O TSXG anula a licenza da piscifactoría de Rinlo

 

RinloA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) cualifica de ‘histórica’ a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a declaración de impacto ambiental da granxa mariña proxectada en Rinlo (Ribadeo) pola empresa Acuinor, así como a concesión dunha licenza de obra e de actividade provisional para o engorde de rodaballo, polbo e linguado.

 

O fallo, que advirte da existencia dunha infracción por inobservancia da lexislación ambiental de protección da Rede Natura, prodúcese catro anos despois de que o Goberno Fraga en funcións aprobara o Plan sectorial de parques de tecnoloxía alimentaria, do 28 de xullo de 2005, no que se incluía a planta de Rinlo, e de que o goberno local de Ribadeo ditara a licenza de obras e actividade sen que a primeira medida se publicara no DOG.

Así o explicou, en rolda de prensa, o avogado de Adega, Apolinar Gómez, que, do mesmo xeito que a presidenta desta organización, Adela Figueroa, lembrou as diversas tentativas dos militantes ecoloxistas de paralizar unhas obras que, finalmente, parou de forma cautelar o Alto Tribunal galego mediante tres autos que, como subliñou, “daban a razón a Adega”.

Unha cuarta parte da superficie desta granxa mariña ocuparía hábitats prioritarios incluídos na Rede Natura e, segundo expuxo o letrado de Adega, o TSXG recoñece na súa sentenza que a Administración galega “non foi capaz de acreditar” que a planta de Foxo Longo (Rinlo) “non produciría dano” no lugar de interese comunitario (LIC) das Catedrais.

Nesta liña, indicou que a Directiva comunitaria 92/43 de Hábitats e a normativa española que a traspone estabelece que ten que ser a Administración a que verifique que non haxa “ningunha dúbida desde o punto de vista científico” de que un proxecto non afectará a un LIC. Gómez apuntou, ademais, que esa directiva diferencia o LIC dos hábitats prioritarios e determina que nestes só poderán considerarse aquelas iniciativas orientadas á saúde humana, de interese público e respecto ao medio ambiente.

Precedente importante e base legal

Pola súa banda, o secretario executivo desta organización, Fins Eirexa, celebrou unha sentenza que, ao seu xuízo, constituirá unha “base” para recorrer as declaracións de impacto ambiental “fraudulentas” que se aprobaron durante o Goberno de Manuel Fraga. “Estes argumentos da sentenza son extrapolábeis a outros proxectos”, advertiu para agregar que o fallo “vale para piscifactorías, parques eólicos e calquera actividade que pretendan instalarse nun lugar de interese comunitario ou espazo protexido”.

 

 

 

{xtypo_feed}Fonte: A Nosa Terra{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies