Medio Rural despedirá a 3.200 brigadistas do reforzo de verán na época de máximo risco

O Goberno galego prescindirá dos servizos deses traballadores, que non cumprirán os tres meses de contrato que lles garantira a consellería.

A Xunta declina pronunciarse ao respecto.

UGT denuncia que a Consellería do Medio Rural tramita estes días o despido “de todo o persoal de reforzo do dispositivo contra incendios que forma parte do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga)”. Así, a Xunta prescindirá dos servizos duns 3.200 efectivos: 1.400 do servizo da Xunta e 1.800 procedentes de Seaga, segundo a información facilitada polos sindicatos.

Para Carlos Rocha, delegado de prevención de UGT, “a Xunta está a poñer en perigo o monte, os traballadores e os cidadáns” xa que a época de máximo risco non remata ata o próximo día 30. A isto hai que unir que os efectivos cos que contaba ata agora a consellería “xa eran insuficientes” para intervir nos “grandes incendios” destas xornadas, cun dos veráns “máis secos que se recordan”, asevera. De feito, só durante a pasada fin de semana varios lumes calcinaron máis de 360 hectáreas de monte en varios lumes na provincia de Ourense.

Os condutores de motobomba, emisoristas e vixilantes fixos foron informados por Medio Rural de que deben abandonar os seus postos “a partir deste xoves”, indica Rocha. Noutras “quendas de despidos antes de finais de mes” serán rescindidos os contratos de “todos os brigadistas do reforzo estival”, que ademais se incorporaron tarde ao plan de extinción, engade. Así, “ese persoal cumprirá dous meses e pouco de contrato, cando Medio Rural se comprometera a contratalos durante tres meses como mínimo”, explica o representante de UGT.

“Desprofesionalización” do servizo

Para Carlos Rocha, esta “grave decisión unilateral” do departamento que dirixe Samuel Juárez implica que ese persoal, que en moitos casos leva traballando varias campañas de verán, “opta por buscar outra ocupación”. Ao seu xuízo, “a desorganización nas contratacións de Medio Rural” provoca a “desprofesionalización do plan anti incendios” e “impide o relevo xeracional neste servizo”.

Pola súa banda, Xesús Dorado, delegado de Persoal da CIG, tamén manifestou o seu “total desacordo” no despedimento dos brigadistas do reforzo do verán en datas de máximo risco. Na súa opinión, resulta “lamentable desmantelar o dispositivo a estas alturas” tendo en conta que o propio Pladiga recolle que “esas contratacións se poden prorrogar tendo en conta as previsións do tempo”. Neste sentido, as temperaturas subirán este mércores ata “valores moi por riba do normal nesta época do ano” segundo Meteogalicia, e espéranse ventos do nordés. Ademais, “a probabilidade de chuvia será baixa” entre os días 16 e 19, segundo o propio departamento meteorolóxico da Xunta.

O bipartito mantiña o reforzo ata o día 30

Así mesmo, Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-Servizos, confirmou que a Xunta prescindirá “a partir do mércores” duns 1.800 traballadores da empresa pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga), o outro corpo que reforza ao servizo contra incendios propio da Xunta, co que Juárez incumprirá tamén neste caso a promesa laboral efectuada a estes traballadores a comezo da tempada de incendios. Esta situación, segundo Rubido, “non se produciu durante o bipartito”, cando o persoal de reforzo de Seaga era contratado cada ano ata o 30 de setembro.

Ademais, Xornal púxose en contacto coa Consellería de Medio Rural para coñecer a súa opinión sobre esta cuestión. Pero o departamento autonómico non se pronunciou ao respecto.

 

{xtypo_feed}Xornal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies