Os axentes forestais e medioambientias rexeitan o proxecto de lei, que limitaría as súas funcións ao eliminar o seu carácter de colectivo profesional independente e reducilo a un papel auxiliar das forzas e corpos de seguridade

26 de xaneiro de 2015.- A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) advirte de que o Proxecto de Lei de modificación da Lei de Montes estatal, aprobado recentemente polo Consello de Ministros, dificultará seriamente a investigación dos delitos medioambientais no caso de prosperar.

O texto establece que os axentes forestais e medioambientais terían que limitarse unicamente a efectuar as dilixencias previas, agardando a chegada dun corpo diferente ao seu para acometer un traballo para o que estes profesionais están perfectamente formados e capacitados sen subordinarase a ninguén.

O Proxecto de Lei pon de manifesto que o Goberno non ten como prioridades a defensa da natureza e o seu valor patrimonial para a cidadanía, ao tratar de evitar que funcionarios independentes e altamente cualificados trasladen directamente aos órganos xudiciais e ao ministerio fiscal as dilixencias sobre feitos que poden ser constitutivos de delito.

A intención do executivo central é eliminar a condición de policía xudicial dos axentes forestais e medioambientais, deixándoos só con “funcións de policía administrativa”. Nesta liña, tamén pretenden acabar co seu carácter de Corpo independente para pasar a ser considerados como “auxiliares das forzas e corpos de seguridade”. Deixaríase así atrás a actual obriga de “actuar de forma coordinada coas forzas e corpos de seguridade”, impoñendo unha subordinación a elas.

Busca de apoio parlamentario contra o proxecto de lei

Por eso, APRAFOGA, de acordo co posicionamento da Asociación Española de Agentes Forestales y Medioambientales (AEAFMA) considera que o proxecto de lei supón un grave retroceso con respecto á actual normativa. Os cambios que se pretenden introducir carecen de sentido, xa que botarían por terra a elevada preparación e capacitación dos axentes forestais e medioambientais. Do mesmo xeito, obrigarían a duplicidades, un maior gasto económico e, o que é peor, unha menor vixilancia da natureza e un maior risco de que durante a demora se perdan ou se degraden probas clave para resolver posibles ilícitos penais.

Nos termos nos que está redactado, o proxecto de lei equival a desaproveitar o labor dun colectivo de aproximadamente 6.000 profesionais en toda España, uns 500 en Galicia, que nos seus 140 anos de existencia demostraron continuamente a súa eficacia na protección do medio natural e dos intereses xerais da sociedade.

Desde a asociación estatal de axentes forestais e medioambientais e as federadas, entre elas APRAFOGA, xunto coas centrais sindicais, vanse tomar as iniciativas precisas para rexeitar no Congreso dos Deputados o proxecto de lei. Con tal propósito, están recabando apoio dos grupos parlamentarios e xa se encargaron ditames xurídicos, elaborados por xuristas de prestixio, que demostran que o proxecto de lei non ten encaixe no actual ordenamento xurídico.

IMG_1671

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies