O atlas salmoneiro dá por extinguido o salmón no Eume e o Xuvia

 

A conca do Miño é a máis representativa, pero a área de desove é só o 6% da súa capacidade potencial

Ríos con Vida alerta á Administración para que recupere a especie na provincia da Coruña

A sorte resúltalle esquiva ao salmón nos ríos Eume e Xuvia, onde por distintas circunstancias, entre elas as actuacións das eléctricas, segundo as asociacións de pescadores, tan só resisten exemplares illados. O atlas salmoneiro da Península, presentado onte e que cobre todas as concas, nin sequera inclúe estes sistemas fluviais, e se os menciona é para dar por extinguida a especie.

Parte da responsabilidade reside, segundo a organización AEMS-Ríos con Vida, no “deixamento da Administración”, algo que non acontecería en Pontevedra e Lugo, onde esta entidade, fundada en 1979 por pescadores deportivos, recoñece un traballo “serio e rigoroso”.

A Xunta presentou o atlas dos ríos salmoneiros da península Ibérica xunto con responsables dos Gobernos de Asturias, Cantabria e Navarra e as Deputacións forais de Guipúzcoa e Biscaia. A publicación recolle 14 concas salmoneiras en Galicia -en España hai un total de 32- correspondentes aos ríos Miño, Verdugo, Lérez, Umia, Ulla, Tambre, Grande do Porto, Mandeo, Mera, Sor, Landro, Ouro, Masma e Eo. O atlas, que foi elaborado a partir de cinco anos de investigacións, logrou o recoñecemento da North Atlantic Salmon Conservation Organization (NASCO), principal sociedade internacional gobernamental dedicada á conservación desta especie.

O traballo contén un mapa da distribución do salmón atlántico en España, especifica as características biolóxicas da especie e analiza tamén a distribución histórica do salmón, desde a prehistoria até a actualidade, para poder estudar as causas e a magnitude do descenso de individuos na Península.

Tamén recolle as políticas de xestión que deben acometerse para frear as dificultades da poboación desta especie, especialmente sensible ás modificacións climatolóxicas e á calidade das augas.

 

Centrais hidroeléctricas

O Miño, segundo recolle o estudo, é o maior dos ríos salmoneiros da vertente cantábrico-atlántica e o de maior capacidade potencial, a consecuencia da extensión da súa rede hidrográfica. Con todo, esta capacidade “víuse definitivamente mermada, máis aló de calquera posibilidade de recuperación, co desproporcionado desenvolvemento hidroeléctrico da súa conca a mediados do pasado século, que afectou excesivamente tanto ao Sil como ao seu curso principal”, constata o informe. Na actualidade, a área accesible e apta para o desove e desenvolvemento dos xuvenís redúcese a preto do 6% da capacidade potencial. Case todas as capturas prodúcense con redes.

 

Porvir moi negro no Mandeo e poboación agónica noutras concas fluviais coruñesas

Na conca do Mandeo a poboación salmoneira é a última que queda do arco Ártabro, trala súa extinción dos ríos Eume, Mera e Xuvia. A construción dunha minicentral hidráulica fai que o porvir da especie sexa moi negro, segundo o atlas.

O río Lérez ten unha poboación crecente de salmón, con máis de cen exemplares controlados nos últimos anos. A proporción de exemplares repoboados está en torno ao 60%. O rexistro de capturas no Umia foi anecdótico, segundo reflicte o informe, ao sumar tan só 20 salmóns dende 1949. No Ulla as capturas de adultos recuperan poboación tralos alarmantes valores dos anos noventa. Na conca do Tambre, a partir do setenta, son case simbólicas.

No río Grande do Porto, un pequeno curso que desemboca na ría de Camariñas, as prospeccións estivais non detectaron a presenza de xuvenís, “polo que cabe dar por extinguido ao salmón deste río”, segundo o atlas. Unha das causas da desaparición, recollida no atlas, é a presenza de diversos obstáculos ao longo da canle, sen dispositivos de franqueo ou con escalas moi defectuosas.

 

 

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies