Escrito sobre armamento presentado en rexistro o día 10 – 05 – 07

 

O escrito foi metido en rexistro o día 10-05-07 e nel reivindícase a necesidade de dotar de arma ós Axentes forestais. Foille enviado ó Secretario Xeral de Medio Rural, ó Director Xeral de Montes, ó Secretario de Medio Ambiente e ó Director Xeral de Conservación da Natureza.

 

Pontevedra, maio de 2007.

 

Dende esta Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galiza, queremos chama-la súa atención en relación á dotación de armamento ós Axentes Forestais.

 

A máis que centenaria “Guardería Forestal”, pasou por multitude de cambios ó longo da súa existencia (máis de 130 anos), en todos eles, a arma permaneceu como algo propio da Gardería. Incluso coas mesmas discrepancias de hoxe en día sobre o diseño ou cores do uniforme, a arma chegouse a considerar parte do mesmo.

 

Nalgunha época, na que procurar o tipo de pano sinalado para o uniforme era casi imposible, (elo obrigaba a costearse un mesmo o uniforme cun escaso soldo) facendo inexistente a uniformidade do colectivo, algún Ingeniero Jefe de entón informaba ós seus superiores: “…no visten el uniforme y carecen de carabinas y bandoleras y hacen el servicio con escopetas costeadas de su propio pecunio”. Esta decisión tomada polos “Guardas”, inxustificable e ilegal nos nosos tempos, era incluso ben entendida polos Ingenieros Jefes da época, quen manifestaban as súas queixas polas actuacións que paralelamente tomaba a Guardia Civil, retirándolles a arma pola falta das correspondentes licencias e deixando sen lexítima defensa á Gardería, que no seu afán de cumprir co deber de custodia dos bens forestais encomendados buscaban remedio para o máis esencial, “salva-lo seu pelexo”.

 

Xa próximos ó 1900, igualmente obrigados a costearse o uniforme cada un, as insignias serían pola conta do Ministerio de Agricultura, Industria… e o armamento e municións polo Ministerio de la Guerra.

 

Un Decreto de 1935 concedía ó Cuerpo de la Guarderia Forestal o carácter de funcionarios públicos e axentes da autoridade, art.4º ”Al personal de Guardería Forestal le facilitará el Estado, por conducto de los Jefes de Línea de la Guardia Civil, el armamento y municiones reglamentarios, consistiendo aquel en carabina o mosquetón…”

 

Outro Decreto do 41, sinala que se usaría o armamento regulamentario que se asignara e terían a obriga de ir provistos do mesmo en tódolos actos de servizo.

 

Nos anos 60, a Asociación Benéfica Forestal recordaba a necesidade de dotar de arma a tódolos membros deste corpo, dada a complexidade dos servizos que prestaban. Por iso, propuxeron que sin prescindir da arma longa –rifle ou tercerola-, tamén resultaba necesaria unha arma corta, pois en numerosos servizos a arma longa resultaba molesta e inoportuna.

 

Unha década despois de creado o ICONA, nos anos 80 e logo de reiteradas solicitudes do cambio de arma longa a curta, escomenzárase de maneira progresiva a substituir o armamento, levándose a cabo de acordo ós orzamentos do momento.

 

Deste xeito entramos no período inicial da descentralización dos poderes do Estado ás Comunidades Autónomas, e nalgunhas, contínuase co uso da arma e outras ofreceron unha invitación á retirada, como supoñemos é o caso de Galiza, polo desinterese que veu mostrando a Administración nos derradeiros anos.

 

Non resulta dabondo tipificar no Regulamento 293/1997 da Escala de Axentes Forestais, (artigo 28 apartado 1º onde dí: “O persoal da escala que desempeñe as funcións de vixilancia “poderá” ser dotado de armamento con obxeto de que unicamente en determinados servizos porte armas en garantía á súa lexítima defensa con respecto estricto da normativa vixente”), si logo non se levan a cabo os requisitos restantes que marca a normativa vixente e non se enumeran os determinados servizos.

 

Case dez anos de vixencia deste regulamento e a Administración non puxo nada da súa parte. Veuse reiterando esta petición de forma colectiva e individual, tamén intermediando nelo APRAFOGA, pero as nosas solicitudes de posta en marcha dos pasos necesarios para poder realizar armados os servizos “determinados” quedaron no esquecemento. Nembargantes, as derradeiras reunións mantidas cos respectivos Directores Xerais das Consellerias de Medio Rural e Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ofrecen unha perspectiva de solución e posta en marcha de esa condición “poder portar arma” que a normativa existente permite e que consideramos un dereito.

 

En canto á normativa existente:

O Real Decreto 137/1993, del 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Armas e o Real Decreto 316/2000, do 3 de marzo, polo que se modifican algúns preceptos do citado Regulamento de Armas, relativos ás licencias e ás revistas:

 

Capítulo V do Regulamento “Licencias, Autorizaciones especiales y Tarjetas de armas”.

 

O Art. 96 di:

2. La tenencia y el uso de las armas de la categoría 1, 2 y 3 precisara de licencia de armas.

 

4. Las demás licencias para armas de las categorías 1, 2 y 3 serán: La licencia C, para armas de dotación del personal de vigilancia y seguridad no comprendido en el apartado 3. (Menciónase nel as licencias de armas A, coa eficacia das licencias B, D e E, que documentará ás armas das categorías 1, 2 e 3 de propiedade privada do persoal dos Corpos Específicos dos Exércitos, Forzas Armadas, das Forzas e Corpos de Seguridade e do Servizo de Vixiancia Aduaneira.)

 

O Art. 97 di:

1. La solicitud de expedición de las licencias de armas habrá de presentarse en la Intervención de Armas de la Guardia Civil correspondiente al domicilio del interesado, acompañada de la siguiente documentación:

 

  • a. Certificado de antecedentes penales en vigor.
  • b. Fotocopia del documento nacional de identidad en vigor.
  • c. Informe de aptitudes psicofísicas.

Capítulo Preliminar, Sección III “Clasificación de las armas reglamentadas”.

 

O Art. 3:

Se enumeran y clasifican las diferentes categorías, entre ellas, las que requieren Licencia tipo C:

– Primera categoría. Armas de fuego cortas: Pistolas y revólveres.

– Segunda categoría:

  • 1. Armas de fuego largas. Para vigilancia y guardería.
  • 2. Armas de fuego largas rayadas. Las utilizables para caza mayor.

Ademáis dos requisitos legais que se enumeran, dende APRAFOGA sabemos que ante a ausencia de regulamentación, xa que, o Regulamento anteriormente citado non contempla explícitamente o uso de arma corta para o servizo, dacordo co parecer da Intervención de Armas da Guardia Civil, as Consellerías correspondentes, deberán formular ante o Director General de la Guardia Civil, solicitude de autorización de uso de arma corta para ditos axentes forestais, aducindo os motivos e criterios, acompañando a normativa autonómica que se considere n
ecesaria ó obxeto de amparar tal solicitude.

 

Dita solicitude deberá dirixirse á Intervención Central de Armas y Explosivos da Dirección General de la Guardia Civil, que previo á súa resolución a elevará á Comisión Interministerial Permanente de Armas y Explosivos para o seu dictame.

 

Dende esta Asociación Profesional de Axentes Forestais, expoñemos os motivos e criterios para o uso de arma corta amparándonos nas definicións legais según as normas vixentes:

 

– Os funcionarios en activo e pertencentes á Escala de Axentes Forestais, definidos así na Lei 43/2003, de 21 de novembro, de Montes. Modificada pola Lei 10/2006, de 28 de abril, publicada no BOE nº 102 de 29-4-2006. “O funcionario que ostenta a condición de axente da autoridade pertencente ás Administracións Públicas que, dacordo coa súa propia normativa e con independencia da denominación corporativa específica, ten encomendadas, entre outras funcións, as de policía e custodia dos bens xurídicos de natureza forestal e a de policía xudicial en sentido xenérico tal e como establece o apartado 6º do artigo 283 da Lei de Enxuizamento Criminal”.

 

-Ten asignadas, entre outras, as funcións segundo o artigo 2º do capítulo 1 do Regulamento da Escala de Axentes Forestais, aprobado por Decreto 293/1997 do 1 de outubro:

 

  • Custodia, protección, vixilancia e defensa dos recursos forestais, dos montes e demáis bens forestais.
  • Custodia, protección, vixilancia e defensa dos espacios naturais e da fauna e flora silvestre.
  • Control de aproveitamentos forestais, cinexéticos e piscícolas en augas continentais.
  • Vixilancia e prevención dos incendios forestais.

Sendo as súas funcións a desempeñar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma Galega.

 

A Alternancia de vehículos, a singularidade da nosa terra en relación á densidade e espesura da vexetación, a dispersión xeográfica dos asentamentos humáns etc., determinan a idoneidade da arma corta, resultando evidente perseguir a ergonomía cando tomamos en consideración os conceptos de seguridade, manexo, transporte, custodia ou incluso imaxe pública.

 

Por todo o exposto, e sen prexuízo da utilización puntual de armas longas cando as necesidades do servizo así o precisen, consideramos que a arma debe ser corta, como garante da lexítima defensa e en aplicación do principio de proporcionalidade. Ademáis, a consideración de Policía Xudicial en sentido xenérico conleva outras actuacións. No suposto da detención e á espera dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, resultan imprescindibles os “grilletes”, dito elemento evitaría a lesión ós axentes e incluso a autolesión ó detenido. Sobre este feito non existe unha normativa específica, pero sí circulares que aconsellan o uso dos mesmos no caso da custodia.

 

Á espera de recibir contestación pola súa parte para poder concretar con máis detalle e contido a “dotación de armamento”, queremos manifestarlle que a intención desta Asociación non é outra que a de establecer as premisas legais que nos faculten a poseer as oportunas licencias, armas e municións (coas súas respectivas probas de tiro, manexo e custodia da arma) e acordar os determinados servizos que, de selo caso, realizaranse portando a mesma, así como, o lugar e a forma de facelo para que non resulte intimidatorio cara ós administrados.

 

Somos coñecedores que unha decisión desta natureza suporá a asunción de responsabilidades por parte de todos, pero estamos convencidos de que soamente asumindo as mesmas poderemos alcanzar a efectividade que hoxe en día precisa unha Administración seria e eficiente. A operatividade e o exercicio de competencias dun servizo público que a súa obriga non é outra que a salvagarda do patrimonio natural de Galiza.

 

Pontevedra, 10 de maio de 2007
O Presidente de APRAFOGA

 

 

 

Miguel García Fernández{jcomments off}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies