Escrito sobre protocolo de velenos

 

A Consellería de Medio Ambiente fixo circular un borrador dun protocolo de actuación no que figuran as pautas que se deben seguir en situacións de atoparse nun suposto caso de envelenamento.
Dito protocolo non ten por donde collerse, polo que se lle enviou o escrito que a continuación poñemos, ó Director Xeral de Conservación, ó Secretario Xeral e ó Subdirector Xeral de Recursos Cinexéticos e piscícolas.

 

De novo, a Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia “APRAFOGA”, considera axeitado poñerse en contacto con vostede por medio deste escrito para achegarlle os pareceres sobre o Protocolo de actuación dos Axentes de Conservación da Natureza, no caso de atoparse con velenos ou fauna supostamente envelenada.

 

Seguramente sabe xa, que nalgúns Servizos Provinciais de Conservación recibéuse un borrador do que procura ser o citado “Protocolo de actuación”. E tamén debería saber que nalgúns Distritos da mesma Provincia entregóuse e noutros non. Tamén aproveitamos para manifestarlle as queixas por esta carencia de coordinación que está sufrindo o colectivo, e que na maioría das veces é axena á xerarquía do noso Corpo/Escala.

 

Certo é, satisfácenos saber que se toman decisións para conxuntar normas de actuación na procura dunha mellor técnica para desenvolver as encomendas das nosas funcións. Unha proba delo son os folletos plastificados a xeito de protocolo, para desenrolar as actuacións no caso de posible influencia aviaria.

 

Pero do cometido que nos ocupa, como é o emprego de velenos (estricnina, carbofuranos, aldicarb, metiocarb, organofosforados, simacina, rodenticida ou explosivos, cementos, cal, cloros, lexías) que poden causar a morte de xeito masivo tanto a especies cinexéticas como piscícolas, consideramos imprescindible a súa mellora para salvagardalos requisitos legais do marco xurídico.

 

Na elaboración dun Protocolo de actuación dos Axentes de Conservación da Natureza no caso de atoparse con velenos ou fauna supostamente envelenada, teremos que ter en conta varios condicionantes:

 

  • “O emprego de veleno, ou calquera outro método de destrucción masiva ou non selectiva, está tipificado como delito no artigo 336 do Cógico Penal de 1995”. A súa modificación por Lei Orgánica 15/2003, de 25 de novembro castiga o emprego de veleno con pena de cárcere de 4 meses a 2 anos ou multa de 8 a 24 meses, e en todo caso inhabilitación especial para o exercicio da caza ou da pesca por un tempo de un a tres anos.
  • Do mesmo xeito, “é importante lembrar que a tipificación do emprego do veleno como delito no Código Penal implica só unha prevalecencia (que non sustitución) da vía penal fronte á vía administrativa”.
  • Por outra banda, os Axentes Forestais ou Medioambientais coa entrada en vigor da Lei 10/2006 pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de Montes, vímonos unha vez máis recoñecidos como “axentes da autoridade” e ademáis como “policia xudicial en sentido xénerico dacordo co disposto no apartado 6º do artigo 283 da Lei de Enxuizamento Criminal”.
  • A mesma Constitución Española no seu artigo 126 dí: “A policia xudicial depende dos xuizes, dos Tribunais e do Ministerio Fiscal de España nas súas funcións de averiguación do delito e descubrimento e aseguramento do delincuente, nos termos que a lei estableza”.
  • Nestes termos, a Lei de Enxuizamento Criminal no seu artigo 282 define claramente o fundamento esencial da Policia Xudicial: “A Policia Xudicial ten por obxeto, e será obriga de tódolos que a compoñen, averigüar os delitos públicos que se cometeran no seu territorio ou demarcación; levar a cabo según as súas atribucións, as dilixencias necesarias para comprobalos e descubrir ós delincuentes, e recoller tódolos efectos, instrumentos ou probas do delito dos que houbera perigo da súa desaparición, poñéndoos a disposición da autoridade xudicial”.
  • Poñer a disposición da autoridade xudicial os efectos, instrumentos ou probas do delito no caso de velenos (cebos envelenados, cadáveres ou restos deles), conleva entregalos en centros recoñecidos como competentes pola citada autoridade para a súa análise. Polo que, falamos dos “Institutos de Medicina Legal ou de Toxicoloxía”. Así define a este último o artigo 505 da Lei Orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial, “coma un órgano técnico adscrito ó Ministerio de Xustiza, tendo a misión de auxiliar á Administración de Xustiza”.
  • Igualmente, nos condicionantes para a elaboración deste Protocolo deberemos ter en conta o documento da Comisión Nacional de Protección da Natureza (Madrid, 23 de setembro de 2004) e pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente (Mérida, 23 de outubro de 2004) “Estratexia Nacional contra o emprego ilegal de cebos envelenados no medio natural”.

Sinalados os citados condicionantes dun futuro Protocolo de actuación, APRAFOGA ve indispensable poñer en coñecemento desta Dirección Xeral de Conservación da Natureza o análise feito sobre o contido do borrador entregado ós Axentes do Servizo de Conservación.
Sen nengunha dúbida o borrador excede en redundancia; comeza deixando entrever que na nosa xerarquía é máis autoridade legal o axente de maior nivel, cando, de sobras coñecemos que esta superioridade ben dada unicamente polo noso Regulamento para responsabilidade e organización dunha zona, comarca ou distrito; de seguido é o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina (HCVRC) o eixe de toda actuación analítica, e ademáis, os Axentes denunciantes pediranlle á persoa que recolla as mostras que asine o “Acta de levantamento de cadáveres de animais e/ou cebos posiblemente envelenados e a toma de mostras”, (sospeitamos que se trate dun erro de redacción, pola contra, cando menos bastaría para o sobreseemento do expediente por defecto de forma); logo, o mesmo HCVRC achegará as mostras ó Instituto de Medicina Legal para o seu análise toxicolóxico final ou a outros laboratorios se fose preciso, e voltará a recibilas xunto co procesamento ó que se someteron, as técnicas empregadas, os resultados das analíticas e a sinatura do responsable para logo elaborar o informe pericial; para rematar, esperaráse que o HCVRC manteña a custodia do cadáver e das mostras para análise toxicolóxico ata que o xulgado (en caso de intervir) obtivera os resultados oportunos e ofertado a posibilidade de contraanálises no caso de imputados.

 

Analizando a redacción do seu contido parece que o Instituto de Medicina Legal, ou o de Toxicoloxía traballen baixo orde do Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, e non é intención desta Asociación quitar credibilidade á Fundación Rof Codina quen parece ser o redactor da meirande parte deste borrador de Protocolo, pero outra cousa ben distinta é a custodia, entrega e analítica das probas que constitúen un delito, indistintamente que se coñeza ou non o autor.

 

En resumo, o Protocolo de actuacións a levar a cabo por Axentes Forestais e/ou Medioambientais no caso de emprego ilegal de veleno ou cebos envelenados no medio natural debería quedar redactado cos seguintes extremos:

 

Ambito de actuación do Protocolo.
Exténdese a todo o medio natural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia no que se desenvolve a fauna silvestre, tanto cinexética coma piscícola.

 

Localización e actuacións a seguir para a recollida de mostras.
O Axente ou Axentes Forestais ou Medioambientais que se atopen cun ou varios cebos ou cadáveres (cinexéticos ou piscícolas) no medio natural supostamente envelenados levará a cabo as seguintes actuacións:

 

  1. Supervisará o entorno máis próximo ás primeiras probas con actitude vixiante sobre as mesmas e os supostos autores, ou testemuñas que se observen pola zona.
  2. Existindo supostos autores, identificaranse e levantarase oficio de denuncia correspondente, solicitando ó denunciado a súa sinatura e invitalo a presenciar a recollida das mostras.
  3. Acoutaráse, de se-lo caso, os puntos de cadáveres ou cebos atopados co fin de efectualo correcto levantamento deles. Para elo, o Corpo/Escala de axentes contará con cinta de valado propia que subministrará para os efectos a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
  4. Fotografiará os puntos de cebos ou cadáveres no mesmo sitio onde se atopen.
  5. En
    caso de precisar dalgún material que non houbese no vehículo darase aviso a outro Axente ou Patrulla que poidese achegalo material necesario. En último caso, un dos compoñentes da Patrulla irá a recolle-lo, e o outro, custodiará o acoutado e as probas.
  6. Levantarase por triplicado “Acta do descubremento e levantamento dos cebos ou cadáveres e da toma de mostras”. Adxuntando a maior información posible describindo os feitos, identificando testemuñas e recollendo ditos ou manifestos que poidan ser de utilidade.

Recollida e empaquetado de mostras.
O persoal que leve a cabo a recollida das mostras (cebos, cadáveres ou materiais que poidan ter relación co descubrimento), procederá da seguinte maneira:

 

  1. Colocación do EPI (Equipo de Protección Individual), sendo imprescindibles as luvas e mascarilla, e aconsellable funda protectora. No caso das luvas, debido á facilidade de esnaquizarse na recollida, recoméndase empregar 2 pares para maior prevención ó contaxio.
  2. Os cebos recolleranse envoltos en papel de aluminio, de seguida meteranse en botes de plástico de boca ancha e precintaranse (coma os das mostras de auga). A continuación pegaranse as etiquetas identificativas debidamente cubertos os datos da mostra que contén, enumerando o bote en referencia ó número total de botes (ex. Bote 1 de 5). Gardaranse dentro dunha bolsa de plástico transparente identificada igualmente cas etiquetas autoadherentes e precintada con precintos para bolsas, reseñando o número de bolsa respeto ó total das bolsas.
  3. Os cadáveres meteranse en bolsas de plástico transparentes, identificadas con etiquetas (sinalando tamén o número de cadáver da totalidade dos mesmos) e precintadas. Nos cadáveres esqueletizados ou momificados tamén se recollerá unha mostra de terra debaixo dos mesmos que deberá contar cunha fondura de 15 cm. A terra gardarase nun tarro de boca ancha, precintado, identificado e gardado en bolsa de plástico transparente.
  4. As bolsas transparentes gardaranse en bolsas opacas tamén precintadas, debidamente identificadas e numeradas. No caso dos esqueletizados ou momificados, gardarase dentro da mesma bolsa opaca o cadáver e a terra.
  5. Todo o equipo de (EPIs) empregado na recollida das mostras gardarase nunha bolsa opaca e precintarase, e depositarase canto antes nos bidóns das plantas de Sogama sinalados para os EPIs no caso de influencia aviária.

 

Transporte e entrega das mostras.
O artigo 295 da Lei de Enxuizamento Criminal di: “En ningún caso, salvo o de forza maior, os funcionarios de Policía xudicial deixarán transcorrer máis de vintecatro horas sin dar coñecemento á Autoridade xudicial ou ó Ministerio fiscal das dilixencias que practicaran”. Polo mesmo:

 

  1. O transporte e entrega das mostras á Autoridade xudicial efectuarase polo Axente ou Patrulla actuante.
  2. O Axente ou Patrulla encargado do transporte e responsable da súa custodia, poñerase en contacto ca Autoridade Judicial (xulgado de garda competente do lugar onde se atoparon os restos ou se tomaron as mostras), e daralle ós restos e mostras o curso que ésta lle indique.
  3. Salvo instruccións en contra da Autoridade Xudicial competente, no Rexistro do xulgado entregaranse os orixinais da Acta de descubrimento e levantamento dos cebos e cadáveres, do oficio de denuncia no caso de haber sospeitosos, e as mostras recollidas. As copias en poder dos Axentes actuantes quedarán debidamente seladas, constando o órgano xudicial ó que se lle fai entrega e a data e a hora da mesma.
  4. As actuacións levadas a cabo polo Axente ou Patrulla poñeranse en coñecemento do/a Xefe/a do Servizo Provincial de Conservación da Natureza por escrito, adxuntando as copias das actas ou denuncias dos feitos. O Xefe do Servizo Provincial deberá solicitar ó Xulgado competente que, no caso de dictarse por éste resolución que implicase o remate ou arquivo do procedemento xudicial aberto por estes feitos sen declaración de responsabilidade, a mesma lle sexa comunicada ó Servizo Provincial ó efecto de darlle o curso pertinente os correspondentes procedementos administrativos.

Pontevedra 13 agosto de 2007

O Presidente de Aprafoga

 

 

 < /p>

Miguel García Fernández {jcomments off}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies