Este ano, os xoves non festivos só se poderá pescar sen morte. Os luns continúan como día inhábil para a pesca, agás festivos autonómicos ou estatais.
APRAFOGA recomenda respectar a normativa e manter as medidas de precaución para que a pesca sexa segura.
30 de abril de 2015.- A Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia (APRAFOGA) informa sobre as novidades para os períodos de pesca fluvial que comezan mañá venres, 1 de maio. No caso do salmón e do reo prolóngase con carácter xeral ata o 31 de xullo, agás nos tramos compartidos do río Eo, onde o período do salmón remata o 15 de xullo. E para a saboga, chegará ata o 10 de xuño no tramo do río Ulla desde a presa de Couso ata a desembocadura.
O principal cambio este ano é que os xoves non festivos só se poderá pescar sen morte. Os axentes forestais e medioambientais lembran que nesta modalidade está autorizada unicamente a mosca artificial nas súas distintas modalidades e a culleriña, nos dous casos cun só anzol e sen arponciño. A todos os efectos, está prohibida a utilización de engado natural.
As capturas na modalidade de pesca sen morte deben ser devoltas inmediatamente á auga, salvo no caso da troita arco da vella, que se pode capturar sen límite, tanto no relativo ao tamaño mínimo como á cota de captura.
Os luns continúan declarados como día inhábil para a pesca, con carácter xeral, a non ser os festivos autonómicos e estatais, que si son xornadas hábiles.
Recomendacións
Polo demais, APRAFOGA recoméndalle ao colectivo de pescadores toda a precaución e respectar a normativa vixente para poder disfrutar do exercicio da pesca dun xeito seguro. Unha das principais recomendacións é levar sempre enriba toda a documentación necesaria. Ademais do DNI, precísanse a licenza de pesca fluvial e a recarga para o caso da pesca de salmón ou reo. Para a troita e demais especies, cómpre a licenza de pesca fluvial. Para a pesca a flote, é precisa a autorización do organismo de conca para a navegación e a licenza de pesca fluvial, xunto coa recarga de pesca a flote e a licenza de embarcación.
En coutos de pesca, hai que levar a licenza de pesca fluvial, a recarga e o permiso de pesca no caso do salmón ou reo e a licenza de pesca fluvial e o permiso no caso da troita. E en zonas de desembocadura, para a captura da saboga cómpre a licenza de pesca fluvial e para as especies de esteiro licenza de pesca fluvial ou licenza de pesca marítima, segundo corresponda.
Medidas de precaución
Como medidas de precaución, os axentes forestais e medioambientais de Galicia recomendan ir sempre provistos de teléfono móbil e informar previamente a familiares ou amigos da zona onde se sae pescar, no caso de quen acudan sós ao río. Así mesmo, emprazan aos pescadores a utilizar un equipamento axeitado, a non adentrarse en masas de auga con excesiva corrente e a evitar posturas forzadas que poidan desequilibrar.
Por outra parte, os axentes forestais, que entre as súas actuacións de xestión, protección e defensa da natureza teñen as relativas á pesca fluvial, aconsellan pescar unicamente as especies que poden ser obxecto de captura e lembran que en todas as masas de auga están vedadas as anguías, os cangrexos de río, a reñosa e o espiñento. Tamén inciden en que se deben respectar os períodos hábiles e os horarios permitidos, practicar unicamente a modalidade autorizada segundo a zona e especie de que se trate, cumprir as dimensións mínimas e as cotas de captura de cada especie e utilizar sempre os engados e anzois autorizados.
Con respecto ao coidado da contorna natural dos ríos, APRAFOGA lembra a prohibicón de facer lume no medio natural, a non ser en lugares onde estea autorizado, tendo en conta a época do ano e o índice de perigo de incendios forestais existentes neses momento.
Os axentes forestais e medioambientais, que no exercicio das súas funcións teñen a condición legal de axentes da autoridade, manifestan que a transgresión das normas no exercicio da pesca é motivo de denuncia e destacan que, ademais de para facer cumprir a normativa, están a disposición dos pescadores para axudarlles e aclararlles calquera dúbida que teñan.
Sobre APRAFOGA e os axentes forestais e medioambientais
A Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia está federada na Asociación Nacional de Axentes Forestais (AEAFMA), que á súa vez é integrante da International Ranger Federation (IRF). A entidade galega ten como obxectivos defender os intereses xerais deste colectivo profesional, que no conxunto da autonomía está conformado por uns 550 funcionarios dedicados á xestión, protección e defensa da natureza. No conxunto do Estado son uns 6.000.
Entre as actuacións destacables deste colectivo profesional, que acumula 138 anos de historia no noso país, figuran as relativas ás materias de caza, pesca fluvial e espazos protexidos, así como a xestión forestal e a loita contra os incendios forestais. O traballo efectuado polos axentes forestais e medioambientais ao longo da súa dilatada existencia permite que agora e no futuro a sociedade poida disfrutar dun patrimonio natural de valor incalculable.