- A rebaixa na titulación esixida é incongruente coas normativas estatal e comunitaria
- Apelan a que o executivo entre en razón e rectifique o proxecto de Lei de Emprego Público de Galicia
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2014.- Unhas 500 persoas manifestáronse esta mañá en Santiago contra a intención do goberno da Xunta de Galicia de degradar a profesión de axente forestal e medioambiental na futura Lei de Emprego Público de Galicia, que en breve iniciará a súa tramitación parlamentaria. Os actos de protesta estiveron convocados pola Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga) e as centrais sindicais CC.OO., CIG, CSIF e UGT.
O colectivo profesional, acompañado tamén por unha representación do alumnado das escolas de capataces, reivindica que se rectifique o proxecto de lei, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 4 de decembro, por canto supón o maior ataque recibido nos seus 140 anos de historia ao derogar a lei da escala de axentes facultativos medioambientais.
O texto pretende rebaixar a titulación requirida para acceder a un posto de funcionario como axente facultativo medioambiental. Deste xeito, en vez de precisar o título de técnico superior en xestión forestal e do medio natural, que é a titulación de nivel superior establecida no Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, poderase acceder ao desempeño da profesión sen unha formación específica previa.
O goberno da Xunta de Galicia, concretamente a Consellería de Facenda, camiña co seu proxecto de lei en dirección contraria ao que fan as demais autonomías e trata de impoñer un texto que é incongruente coa lexislación básica estatal e coa normativa europea. Ademais, vai contra toda lóxica que unha administración non lle requira unha formación cada vez máis cualificada aos seus funcionarios.
As entidades convocantes da manifestación, que discorreu sen incidencias entre as sedes das Consellerías de Medio Ambiente en San Lázaro e de Medio Rural en San Caetano e rematou cunha doazón masiva de sangue na Praza Roxa, apelan a que o goberno autonómico e o grupo parlamentario que o sustenta entren en razón e rectifique o proxecto de lei, dado que ademais trátase unicamente dunha cuestión organizativa e non tería unha repercusión económica.
Falta de garantías no exercicio das funcións profesionais
A rebaixa na titulación requerida implicaría que dificilmente o colectivo podería efectuar as funcións e os cometidos que está exercendo na actualidade. Cómpre lembrar que os axentes facultativos medioambientais de Galicia son funcionarios públicos con carácter de axentes de autoridade e policía xudicial. Entre as súas funcións principais, destacan:
- A custodia e proteción da riqueza forestal, dos ecosistemas e dos espazos naturais, da riqueza cinexética e piscícola e da flora e fauna silvestres.
- O control das actividades de xestión e uso do medio natural.
- A investigación das causas dos incendios forestais e a dirección dos traballos de extinción dos mesmos.
- A información á cidadanía en materia forestal e medioambiental, así como a educación ambiental dirixida á poboación en xeral e en especial á comunidade escolar.
Ao traste o esforzo en formación
O cambio que pretende impoñer o goberno autonómico, ademais de repercutir negativamente na protección e defensa do medio ambiente, converte nun auténtico despilfarro todos os procesos de adaptación, formación, exame e oposición dos últimos catorce anos, desde que no 2000 se conseguiu o requisito de acceso con titulación superior. A degradación conleva por tanto que todas as persoas que se formaron como técnicos superiores en xestión forestal e do medio natural vexan como pode desaparecer un plumazo todo o seu esforzo.