Inspección de Traballo efectúa un requirimento a Medio Rural polos incumprimentos en materia de prevención
A CIG lamenta que sexa a administración pública a primeira en vulnerar a lexislación
A Inspección de Traballo vén de efectuar un requirimento á consellaría de Medio Rural en Ourense, polos incumprimentos en materia de prevención de riscos. A actuación inspectora produciuse logo dunha denuncia presentada pola CIG ante a actitude da consellaría, que ignorou as peticións e propostas da central sindical para que se cumprise a normativa.
A Inspección comprobou a inexistencia de Avaliación de Riscos Laborais e a conseguinte planificación da actividade preventiva nos cinco distritos forestais, o que representa un incumprimento grave da Lei de Prevención de Riscos, 18 anos despois de ser promulgada.
Ao tempo, a Inspección require a Medio Rural que realice a avaliación de todos os postos de traballo adscritos aos respectivos distritos, traballen dentro ou fóra das oficinas dos mesmos ou dos centros comarcais, aspecto este de vital importancia dado que a consellaría unicamente toma en consideración os postos do interior das oficinas, deixando ao persoal que realiza as funcións no monte sen avaliación e, polo tanto, sen planificación preventiva para o seu traballo.
Xunto a isto, realízase requirimento á Xefatura territorial de Medio Rural para a imposición de medidas correctoras de incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais no ámbito da Administración Xeral do Estado.
Prazo de dous meses
A Inspección de Traballo dá un prazo de dous meses, que remata na primeira quincena de febreiro, para que a consellaría realice as avaliacións e planifique a actividade preventiva. Porén, a estas alturas a CIG non ten constancia de que se estean corrixindo as deficiencias detectadas na actuación inspectora.
Anxo Pérez Carballo, técnico de Saúde Laboral da CIG e membro da Executiva Confederal, sinala que Medio Rural ten que cumprir a normativa legal e subsanar as medidas requiridas pola Inspección de Traballo, así como garantir a presenza de representantes sindicais nas respectivas avaliacións.
Pérez Carballo lamenta ademais que sexa precisamente a administración pública a primeira en incumprir a lexislación en materia de prevención de riscos e en non velar pola seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores.
{xtypo_feed}CIG{/xtypo_feed}
{jcomments on}