O goberno do PP ultima o anteproxecto da Lei de Emprego Público de Galicia, onde entre outros graves recortes e retrocesos para o persoal da administración pública, destaca a DEROGACIÓN DA LEI DA ESCALA DE AXENTES FACULTATIVOS MEDIOAMBIENTAIS. Unha lei de función pública, imposta, sen consenso nin negociación real cos representantes dos traballadores na que se rebaixa a titulación mínima esixida para acceder a un posto de Axente Facultativo Medioambiental sendo moi inferior á requirida na actualidade.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2014.- As centrais sindicais UGT, CSIF, CCOO e CIG e a Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) reuniron hoxe en asemblea xeral en Compostela máis de 350 Axentes Forestais e Axentes Medioambientais, a maior parte do colectivo, ante o ataque que lles supón a futura Lei de Emprego Público de Galicia de non mudarse o actual borrador do Anteproxecto da citada Lei.

Nesta asemblea, os axentes sociais informaron polo miúdo ao colectivo das graves consecuencias para a profesión de aprobarse a Lei tal como está redactada. Ao mesmo tempo, o conxunto do colectivo estudio posibles medidas a tomar fronte ao maior ataque sufrido ao longo da súa dilatada historia.

Os Axentes Facultativos Medioambientais de Galicia  son  funcionarios públicos con carácter de axentes de autoridade e policía xudicial, cuxas principais funcións son:

  • A custodia e protección da riqueza forestal, dos ecosistemas e dos espazos naturais, da riqueza cinexética e piscícola e da flora e fauna silvestres.
  • O control das actividades de xestión e uso do medio natural.
  • A investigación das causas dos incendios forestais e a dirección dos traballos de extinción dos mesmos.
  • A información á cidadanía en materia forestal e medioambiental, así como a educación ambiental dirixida a poboación en xeral e en especial á comunidade escolar.

Na actualidade, para acceder a un posto deste funcionariado é necesario estar en posesión do título de Técnico Superior en Xestión forestal e do Medio Natural, titulación de nivel superior segundo establece o Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior.

O Goberno da  Xunta de Galicia, ao contrario do que fan as demais autonomías, pretende rebaixar este nivel formativo co que se accede a un posto de Axente Facultativo Medioambiental na futura Lei de Emprego Público de Galicia, de xeito que se podería acceder ao desempeño desta profesión sen unha formación específica previa.

A loita por que o nivel formativo de acceso a este corpo acada xa os 25 anos, e tras conquerirse no ano 2000 ese requisito que mellora a formación previa destes funcionarios agora pretende rebaixarse convertendo nun auténtico despilfarro todos os procesos de adaptación, formación, exame e oposición realizados nos últimos 14 anos. Unha degradación en toda regra que repercute negativamente na protección e defensa do medio ambiente.

En consecuencia, os cidadáns que se estiveron formando para acadar a titulación de Técnico Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural e presentarse ás oposicións a axente medioambiental, quedan agora abraiados ao ver que dun plumazo todo o seu esforzo vese reducido a un acto de vontade.

De reducirse a titulación requirida para os axentes facultativos medioambientais rebáixase a cualificación de toda a escala, polo que dificilmente poderá este colectivo realizar as funcións e cometidos que está exercendo na actualidade. Malograr as escalas de funcionarios e o servizo público é o primeiro paso para xustificar a externalización e privatización, eliminando a independencia dun sector estratéxico para o país como é o forestal e o medioambiental.

Galicia non pode permitir que se rebaixe o nivel de formación actual e a súa especificidade para acceder a un posto dun funcionario destinado á xestión e protección dos seus bosques e os seus recursos naturais.

O País dos mil ríos, de dous millóns de hectáreas de bosque do que se extrae anualmente o 50 % da madeira de todo o Estado Español e onde se rexistran o maior número de incendios forestais, non pode permitir que non estea defendido no futuro por funcionarios altamente cualificados.

O actual borrador da LEPG é o maior ataque sufrido por este colectivo ao longo da súa dilatada historia, case 140 anos ao coidado e defensa do medio natural.

As centrais sindicais convocantes e a Asociación Profesional esixen que se modifique, antes do seu trámite parlamentario, o actual borrador do anteproxecto de Lei de Emprego de Emprego Público de Galicia, e que non se derogue a lei 2/2000 de creación da escala de axentes facultativos medioambientais onde a titulación mínima requirida para o acceso é a de Técnico Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.

rodadeprensa2

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies