Os brigadistas critican o risco de lume á falta de prevención da Xunta

Advirten de que xa arderon 3.000 hectáreas en Galicia mentres Medio Rural aínda non puxo en marcha os labores de extinción

Os brigadistas do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais e da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos S.A. (Seaga) volveron a acusar onte á Xunta “de deixar o monte galego en grave risco de incendio” ao “desatender por completo a prevención nestes días proclives a grandes incendios e a piques de comezar a época de máximo risco”. Así o asegurou onte Paulino Rubido, secretario nacional da Federación de Servizos da CIG, pouco antes de ser desaloxado xunto a un cento de brigadistas do Seaga da base helitransportada de Toén, en Ourense, onde levaban pechados desde o mércores, denunciando que Medio Rural leva dous meses sen convocalos para o inicio dos labores de prevención e extinción.

Estas reivindicacións coincidiron a pasada xornada con dous incendios que se produciron nos municipios lucenses de Outeiro de Rei e A Fonsagrada, nos que se calcinaron unhas 75 hectáreas en total.

Rubido asegurou que o mes pasado arderon en Ourense “case 2.000 hectáreas” e criticou que a Xunta “fala de austeridade e gasta miles de millóns na campaña sen chamar aos brigadistas”. Ademais, indicou que, no caso dun gran incendio, Medio Rural “non pode coordinar en catro días o dispositivo” co que “no caso de producirse sería un verdadeiro desastre”. Neste sentido, Xesús Dorado, delegado de persoal da CIG, explicou que no que vai de ano arderon “unhas 3.000 hectáreas” e que a consellería “oculta” o número total de incendios xa que só contabiliza os superiores a dez hectáreas, mentres que o resto “son considerados conatos”, precisou.

Pola súa banda, os sindicatos dos brigadistas do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais reiteraron que a reforma do sistema anunciada recentemente pola Consellería de Medio Rural pretende “reducir o número de efectivos” e a cualificárona de “disparate”. Mentres que a CIG censurou que “o descenso de efectivos vaise amortizar con 150 postos de interinos para crear cargos de xefe de cuadrilla e de peón condutor co que se pretende privatizar o servizo con outras subcontratas”, UGT, CC OO e CSIF sinalaron que “Seaga representa precisamente a privatización dese servizo” e cualificárono de “chiringuito”. Ao seu xuízo, “as contratacións deben efectuarse seguindo as listas oficiais da Xunta, xa que o PP se comprometeu a apostar por “un mando único”. Aínda así, os representantes sindicais matizaron que “os traballadores sempre son os prexudicados”.

 

{xtypo_feed}Xornal.com{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies