Insuficiente incremento das plantillas
CCOO CONSIDERA INSUFICENTE O INCREMENTO DAS PLANTILLAS DE EMPREGADOS PÚBLICOS NO PERIODO 2005-2008 NA XUNTA DE GALICIA
CCOO REXEITA QUE O PP UTILICE ÓS FUNCIONARIOS PARA FACER UNHA OPOSICIÓN DEMAGÓXICA
CCOO, en contra do que mantén o PP, considera que o incremento experimentado pola plantilla de empregados públicos da Xunta de Galicia no período 2005-2008 foi insuficiente.
CCOO considera que o incremento da plantilla da Xunta, nestes anos, está máis que xustificado e, pola contra, en contraposición co que mantén o PP, denuncia que sigue sendo insuficiente para atender as demandas crecentes de servizos públicos esenciais que demanda a poboación (a extinción de incendios forestais, a protección civil, a aplicación da lei de dependencia, o saneamento gandeiro, a inspección do territorio, a tramitación de expedientes, a información e o rexistro, etc., e por suposto a educación a sanidade e a xustiza).
CCOO cualifica de demagóxico que se plantexe que neste período se produciu un incremento de persoal desorbitado, cando a realidade foi que dito incremento obedeceu, exclusivamente, a procesos de regularización de emprego temporal en emprego estrutural (persoal da extinción de incendios, persoal da sanidade, persoal docente, etc.), en moitos casos deixados sen resolver polo goberno anterior.
CCOO advirte e critica que, xunto con estes procesos necesarios de estabilización do emprego público, o Bipartito tamén practicou unha política contraria a defensa dos servizos públicos, mantendo a maioría dos CHIRINGUITOS CLIENTELARES herdados da época anterior, incrementando a administración paralela coa creación doutros moitos de nova creación, GALESCOLAS, SOGASERSO, SEAGA, BANTEGAL, SANEAMENTO GANDEIRO, etc., nas consellerías do BNG ou privatizando/externalizando servizos (limpeza, mantemento e vixilancia edificios públicos, comedores escolares, atención telefónica, inspección de verquidos, inspección mariña, arquivo e custodia de expedientes, etc) nas do PSOE, todo o cal contribuíu a manter a precarización laboral nos servizos públicos a través dunha actuación contraditoria co programa de goberno asinado no 2005 por Touriño e Quintana.
CCOO afirma que neste período, produciuse xustamente o contrario do que denuncia o PP: non houbo ningún incremento neto do persoal administrativo (as ofertas públicas de emprego destes anos limitáronse a reposición vexetativa dos efectivos) e a do ano 2009, xa rexeitada por CCOO, obriga unicamente a unha taxa de reposición só do 30% (só se repoñerán 3 de cada 10 postos das vacantes vexetativas que se produzan), co que se incrementará a temporalidade e a precariedade laboral ó derivar esta situación na creación de máis CHIRINGUITOS CLIENTELARES, máis privatizacións de servizos esenciais e máis reforzamento da administración paralela na Xunta de Galicia.
CCOO denuncia tanto as actuacións do Goberno Bipartito pola súa actuación en materia de emprego público como á oposición, por contribuír á permanente e interesada campaña de criminalización dos funcionarios públicos, atribuíndolles, uns, tódolos males do país, e, os outros mesmo menosprezando o seu traballo.
CCOO recorda que os funcionarios son unha garantía para o exercicio potestativo dun estado democrático, social e de dereito e, grazas a súa profesionalidade e independencia, os cidadáns son receptores de servizos esencias que doutro xeito non recibirían coas mesmas garantías de imparcialidade nas súas actuacións.
CCOO, no único que lle recoñece certa razón ó PP é no que se refire a que a subvención de contratos temporais precarios (2000 para labores medio ambientais e 6000 para servizos sociais externos) non resolven a crise nin o problema estrutural do paro en Galicia porque son un parche que incrementará a precaridade laboral dos traballadores galegos. Agora ben, CCOO advirte que tampouco resolven a crise as rancias receitas neoliberais como as de abaratar o despido, reducir as prestacións por desemprego, conxelar os salarios dos empregados públicos ou impedir repoñer o 100% das baixas vexetativas nas administracións públicas.
CCOO recórdalle á clase política (goberno e oposición) que algunhas das mellores fórmulas para resistir e axudar a saír das crises económicas son: promover emprego estable e de calidade, garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios dos traballadores, medidas que, xunto con outras de carácter estrutural, como, entre outras, a mellora efectiva das infraestruturas, a promoción de obra pública, o fomento decidido da I+D, etc., si producen resultados consistentes e efectivos.
As demagoxias e as medidas populistas e clientelares non conducen a ningures.
Santiago, 28 de Novembro de 2008
Comunicación – Sector da Administración Autonómica de CC.OO. de Galicia{jcomments off}