Ante o inicio do período hábil para o salmón, este 1 de maio, APRAFOGA ofrécelle consellos prácticos ao colectivo de pescadores
XX de abril de 2014.- A Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia (APRAFOGA) recoméndalle ao colectivo de pescadores toda a precaución e respectar a normativa vixente para poder disfrutar do exercicio da pesca dun xeito seguro. Ante o inicio do período hábil para a captura de salmón (o vindeiro 1 de maio con carácter xeral en Galicia e o 27 de abril nos tramos compartidos do río Eo), esta entidade formulou unha serie de consellos para que a afección da pesca non comporte ningún risco.
Unha das principais recomendacións é levar sempre enriba toda a documentación necesaria. Ademais do DNI, precísanse a licenza de pesca fluvial e a recarga para o caso da pesca de salmón ou reo. Para a troita e demais especies, cómpre a licenza de pesca fluvial. Para a pesca a flote, é precisa a autorización do organismo de conca para a navegación e a licenza de pesca fluvial, xunto coa recarga de pesca a flote e a licenza de embarcación. En coutos de pesca, hai que levar a licenza de pesca fluvial, a recarga e o permiso de pesca no caso do salmón ou reo e a licenza de pesca fluvial e o permiso no caso da troita. E en zonas de desembocadura, para a captura de saboga cómpre a licenza de pesca fluvial e para as especies de esteiro licenza de pesca fluvial ou licenza de pesca marítima, segundo corresponda.
Como medidas de precaución, os axentes forestais e medioambientais de Galicia recomendan ir sempre provistos de teléfono móbil e informar previamente a familiares ou amigos da zona onde se sae pescar, no caso de quen acudan sós ao río. Así mesmo, emprazan aos pescadores a utilizar un equipamento axeitado, a non adentrarse en masas de auga con excesiva corrente e a evitar posturas forzadas que poidan desequilibrar. APRAFOGA lembra que esta tempada numerosos ríos tenden a presentar marxes inseguras por mor das enchentes deste inverno.
Por outra parte, os axentes forestais, que entre as súas actuacións de xestión, protección e defensa da natureza teñen as relativas á pesca fluvial, aconsellan pescar unicamente as especies que poden ser obxecto de captura e lembran que en todas as masas de auga están vedadas as anguías, os cangrexos de río, a reñosa e o espiñento. Tamén inciden en que se deben respectar os períodos hábiles e os horarios permitidos, practicar unicamente a modalidade autorizada segundo a zona e especie de que se trate, cumprir as dimensións mínimas e as cotas de captura de cada especie e utilizar sempre os engados e anzois autorizados.
Con respecto ao coidado da contorna natural dos ríos, APRAFOGA lembra a prohibicón de facer lume no medio natural, a non ser en lugares onde estea autorizao, tendo en conta a época do ano e o índice de perigo de incendios forestais existentes neses momento.
Os axentes forestais e medioambientais, que no exercicio das súas funcións teñen a condición legal de axentes da autoridade, manifestan que a transgresión das normas no exercicio da pesca é motivo de denuncia e destacan que, ademais de para facer cumprir a normativa, están a disposición dos pescadores para axudarlles e aclararlles calquera dúbida que teñan.
Sobre APRAFOGA e os axentes forestais e medioambientais
A Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia está federada na Asociación Nacional de Axentes Forestais (AEAFMA), que á súa vez é integrante da International Ranger Federation (IRF). A entidade galega ten como obxectivos defender os intereses xerais deste colectivo profesional, que no conxunto da autonomía está conformado por uns 550 funcionarios dedicados á xestión, protección e defensa da natureza. No conxunto do Estado son uns 6.000.
Entre as actuacións destacables deste colectivo profesional, que acumula 137 anos de historia no noso país, figuran as relativas ás materias de caza, pesca fluvial e espazos protexidos, así como a xestión forestal e a loita contra os incendios forestais. O traballo efectuado polos axentes forestais e medioambientais ao longo da súa dilatada existencia permite que agora e no futuro a sociedade pioda disfrutar dun patrimonio natural de valor incalculable.