Nota de prensa de ERVA
ERVA apoia a concentración dos axentes forestais o dia 17 ante a Consellería de Medio Rural
Os incendios de Ourense revelan a necesidade de reforzar a sua función medio ambiental
A responsabilidade do colectivo de axentes forestais é fundamental na función da conservación ambiental
Os axentes forestais son o colectivo profisional con formación técnica específica en materia de medio ambiente e representante da Administración que se persoa en primeira instáncia nos casos que revisten incidencia ambiental. Do seu correcto procedemento depende a resolución de problemáticas tan acuciantes como a contaminación fluvial, o furtivismo cinexético ou piscícola, os incendios forestais, o envenenamento de especies protexidas, etc. A existencia dun colectivo profisional competente é garantía de progreso e saúde ambientais. Algunhas das carencias observadas no operativo anti-incendios deste ano revelou a insuficiencia da capacidade de acción deste colectivo. Por esta razón, ERVA reclama o reforzamento da actual función de policía administrativa especial e policía xudicial xenerica dos axentes forestais, así como a resolución da actual problemática socio-laboral que rodea a este colectivo.
Unha situación profisional anacrónica
O cometido como policía xudicial xenérica e axente da autoridade dos axentes forestais é boicoteado e bloqueado desde o estamento político administrativo. Relativizase o cometido, infrautilizase a sua capacidade e alcance e ocultase a sua validez tras un velo de suposta indefinición xurídica, por razóns non xustificadas e, por tanto, sospeitosas. Desde algunhas comunidades autónomas tense intentado o bloqueo sistemático desa función e a sua sustitución por un filtro administrativo que coarta a lexítima función do colectivo, colocando-o incluso ao borde da infracción da legalidade vixente. Disto último é consciente a Fiscalía Xeral do Estado, que en escrito asinado o 20-I-2010 polo Fiscal de Sala Coordenador de Medio Ambiente e Urbanismo, e dirixido a administración competente de Cantabria, indica a obriga do estamento administrativo de respetar a condición antedita e a non interpoñer intermediación nengunha entre este colectivo e o ministerio fiscal, cando se tivese coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de delito.
Percébese unha falta de estruturación e organización xerárquica de corpo propiamente dito que limita a sua función coerente e eficaz no seu labor profisional. O funcionamento interno, o tratamento e custódia de datos e probas relacionados con procedementos xudiciais, con todo o que isto implica no esclarecemento de casos constitutivos de delito, esixen unha estrutura e organización sometidas a un rexime interno e a unha independencia de criterio.
Rexístrase unha clara falta de apoio político e administrativo na tramitación de expedientes sancionadores iniciados polo colectivo de axentes forestais. Esta falta de apoio concretase na arquivación de informes ou na sua parálise, cando non no boicot directo destas actuacións por afectar intereses políticos determinados.
Percébese un significativo desinterese político-administrativo na dotación de medios materiais. Parque móbil obsoleto e deficientemente identificado, equipamentos insuficientes, falta de claridade na imaxe corporativa, falta de distintivos e ausencia de credenciais identificativos para o persoal son só uns exemplos desta realidade.
Proba do anterior é a non publicación da memoria anual de actuacións do colectivo de axentes forestais por parte da Consellería de Medio Rural, non por que se pretendan ocultar preocupantes índices de actividade delitiva en materia ambiental, se non simplemente porque non se elabora, non existe.
Finalmente, os axentes forestais da Xunta de Galicia non dispoñen de acordo laboral desde 2007. Este acordo regulaba aspectos tan transcendentes como o horario laboral en épocas de sobrecarga de traballo –épocas de máximo risco de incendio, períodos hábiles de caza e pesca, etc-, e o coste económico ou equivalencia en compensacións de dias libres. Estes aspectos, debido á prescrición do acordo, están na actualidade desfasados, o cal conduce a unhas condicións laborais desfavorábeis que reducen a eficiencia do traballo desempeñado polo colectivo.
As razóns do colectivo de axentes forestais. Medidas necesarias para mellorar a situación profisional
- Potenciamento do papel como axente xudicial do colectivo de axentes forestais. Organización, formación en materia de seguridade e dotación de medios suficientes. Non basta con dotar dun veículo todo terreno e dunha radio a un axente e bota-lo ao monte. Faise necesaria a formación en coñecementos de seguridade e de cometido xurídico, o apoio na comunicación social da sua función e na mellora da sua imaxe corporativa en relación coa sociedade, para poder abordar mellor o furtivismo, os verquidos fluviais, a vixiláncia e persecución do uso de venenos ou a investigación de delitos ambientais ou incendios forestais.
- Incorporación da totalidade do colectivo ao nivel laboral C1.
- Cobertura das baixas de longa duración e reforzamento da plantilla nos distritos forestais máis amplos e nos que se produce un maior número de incidencias ambientais.
- Estruturación interna como Corpo do servizo de guardería.
- Especialización en determinadas disciplinas (venenos no medio natural, plagas forestais, investigación dfe incendios, tráfico de fauna, etc.) e mobilidade xeográfica por toda a comunidade autónoma destas unidades.
Consecuentemente, dadas as circunstancias actuais de falta de apoio, abandono e ostracismo deste colectivo, ERVA considera totalmente lícita a protesta dos axentes forestais, apoiando as suas demandas no seu conxunto frente a Consellería de Medio Rural.
Compostela, 15 de novembro de 2011
Pedro Alonso. Portavoz de ERVA-Estudo e Defensa da Natureza. Tlfno. de contacto: 630-690869
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}
{xtypo_rounded1}Esta nota foi enviada aos medios de comunicacion polos ecoloxitas apoiando a nosa movilización{/xtypo_rounded1}