Medio Rural continúa coa desorganización e co despilfarro na loita contra os incendios forestais
A sección sindical de Técnicos forestais de CCOO critican que, mentres desde a Xunta se predica austeridade e control, en Medio Rural campa o despilfarro, a improvisación e o descontrol.
Un ano máis asistimos á falta de previsión e incapacidade de reacción dos “i-responsables” xestores do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) que, nun alarde continuo de ineficacia, teñen aos traballadores/as deste servizo (Técnicos, Axentes e demais persoal das Brigadas) traballando nas condicións máis caóticas que se recordan.
Así, o persoal técnico e os Axentes forestais, observamos atónitos como os xestores do servizo activaron de xeito paranoico e extemporáneo a fase extraordinaria de gardas en período pre-electoral, sen que houbera nin se agardara unha actividade incendiaria extraordinaria. Foron pois unhas gardas mal usadas e tiradas, algunhas en días de choiva, nas que a Consellería do Medio Rural, por motivos estritamente políticos, dilapidou graciosamente os 30 días que, fóra do verán, se poden activar esas quendas, o que lle finalmente causará un prexuízo ás arcas públicas aínda por determinar.
Despois, logo de dous meses de pertinaz seca e altas temperaturas, tivemos que xestionar unha crise incendiaria longamente anunciada sen que ninguén na Consellería se dignara a valorar que non era posible loitar contra os lumes de finais do mes de xuño cos mesmos medios dos que dispoñiamos no mes de febreiro, con situacións inauditas coma a de que o número de axentes forestais de garda superaba ao dos integrantes das cuadrillas de extinción dispoñibles ao seu cargo.
Mentres o pouco persoal dispoñible se deixaba a pel facendo horas e pasando máis penurias que de costume, tíñamos que escoitar como o Sr. Conselleiro se reafirmaba na súa intención de non adiantar a contratación do persoal da campaña de verán, por moi necesario que fóra. Amais, cumpre lembrar que superouse xa o máximo período establecido de gardas e non por ter un ano especialmente malo en actividade incendiaria, senón pola antes comentada ineptitude na planificación e pola absurda teima de ternos de garda aínda que chovese tan só porque había eleccións políticas.
O máis inaudito aínda veu con posterioridade cando na prensa apareceu o Sr. Conselleiro dicindo que o día 1 de xullo estaría activado o reforzo de verán, cando na realidade ese día incorporábanse aos Distritos Forestais tá só un 15% dos medios previstos. Unha media verdade que cando se trata de algo tan serio se converte nunha mentira enteira, especialmente cando, a finais deste mes de xullo, aínda non está incorporado ao 100% todo o operativo necesario.
Para CCOO todo este lamentable panorama de tan nefasta xestión ten a súa guinda no feito de que a Consellería lle contratou, por unha cantidade preto do millón de euros, a unha empresa, a encomenda da planificación e da coordinación, que, polo que máis parece, meteu os cartos no peto poñendo a un “chimpancé bébedo” a facer o traballo. Todo isto sona cada vez máis a aquilo do “amiguito del alma valenciá”, especialmente porque para planificar e coordinar xa hai subdirectores e xefes de servizo que cobran pequenas ou non tan pequenas “fortunas” por algo que logo á súa vez se lle encarga a unha empresa. Simplemente kafkiano.
A máis de todo o anterior, noutro alarde de “prevención improvisada” que, cada ano, vai a máis e a peor, vemos como as subvencións para prevención e os convenios cos concellos se aproban co verán xa ben entrado, contribuíndo tal práctica, á ineficacia de tal orzamento.
A este paso, visto que o Conselleiro está tan mal asesorado neste eido e permite que na Dirección Xeral de Montes sigan campando ás súas anchas os mesmos “in-xestores” de sempre, cometendo os mesmos erros de sempre, acabaremos por ver ao Sr. Rajoy coller a mangueira, mentres lle aplaude o Sr. Feijoo. Ao Conselleiro de Medio Rural o facemos responsable tamén da total falta de diálogo cos traballadores e cos seus representantes legais, actitude tan pouco democrática que, antes ou despois, acabará por pasarlle a oportuna factura. Lembramos que CCOO, desde 2009, leva denunciando esa falta de diálogo sen que, ata o de agora, nin Conselleiro, nin ninguén de Medio Rural, quixesen escoitar nada ao respecto.
Con permiso dos veraneantes, mellor irá a LOITA CONTRA INCENDIOS en Galicia, si no agosto chove …
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}