seu día unha proposta de RPT para a Escala, facendo fincapé que os Espazos naturais, Parques e demais divisións territoriais deberían estar conformadas coa respectiva xerarquización da Escala de Axentes si ó que se pretende chegar é á funcionalidade de Distrito Ambiental.
Nembargante, debe ser a categoría base das Escalas de axentes a encargada do desenvolvemento funcional do traballo deste persoal “Celadores de Recursos Naturais Grupo IV, cat. 43”, sendo estes auxiliados dos axentes na execución das súas funcións polas seguintes razóns:
- A non esixencia de titulación específica para ocupalo posto de traballo.
- Carecer da consideración de axentes da autoridade cando non vaian acompañados polo persoal da Escala de axentes, ou dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
- A falla de presunción de veracidade dos feitos por eles denunciados ó carecer do nomeamento de funcionario.
Un cordial saúdo
Pontevedra, 9 de xaneiro de 2009
O PRESIDENTE
Miguel García Fernández.
Sr. Secretario Xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Complexo Administrativo San Lázaro
15781 – Santiago de Compostela