O caudal de dez ríos da conca costeira é inferior en máis dun 40% ao habitual

O río Lengüelle

A primavera máis seca desde 1961 deixa o Landro, o Oitavén e o Grova con niveis similares aos seus mínimos históricos

A escaseza de choivas e a subida de temperaturas que están a caracterizar a que é, segundo os datos de Meteogalicia, a primavera máis seca dos últimos 50 anos deixan a súa pegada na caída das reservas de auga acumuladas nos encoros para abastecemento, pero tamén na abrupta caída do caudal dos ríos que fornecen a moitos núcleos.

Até unha decena de canles da conca costeira que xestiona a Administración galega rexistraron en maio unha rebaixa do seu caudal superior ao 40% sobre a media histórica nese mes. A situación agravouse nos últimos días, cando os indicadores dunha ducia de ríos nin sequera chegan á metade do caudal habitual.

Os maiores desequilibrios prodúcense en canles fluviais da Mariña lucense e do sur de Pontevedra. A estación de aforamentos do río Grande (Ribadeo) computou en maio un caudal medio de 0,042 metros cúbicos por segundo, un 82% menos da media histórica nese mes. A situación é aínda peor no Landro (Viveiro), que con 0,622 metros cúbicos por segundo experimentou unha caída do 90% respecto ao que é o seu caudal medio para esta época do ano. Estes dous ríos figuran en “situación de alerta” nos mapas de Medio Ambiente sobre a medición de aforamentos. A mesma identificación alerta do caudal extraordinariamente baixo do Oitavén (Soutomaior), que é inferior nun 70% aos seus valores habituais, e do Grova (Baiona), onde a caída acada o 95%. O Landro, o Oitavén e o Grova teñen un caudal similar aos seus mínimos históricos. A Xunta tamén considera en “situación de alerta” ao Lengüelle (Oroso), aínda que o seu caudal mantén parámetros acordes coa media.

Plan especial de seguimento

Pero, máis aló da comparación en termos homoxéneos entre os caudais medios de maio coas medias dese mes en cada río, as medicións compiladas por Medio Ambiente nos últimos días testemuñan un empeoramento drástico en ríos como o Mandeo (estación de Aranga), onde está a fluír o 30% da auga que esa canle rexistrou en anos anteriores, o Cee, que está no 25% do que é normal, ou o Ulla (Santiso), no 46% da súa media.

Este panorama levou á Xunta a pedir á poboación un uso racional da auga, en previsión dun mes de xuño que, polo menos durante as dúas primeiras semanas, tamén será seco. Aínda que sostén que a subministración está garantido nas cidades e as súas áreas de influencia, Medio Ambiente admite que é posible que durante o verán aparezan problemas nos núcleos que se abastecen de traídas veciñais. Para tratar de minimizar eses riscos, a consellería activou un plan especial de seguimento que incluirá medidas de axuste sobre o caudal dos encoros.

A posta en marcha dos protocolos de emerxencia ante a ameaza de desabastecemento aínda non figuran nas previsións da Xunta. Eses plans actívanse cando a auga encorada non é suficiente para atender a demanda nun prazo superior a 40 días, de acordo coas necesidades da poboación á que abastece unha presa determinada. Unha vez que se baixa dese limiar de 40 días, o nivel de alerta aumenta a medida que se reduce o período de tempo no que está garantido a subministración. Medio Ambiente insiste en que estará pendente da evolución nas próximas semanas para desenvolver as medidas que sexan necesarias para asegurar o abastecemento de auga á poboación.

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies