Morre un brigadista que traballaba na extinción dun incendio en Castrelo do Val

Onte morreu nun incendio forestal en Castrelo do Val un brigadista que traballaba nos labores de extinción. O suceso ocorreu á primeira hora da tarde na paraxe denominada Fontefría. O brigadista, Higinio V. L., de 59 anos e con 15 anos de experiencia, faleceu calcinado tras quedar atrapado entre as chamas do lume, que foi dado por controlado a primeiras horas da mañá de hoxe. Segundo as primeiras estimacións, o incendio xa queimou máis de 200 hectáreas na parroquia de Piornelo.

O brigadista falecido pertencía á brigada de extinción de incendios do distrito de Verín. Participaba na extinción dentro dun amplo dispositivo, no que se incluían cinco helicópteros, seis avións, 1 técnico, 4 axentes forestais, 7 brigadas e 4 motobombas.

O alcalde de Castrelo de Val, Vicente Gómez, explicou a Efe que o accidente puido obedecer a un cambio na dirección do vento. O suceso produciuse cando unhas brigadas de terra traballaban nunha pista para controlar un lume forestal. Nun refacho de vento, o lume achegouse aos traballadores, catro dos cales lograron escapar, o que non conseguiu o que finalmente faleceu.

A Xunta lamentou xa o falecemento do brigadista e anunciou que as forzas de seguridade xa están a investigar as circunstancias concretas da morte. A propia conselleira Rosa Quintana recoñeceu que se trataba dunha persoa que coñecía moi ben a zona e recentemente realizara un curso de reciclaxe. Desde agosto de 2010, cando morreron dous brigadistas que traballaban na extinción dun incendio en Fornelos de Montes, Galicia non rexistrara vítimas mortais de equipos de extinción.

Un centenar de efectivos do batallón número cinco da Unidade Militar de Emerxencias, con base en León, equipado con seis autobombas e dous camións nodriza, desprazouse á zona para colaborar nas tarefas de extinción.

 

{vsig}castrelo{/vsig}

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies