Juárez dá 250.000 euros “a dedo” a “La Voz” e “El Progreso”
A Consellería de Medio Rural acaba de adxudicar a dedo senllos contratos de 125.000 euros cada un con La Voz de Galicia e El Progreso de Lugo. Eses 250.000 euros irán destinados a pagar propaganda agrogandeira e forestal da Xunta en ambos os diarios simplemente porque son os de maior difusión nas súas respectivas provincias, sen outro tipo de consideracións. No caso de La Voz de Galicia o obxecto do contrato é o pago dun “servizo de difusión e divulgación de información agrogandeira e forestal no xornal de maior difusión dentro da provincia da Coruña”. E o mesmo sucede no caso do Progreso, en cuxo contrato tamén se fala do diario de maior difusión na provincia de Lugo.
Este criterio tan restritivo á hora de establecer o obxecto do contrato -só un medio pode ser “o de maior difusión” en cada provincia- e o importe do concurso permiten á Xunta realizar ambos os contratos segundo un procedemento negociado e sen publicidade. Isto é, é a propia Consellería de Medio Rural a que decide a quen adxudicar os contratos sen un concurso público ao que se presenten máis ofertas.
As resolucións coas adxudicacións provisionais dos dous contratos foron asinadas polo secretario xeral da consellería, Jorge Atán, con data do pasado mércores 2 de xullo, con todo non se fixeron públicas na Plataforma de Contratación da Xunta en internet até un tempo despois, aínda que datadas o mesmo día nas que se publicaron.
Os 250.000 euros que se entregarán a La Voz e El Progreso súmanse a outros 125.000 que xa adxudicou hai uns días a mesma Consellería de Medio Rural á TVG baixo un concepto moi similar e igual de restritivo. Entón o contrato reclamaba a difusión do mesmo tipo de información agrogandeira e forestal “en televisión pública de ámbito autonómico en língua galega”. En todo caso, aqueles fondos públicos ían parar a outra empresa igualmente pública como a Crtvg. Con todo, agora os 250.000 euros irán destinados a dúas empresas privadas.
Trato preferente
O trato preferente a determinados medios de comunicación por parte da Xunta non é novo. Hai só unha semana era a Consellería de Economía a que convocaba un concurso para deseñar e emitir unha campaña de publicidade, preferentemente en televisión, na que se primaba a La Voz e a COPE. Naquel caso o método empregado para favorecer a eses medios baseouse en establecer que os anuncios deberían ser emitidos en “polo menos dúas cadeas autonómicas” de televisión, cando en Galicia só hai tres con licenza autonómica: TVG, V Televisión e Popular Mariavisión.
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}