Escrito sobre os Vixiantes
- No seu día esta Asociación presentou un dictame da nosa Asesoría Xurídica no que se poñía en evidencia que pola Consellería, amparándose na ambigüa redacción do IV Convenio Colectivo, estábase de modo irregular atribuíndo competencias ós Vixiantes de Recursos Naturais, cando é evidente que o Convenio Colectivo non é norma xurídica que permita distribuír funcións e competencias entre os distintos corpos e escalas de persoal ao servizo da Administración, e moito menos cando esta distribución afecte a terceiras persoas que non son parte no Convenio. Tamén se poñía de manifesto a imposibilidade de que dito persoal laboral puidese gozar da presunción de veracidade nas súas denuncias, o que deu pé a que a Administración cometa a flagrante ilegalidade de notificar aos interesados as aperturas de expedientes sancionadores incoados sobre denuncias dos Vixiantes como se os feitos da mesma fosen denunciados por Axentes Forestais. Igualmente púxose de manifesto que a Administración aceptaba informes dos Vixiantes sobre o medio natural e mesmo admitía a realización por eles das tramitacións de cortas de vexetación de ribeira.
- Tamén no seu día vímonos na obriga de reclamar o dereito dos Axentes Forestais a recibir instruccións dos Servizos Provincias para a realización das funcións propias da Escala de Axentes, nalgúns feudos fluviais que avogaban a facerse históricos ó mando de “Encargados” de coñecido renome, dando ordes e cuadrantes de traballo ó persoal ó seu cargo “os Vixiantes”. Por suposto, deixando completamente de lado á Escala de Axentes Forestais de Galicia.
- Cando aínda non se resolvera ningún de ditos problemas (e non por falta de tempo), unha nova faciana política faise cargo da Administración, e en troques de cambiar as cousas, empeórase gravemente a situación a través das denominadas Directrices de Organización dos Servizos Provinciais para todo o seu persoal no ámbito da Natureza. Estas entregáronse e explicáronse nalgunhas Provincias da man do Delegado Provincial da CMADS en cada Distrito; noutras, non chegaron nin pedíndoas a través da xerarquía da nosa Escala (nótese a falta de criterio e mesmo de transparencia cando en algúns Distritos tense acceso ás mesmas e en outros trátanse con total escurantismo, evitando a súa difusión e coñecemento, se ben se aplicaban igualmente). Nestas Directrices, os Vixiantes de Recursos Naturais equiparanse en funcións ós Axentes base, e estarán ó mando de persoal da nosa Escala que ocupe postos de Axente Zonal ou Axente Territorial. Deste xeito, vixían, custodian, denuncian, informan e tramitan como si fosen Axentes Forestais. Iso si, non teñen función na caza nin tampouco atenderán danos causados pola fauna, porque son Vixiantes de Recursos Naturais con ámbito de conca “bacía fluvial” e están só para temas de pesca. Os outros, os que son Vixiantes de Recursos Naturais con ámbito de Distrito poden exercer a vixilancia tamén para a práctica da caza.
- En consecuencia, Aprafoga presentou as alegacións pertinentes a tal aberración organizativa, carente de sentido común e de toda lóxica xurídica en canto ás funcións a desenrolar polas distintas clases de persoal ó servizo da Administración, ás súas categorías e a necesaria xerarquización. Na mesma faise mención a todo o articulado da Lei de Función Pública referente ás competencias e funcións dos Corpos/Escalas, e á usurpación de funcións que se está consentindo ó poñer na man doutro Grupo ou Categoría de persoal da Administración, funcións propias e específicas da Escala de Axentes Forestais. Tamén se recordan os parágrafos pertinentes da Lei de Procedemento Administrativo Común para o trámite dos expedientes administrativos, e a falla de presunción de veracidade dos feitos denunciados por persoal non funcionario aínda considerados por outros textos legais como axentes da autoridade. Igualmente ofrécense posibilidades de arranxo a esta equivocada redacción das Directrices, solicítanse reunións coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza e se lle explica verbalmente ó Director Xeral, “Sr. Reza”, todo este malestar causado por unha imposición organizativa de profundo contido ilegal, tentando comparar e incluso equiparar os Vixiantes de Recursos Naturais cos funcionarios da Escala de Axentes Forestais. E inclusive se lle recorda que a Administración tamén tenta enganar ó cidadán facilitando ós Vixiantes unha roupa de traballo semellante á dos Axentes, como igualmente os vehículos e os consentimentos de tramitacións de corta de vexetación de ribeira e a non obrigación do desenrolo de traballos de mantemento dos que fala o seu IV Convenio Colectivo Único para o persoal laboral, e que ben facilitarían á propia Administración o cumprimento de sinalización e adecuación dos tramos acoutados de pesca cumprindo con elo un dereito dos cidadáns afeccionados á práctica deste deporte.
- Colateralmente, os medios de comunicación escritos dan a coñecer a sentencia firme que os tribunais fallaron en favor da Asociación de Capataces Forestais, por terceiro recurso consecutivo, en resposta á presentación dunha demanda contra a Administración polo consentimento de que persoal non titulado “Capataz Forestal” exercera como tal, e que igualmente se admitira como opositor á citada categoría e resolveran as tomas de posesión integrándoos nestes postos de traballo.
- A mediados do 2007, chega a mans desta Asociación “Apra
foga”, unha proposta da propia CMADS na que se presenta a creación dunha nova categoría de persoal laboral “Oficial de Traballos Ambientais” xustificada pola necesidade de cumprimentar as “Directrices” dos servizos medioambientais. Estes serán, “Persoal encargado de executar actividades para cuxa realización se require, ademáis de esforzo físico, coñecementos teórico-prácticos especializados, responsabilizándose no ámbito do seu cargo de cumprimentar as directrices dos servizos medioambientais.
- Mostraxes de pesca eléctrica.
- Mostraxes de compoñentes de biodiversidade.
- Tarefas relacionadas coas repoboacións piscícolas.
- Recollida de fauna ferida e traslado ós centros de recuperación.
- Recollida de aves mortas ou doutro tipo de fauna, conforme ós protocolos establecidos.
- Solta de exemplares de fauna recuperados.
- Instalacións de sinais de caza, pesca e espazos protexidos ou doutro tipo de infraestruturas e mobiliario relacionadas co medio natural.
- Execución de tarefas de reintroducción, sementeira, plantación e de traballos selvícolas que leve a cabo a Consellería responsable do medio ambiente.
- Unha vez máis, Aprafoga entrega alegacións ó respecto e baseadas nos mesmos incumprimentos legais anteriores ó insinuar novamente a usurpacións de funcións propias da Escala de Axentes Forestais de Galicia. Tamén se recorda a posible triplicidade de persoal para a cobertura das mesmas necesidades, resultando tan antieconómico como contrario a Dereito, violando tanto o principio de eficacia coma o criterio de eficiencia que deben rexer a actuación das administracións públicas de conformidade co establecido no art. 3.1 e 2 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. E todo elo sen pararse a pensar que podemos estar ante un fraude de lei, si a intención que encubre esta proposta é o evitar a creación de novas prazas de Axentes Forestais “sustituindo ” estas por un persoal laboral.
- En recentes datas, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a través da súa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, fai entrega a este persoal laboral Grupo V, categoría 9 dunha tarxeta ou carné acreditativo na que di:
“O portador desempeña funcións de policía, custodia, conservación e mantemento dos recursos naturais”.
Convenio Colectivo Único para persoal laboral da Xunta de Galicia, Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, Lei 4/1997 de Caza de Galicia, Lei 7/1992 de Pesca fluvial e demais normativa de aplicación.
A análise deste documento evidencia que a Administración ou ben non entendeu nada de todo o que esta Asociación estaba explicando dende o principio, ou ben que presenta un desprezo total e absoluto pola legalidade; xa que, de estar segura da corrección da súa actuación, ningún inconvinte tería en facilitar a esta Asociación de modo motivado e argumentado unha resposta escrita de porqué éramos nos os equivocados. Folga dicir que xamáis recibimos tal contestación, nin con este goberno nin co anterior. - Como derradeiro de todas estas intencións, chéganos a esta Asociación da man das forzas Sindicais representativas no Comité Intercentros, outra nova denominación para este persoal laboral do Grupo V, cat. 9, reclasificándoo no Grupo IV, cat. “Oficial de Recursos Naturais”. Do mesmo xeito que nas anteriores, defínese como persoal con funcións de custodia das riquezas naturais, podendo tamén exercer segundo o seu ámbito de actuacións outras funcións; de entre estas, todo o referente á vixilancia, policía, custodia e tratamentos administrativos xa están contempladas no Regulamento da Escala de Axentes Forestais (Decreto 293/1997) como propias dos Axentes Forestais
- O Texto Refundido da Lei de Función Pública de Galicia (Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo), no seu Título IV, capítulo III, (Relación de postos de traballo, provisión,…), artigo 27.2, di: “Os postos de traballo da Administración da comunidade autónoma e dos seus organismos autónomos de carácter administrativo serán desempeñados por persoal funcionario público.
Exceptúanse da regra anterior e poderán ser desempeñados por persoal laboral:
c) Os postos correspondentes a áreas de actividades que requiran coñecementos técnicos especializados cando non existan corpos ou escalas de persoal funcionario en que as persoas integrantes teñan a preparación específica necesaria para o seu desempeño. - A Lei 4/1997 de Caza de Galicia, no Título V, art. 49.1, establece que: “A vixilancia da actividade cinexética e o cumprimento dos preceptos desta lei desempeñaranos os Axentes Forestais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os demáis corpos e institucións da Administración que, con carácter xeral, teñan encomendadas funcións de custodia dos recursos naturais”.
- A Lei 7/1992 de Pesca Fluvial, no Título IV, art. 28 di: “Sen prexuízo do establecido na lexislación vixente, e maila as demais misións que desempeñen, os Axentes da gardería dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes encargaranse especificamente de velar polo cumprimento dos preceptos establecidos nesta lei e de denunciar as infraccións que contra esta se produzan, tendo, para tales efectos, a consideración de Axentes da autoridade”.
- A Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, na Disposición Adicional Terceira: Inspección ambiental di: “1. A inspección, a vixilancia e o control da materia obxecto desta lei corresponderanlle á Consellería de Medio Ambiente, a cal promoverá os mecanismos
de control necesarios cos demais órganos da Administración autonómica de Galicia e o resto das administracións públicas”.
- A Lei 1/1993 de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, no TÍTUTLO IV Art. 17 “Da inspección e vixilancia” di: 1.-A inspección superior para o mellor cumprimento do establecido na presente lei correspóndelle á Xunta de Galicia a través da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
- O Convenio Colectivo Único non é unha norma con rango legal aos efectos de atribuír pola vía de definición do contido funcional da categoría, unha serie de funcións ou competencias propias da Escala de Axentes Forestais, a unha categoría dun Grupo do persoal laboral da Xunta de Galicia. O Convenio Colectivo Único tan só é un acordo marco para establecer e regular as normas polas que se rexerán as relacións xurídico-laborais entre a Xunta de Galicia e o persoal que, suxeito á lexislación laboral, preste os seus servizos baixo a súa dependencia e a dos seus organismos autónomos.
- A xustificación e encaixe legal no marco normativo vixente da categoría de persoal laboral “Vixiante de Recursos Naturais” ou, segundo a súa previsible denominación, “Oficial de Recursos Naturais”.
- Os traballos e funcións a desempeñar polo persoal laboral “Vixiantes de Recursos Naturais” ou, segundo a súa presumible denominación, “Oficial de Recursos Naturais”.
- Os traballos e funcións a desempeñar polos Axentes Forestais.
- A relación xerárquica e funcional existente entre ambos, así como os criterios e mecanismos arbitrados para resolver os supostos de duplicidade de funcións.