Medio Rural pon en mans privadas a prevención de lumes

Helicóptero de extinción de incendios forestais

O director xeral de Montes confirma que as “empresas privadas” levarán a cabo esas tarefas no monte xunto a “medios propios”

O director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, asegurou onte na Comisión de Agricultura do Parlamento que relegará os brigadistas da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) “ao reforzo do verán”, mentres que da “prevención” se encargarán “empresas privadas” xunto con “medios propios” da Xunta, o que veu a confirmar os temores dos profesionais da empresa pública. Couto asegurou que “as contratacións se realizarán a través da estrutura do sector, das empresas forestais e, por outra parte, a través do servizo propio”.

O alto cargo da Xunta respondeu deste xeito a unha pregunta sobre os efectivos cos que conta o Goberno galego para as tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais da deputada do BNG Tareixa Paz, quen denunciou a “desprofesionalización” do servizo de prevención. A nacionalista lembrou que Seaga foi creado “para efectuar actuacións non só de extinción senón tamén de prevención”. Así, Paz lamentou que a chegada do PP á Xunta “deu un retroceso á filosofía preventiva”, xa que o Goberno galego “só mantén un potente dispositivo contra incendios sen facer a política preventiva axeitada”, á vez que “privou de todo músculo a Seaga ao usalo só para a extinción”.

Por contra, Fernández-Couto asegurou que Medio Rural “non renunciou á prevención” e salientou a súa “importancia”. Neste sentido, alegou que “non é un retroceso” prescindir dos efectivos da empresa pública. “Iso non quere dicir que non fagamos prevención, pero as cuadrillas do Seaga só as utilizaremos para reforzar os medios da Xunta”, sinalou o director xeral de Montes, xa que os incendios se reduciron “dos 10.000 aos 4.000 ao ano”, engadiu.

Na súa réplica, Tareixa Paz, censurou a “contratación de traballadores estacionais en precario” e alertou do “perigo” de reforzar o dispositivo da Xunta con persoal do Seaga “só entre xullo e setembro”. Ademais, lembrou que “hai cousas que as empresas forestais non fan, como intervir en cuestións de conflitividade social” polo que a Xunta “non ataca as causas estruturais dos lumes”. En resposta, Fernández Couto considerou que “unha brigada contratada a través dunha empresa privada e unha de Seaga fan o mesmo traballo” e negou o seu carácter “social”.

Corte dunha estrada polo lume

Por outra banda, onte permaneceron cortados durante dúas horas cinco quilómetros da estrada PO-548, en Vilagarcía de Arousa, debido ao fume dun incendio forestal. Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou a condena de 18 meses de prisión para un home de 67 anos que causou un lume en Trasmiras, Ourense, no que foron calcinadas 0,32 hectáreas en 2007.

Na mesma comisión, o deputado do BNG Henrique Viéitez criticou o “desinterese” da Xunta cara os controis da praga do nematodo do pino no sur de Galicia. Ante isto, o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, aseverou que a praga está “erradicada” e defendeu que o Goberno galego actuou “con celeridade” ante esta problemática.

 

{xtypo_feed}Xornal de Galicia{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies