O GPS salva a vida a unha águia real do Xurés tiroteada en Salamanca
O emisor vía satélite que levaba encostado permitiu localizar malferida a «Eufemia», liberada na primavera

«O animal atopábase en perfecto estado nun val moi rico en coello dentro do termo de Monterrubio de la Sierra, onde se lle observou xunto a Lobios, o macho liberado no 2007. Ao volver o pasado día 20 para comprobar o estado da parella, comprobamos que algo non ía ben, pois, segundo o noso receptor, estabamos moi preto e aínda non botara a voar. Estaba empolicada nun muro de mampostería, á beira da placa verde dun couto intensivo e desgraciadamente cunha á caída. Pegáronlle un tiro», sinala Ernesto Álvarez Xusto, presidente de Grefa.
Tras comezar os voos logo de 80 días no niño e mellorar as súas técnicas de caza para alimentarse por si mesma e independizarse, Eufemia non se afastou demasiado do parque do Xurés, onde era protexida e alimentada, pero a finais de outubro decidiu marcharse na que era a súa primeira aventura dispersiva. En dous días atravesou Portugal para entrar novamente en España á altura de Cidade Rodrigo. Percorreu uns 250 quilómetros ata que decidiu asentarse a uns 20 de Salamanca, nunha dehesa de vellas aciñeiras onde pastan vacas e porcos ibéricos, e cunha alta densidade de coellos para alimentarse. «Sorprende como puido localizar a tanta distancia e en tan pouco tempo unha zona como esta, onde conseguir alimento resulta sumamente doado», sinalaban os responsables do proxecto de reintroducción e que a seguían grazas aos dous transmisores vía satélite e terrestre que lle colocaron no Rodicio antes de liberala.
O veterinario que acompañaba aos buscadores da águia real, comprobou dúas fracturas de ósos, feridas e contusións diversas polos perdigóns, deshidratación severa, hipotermia e acusada perda de peso, tras varios días malferida. A ave foi intervida cirurxicamente e recupérase no hospital de Grefa en Madrid, no mesmo centro onde naceu en catividade.
En Ourense e os canóns do Sil, ao sur de Lugo, quedan outras seis parellas de águia real, especie en perigo de extinción.