Higinio de espiño, in memoriam

Os brigadistas de incendios forestais apagan as lapas que queren abranguer os verdes dos poetas e das nosas olladas, os pasos folgados dos visitantes nos días de festa, o balbordo dos nenos de cen escolas e mil gorxas, os coellos e xabarís que tentan fuxir tamén dos cazadores e do olfacto dos seus cans, a auga dos labregos, dos gandeiros e dos encoros que afogan a sede e lavan a pel dos que vivimos lonxe de todos, nas cidades e mesmo afóutanse co Sol, subindo cara o ceo en remuíños detrás do fume.

Non debemos esquecer que a sombra de tódalas árbores, os piornos ou cabaceiras vexetais dos escornabois, das xoaniñas e das abellas, o abrigo dos grilos na terra morna, as pólas nas que albiscan as torcazas e as rulas, os buratos nos que dormen as curuxas teñen un coidado e unhas esixencias imbricadas co esforzo, a dedicación, o respecto e o que é máis custoso e doloroso, as vidas humanas. Vidas cheas de vida, como a que posuía Higinio.

Higinio Vivas López non tiraba auga dende un helicóptero nin calzaba zapatos de charón. Tampouco saía nas fotos dos xornais cando había luz nos seus ollos e os seus beizos dibuxaban sorrisos ou berraban se lle saían murras, mentres tiraba da mangueira ou esnaquizaba as chamas que abafaban, cun sinxelo batelume. Entón, as máis das veces, o suor e as bágoas que arrefriaban os seus ollos doridos raiaban carreiros polas súas fazulas tisnadas.

Logo enchemos este ano o bosque de fume e cinzas cando aínda o cuco non se convirtéu en animador das fragas. Precisamente agora que temos o monte enferruxado cas flores das xestas, dos toxos e os pampillos nas veigas, nevadas as cerdeiras, maceiras e pereiras, cos rosas dos pexegueiros e as ameixeiras. Mesmo diríase que todo o monte ten o sarampelo. Un xarampón florido que arrecende a multitude de misturas olorosas. E axiña baleiramos os ollos das bágoas que arrepían a alma ó botar en falta ós seres queridos.

Nestes días a Higinio botaránlle enriba máis tinta que terra, deixarán laídos prendidos en flores de invernadoiro e voarán máis abáboros que de costume, namentres na televisión len verbas serias con imaxes do lume alá detrás, onde non queima, ó lonxe. Non vaia ser que o feluxe manche os seus traxes e uniformes charramangueiros. Ata subliñarán que o formaron suficientemente, deducindo que si non contrataron a máis xente para apagar os lumes é porque abondades co bos que sodes. Deolinda canta ‘ Parva que eu sou ‘ e di entre outras cousas, que ‘ esta situaçâo dura há tempo de máis e parvo eu nâo sou ‘.

Por todos aqueles que queremos, necesitamos e dos que dependemos é polo que xa botamos de menos a Higinio. Na Fontefría de Castrelo do Val ficou para sempre na nosa memoria, traballando arreo polo que é de todos, o medio ambiente. Un 27 de marzo, festa do beato Pelegrino, o que vai polo campo di a súa etimoloxía.

Polo teu esforzo, entrega e dedicación dámosche as grazas Higinio. Mañán, cando recollan o teu batelume, o suor será o doutro brigadista pero o exemplo será o teu. Descansa en paz, compañeiro.

 

Manuel Vidal Figueira. (Arcade).

 

 

 

 

{xtypo_feed}Atlántico{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies