Greenpeace esixe á Xunta que deixe de utilizar o seu nome para quitar importancia aos incendios

 

A organización remitiu unha carta na que denuncia a manipulación que a Consellería está facendo do seu informe “O futuro en chamas”

 

Greenpeace, 14-09-09

Galicia, España. Greenpeace enviou hoxe unha carta ao conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, D. Samuel Juárez Casado, para pedirlle que deixe de utilizar o nome da organización para xustificar a súa política de comunicación sobre o número de incendios e a superficie queimada en Galicia.

 

 

 

Nas últimas semanas, todos os comunicados de prensa da Xunta sobre incendios forestais engaden unha frase na que se afirma que “o incendio non pode ser considerado de grandes ou medianas dimensións xa que un informe de Greenpeace cualifica aos grandes incendios como aqueles que afectan a máis de 500 hectáreas”. Para Greenpeace, esta frase supón unha manipulación dos contidos e intencións do seu informe “O futuro en chamas”, presentado o pasado mes de agosto e onde se sinala que o cambio climático está provocando cambios na frecuencia e intensidade dos incendios forestais en España.

Na devandita carta, Greenpeace explicou ao conselleiro que para xustificar a súa política de comunicación respecto ao grave problema dos incendios forestais, a Xunta non pode atribuír a Greenpeace o concepto de “grandes incendios” xa que é un termo empregado en España por todo o sector forestal e así aparece na estatística oficial de incendios do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

Greenpeace fixo chegar ao Conselleiro o seu malestar pola manipulación do contido do seu informe, xa que os comunicados de prensa da Xunta pretenden dar a entender que Greenpeace non considera graves ou preocupantes o gran número de incendios forestais que ocorren en Galicia polo feito de que a maioría non superen as 500 hectáreas de superficie afectada.

“O último exemplo desta manipulación informativa é o recente incendio que calcinou máis de 130 hectáreas do Parque Natural e Reserva da Biosfera dos Ancares”, declarou Miguel Angel Soto, responsable de Bosques e Clima de Greenpeace España. “Temos un verdadeiro problema se o conselleiro non considera grave este incendio só porque non superou as 500 hectáreas afectadas”.

O informe “O futuro en chamas” presenta as evidencias científicas de que as características dos incendios forestais en España están cambiando, sendo cada vez máis intensos e virulentos, debido, entre outras razóns, á influencia do cambio climático. En España, os grandes incendios forestais (superiores a 500 hectáreas) supoñen cada vez unha maior porcentaxe da superficie total queimada anualmente. Dentro destes grandes lumes, dende fai 20 anos están ocupando un papel destacado os que teñen lugar durante fenómenos meteorolóxicos extremos, como as olas de calor.

O informe de Greenpeace expón os últimos datos sobre a evolución dos índices de risco de incendios en Galicia. Segundo estes estudos publicados pola Xunta de Galicia, os índices de perigo de incendios en Galicia mostran un empeoramento nos últimos anos e a simulación do número de incendios e a superficie queimada revelan unha situación grave de risco no futuro e cun acusado incremento das consecuencias ecolóxicas dos mesmos.

“Greenpeace pide un cambio do modelo económico que reduza drásticamente as emisións de gases de efecto invernadeiro. Tamén, cambios na xestión forestal que faga menos vulnerables os montes e os prepare ante o cambio climático, mediante a recuperación do arbolado autóctono, o aumento da diversidade de especies e unha xestión forestal máis sostible”, sinalou Soto. “No caso de que a Consellería queira citar a Greenpeace, ésta sería a frase que pode usar nos seus comunicados”.

 

Ver os informes de Medio Rural aquí

Informe “O futuro en chamas

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies