O raposo come 40 tipos de froitos e axuda a expandir o bosque galego
É un gran dispersador de millóns de sementes a longa distancia, pero os cazadores cren que existe sobrepoboación.
Investigadores comprobaron durante once anos o seu consumo de serbal no Courel e Os Ancares.
O perseguido raposo está a prestar un importante servizo á natureza auxiliando á dispersión de sementes de até 40 especies arbóreas. Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela demostraron a relación mutualista entre unha das árbores, o serbal, e os carnívoros que consomen os seus froitos carnosos. Ignacio Munilla, desde o departamento de Botánica, e José Guitián, do de Bioloxía Celular e Ecoloxía, comprobaron que durante 11 anos os froitos dos serbais estiveron ininterrompidamente na dieta de raposos e martas.
De noite ou polo día comen froitos caídos e mesmo empolicándose á propia árbore, axudando ao avance do capudre (o seu nome galego) nos Ancares, O Courel e a montaña leonesa. O raposo pode percorrer até sete quilómetros ao día e o capudre chega polas súas feces a matogueiras ou terreos abandonados, onde prepara o camiño para o bosque maduro. Ademáis, comprobouse que nas montañas galegas comen moitas mouras, teixo, arándano, rosa silvestre, endrinos, peral silvestre e mesmo especies cultivadas como os figos, uvas, cereixas, guindas, peras, mazás, ciruelas…
“Os raposos galegos comen de todo, en especial ratos, insectos, carroña, desperdicios procedentes de vertedoiros, moitos froitos no outono, aves e moi poucos coellos. O que parece é que busca especificamente os froitos. Non son simplemente unha dieta de reposto senón que a busca aínda que haxa outros alimentos. Son fáciles de consumir fronte a presas que esixen caza, pero podería ser que tivese necesidades de inxerir determinados compoñentes dos froitos”, explica Guitián. Os froitos do capudre son moi ricos en taninos e vitamina C.
O raposo, como carnívoro máis abundante, presta eficaz servizo ao trasladar as sementes, e falta saber como lle afecta a escaseza de capudre algúns anos. Son árbores sincrónicos: o ano sen froitos, non os hai en ningún. Trátase dun recurso habitual tamén para martas, garduñas, xinetas e teixos e que comen en grandes cantidades o xabaril, o oso (tamén come arándanos, castañas ou landras) os ratos e aves, coas distintas especies de gorrión que hai en Galicia.
O raposo forma parte da cadea trófica do campo galego e neste contexto, Guitián asegura que “os campionatos de caza do raposo parécenme patéticos. En calquera caso, toda a caza de raposo debería de estar avalada por estudos ben feitos que demostren claramente que hai unha densidade moi elevada, ou pouca, ou a que sexa. Ninguén demostrou en Galicia que haxa sobreabundancia. Coellos ou perdices non hai, pero por infinidade de razóns que nada teñen que ver co raposo”.
Na súa dieta hai máis carroña e lixo que coellos ou aves
Non é estraño que o raposo sexa o carnívoro máis abundante no mundo. Sen apenas inimigos naturais (o lobo ocasionalmente), adáptase e come o que ten máis a man. De feito, nun recente estudo coordinado polo profesor Luís Eusebio Fidalgo Álvarez, da Facultade de Veterinaria de Lugo, o lixo dos humanos e a carroña serían o alicerce fundamental da súa dieta, por diante de invertebrados, ratos ou outros micromamíferos, lombrigas, dos mencionados froitos e das aves.
Cazado en campionatos
Pode matar cordeiros, corcillos, arrasar niños ou un galiñeiro; tamén perdices, faisáns e coellos de repoboación cinexética, presas doadas con escasa capacidade de supervivencia no medio natural. Pero coellos e lebres non son a súa dieta principal, como ocorre noutros puntos de Europa. E con todo, nas batidas en forma de polémicos campionatos de caza do raposo, a xustificación dos participantes é a de abater certo número para que unha densidade alta non arruíne os esforzos de repoboación de caza menor. Fidalgo recoñece que non hai consenso sobre o que é “abundancia” ou non do raposo, pero os seus estudos indican que “os cambios de uso do territorio favoreceron a especie e os maiores censos da península Ibérica témolos nós en Galicia” e por iso apoia a súa xestión racional dentro dos plans cinexéticos de cada couto.
Máis raposos periurbanos
Pero a caza do raposo perséguena os membros de colectivos ambientalistas que esta semana foron xulgados en Chantada por entorpecer as cacerías en Portomarín, e que se enfrontan a multas de até 300 euros por sabotear aos cazadores. Din que nada avala unha sobrepoboación de raposos e que os campionatos (abater o maior número na xornada) nada teñen que ver coa caza social ou a tradición da caza en Galicia.
Aprobada a sua caza
No libro “O raposo en Galicia”, coordinado por Fidalgo, indícase que nas zonas de monte a densidade de raposo é de 2,32 por cada quilómetro cadrado, mentres que en comarcas agrogandeiras, onde hai alimento doado e abundante como os refugallos de granxas, acada os 2,62 individuos por quilómetro cadrado. A maior densidade deste carnívoro oportunista está en zonas periurbanas, 3,88. Sempre moi por enriba de 1,2 raposos por quilómetro cadrado en áreas como o couto de Doñana.
O raposo segue presente na orde de vedas para este ano e a Xunta autorizou a sua caza en ganchos até o 6 de febreiro e con todas as modalidades, desde o próximo día 17 até o 6 de xaneiro. Os cazadores defenden que as súas poboacións son catro veces superiores ás óptimas, e que é mellor abatelos selectivamente e non con trampas ou velenos, verdadeira secuela para moitas especies. Os opositores sinalan os desequilibrios que xera a sua caza, ou que as batidas sexan en época de apareamento, pois co celo o animal descoida parte da súa astucia.
Enxeñeiro do medio ambiente
Recentes estudos en Uruguai, Chile ou Doñana tamén refrendaron o papel ecolóxico do raposo, dispersando sementes e axudando a recolonizar paisaxes fragmentadas. Sobre a necesidade de control das súas poboacións, biólogos como Delibes e Fedriani cren que a énfase debería porse en cans e gatos asilvestrados aos que non se coñece beneficio ecolóxico.
{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}