Éxito rotundo da concentración de Axentes forestais e medioambientais

A concentración de Axentes Forestais e Medioambientais levada a cabo onte día 17 en Santiago de Compostela foi un rotundo éxito, polo que temos que felicitar a todos aqueles que participaron neste acto reivindicativo que xa deu os seus froitos incluso antes de ter empezado.
Así pois, a primeira hora da mañá chegounos unha citación para o día 24 ás 10:00 horas na Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural co fin de tratar cuestións relativas ás condicións de traballo da escala de Axentes Forestais e de Axentes Facultativos Medioambientais.
Tamén se publicou no DOG dúas renuncias e oito excluídos do proceso de pase ó grupo C1.

Así que as mobilizacións sí que dan froitos, aínda que estes cheguen tan tarde e tan arrastro. Pero non deixe de ser evidente que é moi triste que para que na Consellería do Medio Rural se decidan dunha vez a tratar os temas relativos ós Axentes Forestais/Medioambientais, despois de ter pechadas as portas dende hai máis de dous anos, teñamos que logralo mediante concentracións, manifestacións, folgas e demais. E sempre é igual, peche de portas durante intempestuosos meses, e o día que fartos de esperar saímos á rúa, ou nos convocan ou incluso se atreven a dicir que existen “vías de diálogo”, despois de ter falado con non se sabe moi ben quen pero que non representan ó colectivo de ningún xeito.

Pero non todo veñen ben dadas. Mentres por un lado caen unhas de cal, por outras as de area. No caso do Comité Galego de Pesca asistiron á reunión de este ente de carácter técnico membros do Seprona, que non están incluídos na formación deste Comité. Non resulta comprensible que asistan aqueles que tecnicamente non teñen a máis mínima formación técnica para poder manifestar opinións nun Comité tan específico. E mentres tanto, os Axentes Forestais e Medioambientais non temos nin, voz nin voto, nin presenza, nin somos tan sequera invitados a estas reunións onde se fala o que na seguinte tempada de pesca terán que aplicar precisamente estes traballadores. Nin que dicir ten que os coñecedores dos cursos fluviais, da fauna ictícola, dos pescadores e as súas artes son precisamente os Axentes Forestais e Medioambientais, e nos Comités nunca se lles chama ainda que so sexa para pedir opinión, e tómanse decisións por parte de persoas que na súa vida viron un pescador diante.

Outra vaca máis no millo. Instrución emitida para os Distritos XVII e XVIII sobre a tramitación de cortas en zonas demarcadas afectadas polo nemátodo do pino. Segundo esta agora teremos que avisar ó Seprona e/ou á policía autonómica no caso de detectar cortas con pés sintomáticos. Non sabemos se os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado procederán a deter ó propietario da parcela ou se levarán ó calabozo directamente ó nemátodo. Para aclararnos, na propia concentración preguntóuselles á policía alí presente se sabían o que era un nemátodo e xa podedes supor as caras que poñían.

Ou sexa, que a Consellería continúa coas súas ABERRACIÓNS e ninguneando a un colectivo ben formado e preparado e disposto a traballar, malgastando deste xeito recursos humanos valiosísimos e botando por terra os esforzos formativos e vocacionais destes traballadores en favor de colectivos que co ánimo de acaparar para eles campos de actuación que xustifiquen a súa existencia rebaixan de xeito evidente a cualidade das actuacións das Administracións Públicas.

Só nos queda seguir animando nas mobilizacións ó colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais para acadar o recoñecemento do seu traballo e o respaldo que ata agora a Dirección Xeral de Montes e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza nunca lles deu.

 

Para máis información: contactar con Alvite, Alejandro ou Chema.
Sección Sindical Axentes Forestais/Medioambientais.

 

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies