O lume segue devorando o parque natural das fragas do Eume

Segundo as estimacións provisionais da Xunta arderon 750 hectáreas. O presidente da Xunta, a conselleira de Medio Rural e o conselleiro de Medio Ambiente están a visitar a zona afectada

O devastador incendio que desde as tres da tarde de onte devora o corazón do parque natural das fragas do Eume continuou activo durante toda a noite. A extensión queimada polo lume ascende a 750 hectáreas (500 arboladas), segundo confirmou a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, á Radio Galega. Segundo os últimos datos provisionais ofrecidos pola Xunta, a extensión queimada polo lume ascendía a 500 hectáreas, cifra que facilitou a consellería de Medio Rural cos datos recolleitos até as 10.00 horas da mañá.

“Non sei se quedará un metro cadrado de fraga”, lamentou o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, en declaracións a Radio Voz. Segundo os seus cálculos, as chamas arrasarían unhas 2.000 hectáreas do parque natural. Este municipio é o máis afectado polo lume, principalmente as parroquias de Cabalar e As Neves.

Os bombeiros do Eume confirmaron hoxe a Efe que o lume da Capela quedou baixo control, pero indican que as chamas seguen avanzando noutros puntos por varios focos activos simultáneos na contorna do parque e xa afecta ó municipio de Vilarmaior.

Un total de 55 militares da Unidade Militar de Emerxencias (UME) sumáronse ás tarefas de extinción, nas que traballan 2 técnicos, 13 axentes forestais, 20 brigadas, 12 motobombas e 3 pás. Os soldados chegaron equipados con seis autobombas, dous camións cisterna e un vehículo de comunicacións. Ás 9.30 horas da mañá incorporáronse 2 avións anfibios e 5 helicópteros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, están a visitar o municipio da Capela para coñecer de primeira man os labores de extinción do lume forestal. A media mañá reuníronse de urxencia cos alcaldes dos cinco concellos afectados: A Capela, Cabanas, Pontedeume, As Pontes e Monfero.

Os lugares de Coto, Teixido e Vilariño, na Capela, limítrofe coas Pontes, tiveron que ser desaloxados onte pola Garda Civil e máis dun centenar de persoas tiveron que deixar as súas casas.

Aínda que hai meses producíronse outros incendios nas proximidades do parque natural, como o ocorrido en xuño do 2011, o certo é que este abarca proporcións espectaculares. O fume víase en Ferrol desde media tarde, e desde pouco despois do seu comezo, Pontedeume quedou escurecido pola nube de fume que descendía desde os principais focos do lume. Un grupo de excursionistas foron rescatados preto do pantano da Capela pola Garda Civil e unha cisterna.

{vsig}eume{/vsig}

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies