O PSdeG reproba a “ausencia” de Feijoo e o BNG pide medidas para que a cinza non chegue á ría
“Onde está Feijoo?”. Esta é a pregunta que onte se facía a deputada do PSdeG Sonia Verdes para denunciar o “escapismo” do presidente da Xunta ante a vaga de incendios que sofre Galicia. Os socialistas criticaron a “ausencia clamorosa” do xefe do Executivo ante unha situación que xulgan crítica e pregúntanse como é posible que o Goberno aínda non constituíse un gabinete especial para supervisar e coordinar a actuación fronte aos lumes forestais.
A portavoz de agricultura do PSdeG foi aínda máis aló e denunciou que esta “ausencia” no ecuador do período estival “resulta lamentablemente coherente coa política de ocultación e negación da realidade que está a desenvolver a Xunta”. Asegura que a realidade é ben diferente á que mostra o Goberno autonómico, pois o PSdeG subliña que en só nove días arderon 3.000 hectáreas en Galicia.
Pola súa banda, o BNG reclamou onte ante o Parlamento a posta en marcha de iniciativas para a recuperación do monte queimado en Boiro e demanda medidas para evitar que a cinza chegue á ría.
A tenente de alcalde de Porto do Son, Ánxela Franco (Bloque), denunciou onte que a Xunta non xestionou correctamente os recursos municipais contraincendios. Criticou que a Administración trasladou a Cee a motobomba do municipio para atacar un lume cando en O Son “había dous lumes que aínda estaban latentes”.
Dende o PP mostraron onte unha visión ben diferente á do PSdeG. O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, resaltou a “rapidez” coa que actúa a Xunta á hora de combater o “importante número de incendios” que se están producindo en Galicia, e mostrou o seu desexo de que pronto se poida ter información sobre persoas detidas pola súa relación co “gravísimo atentado” de Fornelos de Montes que provocou vítimas mortais.
{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}