Morren dous brigadistas nun incendio en Fornelos de Montes

Incendio de Fornelos de Montes

Os falecidos tiñan unha longa experiencia en dispositivos de extinción. O lume, aínda non controlado e situado nunha zona “orográficamente complicada”, obrigou a desaloxar a veciños da parroquia de San Vicente de Oitavén.

Os falecidos son Julio Martínez Dasilva (27 anos) , natural da parroquia de Estás en Tomiño e Rodrigo Amo González (35 anos), da parroquia de Priegue en Nigrán. Ambos tiñan unha longa experiencia como brigadistas. Participaran, respectivamente, en sete e cinco campañas de dispositivos de extinción e actualmente traballaban para a empresa pública Seaga.

Julio Martínez e Rodrigo Amo formaban parte, segundo explicou esta mañá en rolda de prensa o conselleiro de Medio Rural Samuel Juárez, dun grupo formado por sete persoas que se encargaba de planificar os labores de extinción. Sobre as once da noite os seus compañeiros advertiron de que faltaban eles dous e puxéronse a buscalos. Os corpos foron achados pasada a medianoite a cen metros da pista onde os viron por última vez. De madrugada foron trasladados ao hospital Nicolás Peña de Vigo, onde se lles efectuará a autopsia.

Segundo Samuel Juárez, no momento en que ambos os brigadistas se viron sorprendidos polas chamas, o lume non era especialmente “complicado”. Medio Rural mantén aberta unha investigación para saber por qué motivo se separaron do resto do grupo.

O lume foi provocado

Pola hora e o tipo de incendio, a Xunta cre que foi provocado. O lume aínda non está controlado aínda que os momentos máis difíciles vivíronse de madrugada. Os labores de procura dos brigadistas desaparecidos e o vento facilitaron a extensión do incendio, que segundo os primeiros cálculos afectou a cen hectáreas. A zona é “orográficamente complicada” e, por iso, permanecen esta mañá na zona tres motobombas.

No dispositivo de extinción participan os grupos do Grumir de Redondela, Moaña e outros concellos veciños. Tamén interviñeron 16 brigadas, dez motobombas, tres palas, catro helicópteros e un hidroavión.

Dado o perigo e a falta de control do incendio, que se movía con velocidade en dúas frontes diferentes, sobre a unha da madrugada decretouse a alerta de nivel 1 e ordenouse á maioría dos veciños da parroquia de Oitavén que abandonasen as súas casas.

Ningún brigadista desaparecido

As primeiras informacións tamén apuntaban que os equipos de rescate e as brigadas de extinción buscaban tamén aos outros cinco membros do grupo que poderían estar atrapados. Pero ás oito da mañá a Consellería de Medio Rural aclarou que non se perdeu o contacto con ningún outro integrante do operativo.

 

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies