Santiago, 27 de decembro de 2014.- Un operativo formado por catro axentes medioambientais, pertencentes ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, sorprendeu a dúas persoas o pasado sábado día 20 de decembro capturando salmóns nunha área de reprodución de salmónidos baixo a presa de Touro na canle principal do río Ulla. Este feito leva consigo a apertura dun expediente sancionador, de acordo coa lei de pesca fluvial.

A gravidade do sucedido vén dada polo feito de que estas persoas aparte de estar vulnerando a lei de pesca fluvial ao pescar en época de veda e con artes furtivas, estaban capturando salmóns no momento da súa reprodución co importante prexuízo que estas accións causan á recuperación desta valiosa especie.

Os furtivos tiñan no seu poder un tramallo de 19 metros de lonxitude, dúas fisgas ou tridentes e dous focos de luz artificial. Coas fisgas capturaran tres femias de salmón no momento en que estaban tratando de reproducirse, e un reo e unha troita co trasmallo.

Hai que lembrar que a tempada de pesca regular vai dende mediados de marzo (salmón e reo dende o 1º de maio) ata finais de xullo (nos coutos de reo e na pesca sen morte, prolongase ata finais de setembro). Polo tanto no mes de decembro non se pode pescar, máxime cando os salmónidos están en plena reprodución.

Procedemento
O feito leva consigo que os axentes medioambientais presentaran unha denuncia ante o servizo provincial de conservación da natureza que inclúe o comiso das artes de pesca ilegais (rede trasmallo de 19 m e 2 fisgas ou tridentes) e das pezas incautadas (3 salmóns femias, 1 reo e 1 troita).

Os servizos xurídicos da xefatura territorial iniciarán agora un expediente sancionador cos pertinentes tramites establecidos na lei de pesca fluvial, e deberán resolver se a sanción será leve, grave ou moi grave. No caso de que os feitos denunciados impliquen unha sanción grave, os furtivos enfrontaranse a unha inhabilitación para obter a licenza de pesca de 1 a 3 anos, unha sanción económica de 3.000 a 30.000 euros e a indemnización polo peso dos exemplares incautados por un valor entre 2 e 3 mil euros.

Afortunadamente son escasas as ocasións nas que se dan este tipo de casos, pero si se ten denunciado en máis ocasións a furtivos con redes tipo trasmallo para capturar salmóns na época estival. Trátase da primeira ocasión na que se ten constancia de furtivos capturando salmóns con tridentes ou calquera outra arte ilegal no momento da reprodución (decembro-xaneiro).

Nas zonas de reprodución de salmónidos faise unha especial vixilancia e seguimento nestes meses de finais e nos comezos do ano dado que se trata da fase do ciclo vital dos salmónidos máis delicada e na que se fundamenta a conservación e o aproveitamento mediante a pesca recreativa destas valiosas especies que habitan nos ríos galegos.

Medio Ambiente abre expediente sancionador a dous furtivos que capturaban salmóns en época de veda e reprodución.

Tiñan no seu poder un tramallo de 19 metros de lonxitude, dúas fisgas ou tridentes e dous focos de luz artificial

Os servizos xurídicos da xefatura territorial iniciarán agora un expediente sancionador cos pertinentes tramites establecidos na lei de pesca fluvial, e deberán resolver se a sanción sexa leve, grave ou moi grave

Nas zonas de reprodución de salmónidos faise unha especial vixilancia e seguimento nestes meses o dado que se trata da fase do ciclo vital dos salmónidos máis delicada e na que se fundamenta a conservación e o aproveitamento destas valiosas especies que habitan nos ríos galegos.

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies