Os detectives do lume

Trinta e oito axentes desenvolven o seu labor nas Brigadas de Investigación de Incendios Forestais

Do mesmo xeito que ocorre cun homicidio, unha vez que situaron a orixe do incendio, os axentes ambientais acordoan a zona. Aprafoga

O seu obxectivo é responder a cinco preguntas: onde, cándo, cómo, por que e, sobre todo, quén, porque, como din eles mesmos, “cada incendio é diferente e hai tantas motivacións como persoas”. O traballo dos axentes que forman parte das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais da Xunta -dous “como mínimo”, segundo o Goberno galego por cada un dos 19 distritos nos que se divide a comunidade- non difire demasiado dos investigadores de homicidios, aínda que o camiño que seguen para esclarecer os feitos sexa case o inverso. Mentres un policía convencional acode ao lugar no que se atopa o corpo do delito, alí recolle pistas e despois amplía a área de investigación para buscar máis indicios, os membros das BIIF deben preocuparse primeiro por situar o foco (ou os focos) do lume.

E aínda que o seu equipo tamén inclúe unha lupa, como os detectives clásicos que poboan os libros, os axentes das BIIF non teñen que agacharse para indagar centímetro a centímetro o terreo até achar o punto de orixe. A súa formación, que agora inclúe tres anos nunha escola de capacitación forestal, permítelles “descartar” enseguida boa parte da superficie calcinada, mesmo a “primeira vista”. O truco reside en aplicar diferentes modelos xeométricos de propagación do lume en función de factores como a pendente do terreo ou a dirección e a forza do vento. Por iso, este colectivo incide na importancia de dispor, antes de desprazarse á escena do crime, de datos meteorolóxicos e históricos de incendios anteriores na mesma zona.

Tras os vestixios

Unha vez que os axentes forestais logran acoutar, seguindo os vestixios que deixou o lume sobre a vexetación -distintos graos de carbonización, diferente cor das cinzas-, a área de inicio de “forma técnica e xustificada”, o seu labor volve parecerse moito á de indagación dun homicidio, fotografías e toma de medidas para confeccionar esbozos e planos incluídas. Tamén eles acordoan a zona para illar as posibles probas e a partir de aí delimitan unha serie de estreitos carreiros dos que procuran non saírse e nos que indagan centímetro a centímetro. O seu obxectivo é buscar a “proba material”, empezando por pescudar o posible medio de ignición ou fonte de calor que provocou o incendio. O chisqueiro confírmase como arma do crime por descarte. Nos outros casos, e aínda que aquí non se conte coa vantaxe do ADN, sempre aparecen restos, xa sexa de mistos, cabichas ou mesmo de mechas, que algúns incendiarios utilizan para “poder elaborarse unha coartada”.

No mesmo lugar dos feitos, os axentes xa tentan resolver a complicada pregunta do “por qué”. Para iso, dispoñen dunhas detalladas táboas, elaboradas para cada zona, na que constan unha serie de “indicadores de actividade”. “A través desa ferramenta, sabemos qué actividade se desenvolve nese lugar, ao redor del e nas súas proximidades, se é caza, pesca, unha zona gandeira…”, explica un membro das brigadas. Só é un indicio máis, pero todos suman para esclarecer os feitos.

Tras recompilar toda a información para reunir pistas materiais -e aquí funciona outra máxima que di que “canto máis grande é un incendio, máis pistas se deixan”-, as BIIF pasan á “proba persoal”, que consiste na toma de declaracións voluntarias a testemuñas que poidan achegar datos á investigación. “Cando non hai testemuñas directas, as probas indirectas teñen que ir moi ben atadas”, din. “Todo ten que ser demostrable e demostrado”, é a norma.

Actuar con rapidez

Do mesmo xeito que ocorre coa investigación dun homicidio, tamén nun incendio, como sinala un axente, “canto máis rápido chegues á zona, máis fácil é aclarar o que ocorreu” porque “saber ler un incendio é como ler un libro”: “Ler un libro novo, que acabas de comprar, é doado, pero se é vello, se as súas páxinas están gastadas e as letras borradas e por riba  caelle o café enriba, terás máis dificultades para ler. O mesmo ocórrenos a nós”. Se é posible, achéganse ao lume mesmo cando aínda non se extinguiu.

Aínda que son funcionarios -e traballan no verán en quendas de mañá, tarde e noite-, os axentes que integran estas brigadas “saben cando empezan o traballo, pero moitas veces non saben cando acaba porque hai cousas que non pode deixar para mañá o equipo que leva a investigación”. Un incendio pode resolverse en horas, pero ás veces un equipo demora “até quince días” se é moi complexo. “Depende do incendio e dos vestixios que queden”, afirma un axente, que recoñece que non sempre é posible “reunir probas suficientes”: “Todo ten que ir moi ben atado. Se non hai testemuñas directas, a proba material debe ir moi ben atada para ter un caso o máis sólido posible”.

Estes mesmos axentes “en moitos casos” poden dirixir, ademáis, as brigadas de extinción e a súa entrega ao seu traballo, como confirma un membro deste colectivo, é case a dun devoto. Nese sentido, afirman, a súa profesión é “vocacional” -non hai que esquecer que son os herdeiros dos antigos gardabosques- e o seu interese pola natureza vai máis aló do simple feito de gañarse un salario. “Mesmo ás veces pomos en risco a nosa vida”, sinalan desde o colectivo. Por iso, tamén aproveitan a ocasión para salientar que nos 133 anos “recentes” -porque antes había corpos similares- que ten o colectivo de gardas forestais “nunca se detivo a un axente forestal por provocar un delito ambiental, incluídos os incendios”.

Na época na que estudaron os axentes con máis anos de experiencia, todas as materias da escola de capacitación forestal estaban estreitamente vinculadas ao medio natural. “E as horas de práctica eran practicamente a metade das horas lectivas”; engade. A súa formación, explican, require moitos máis meses que a dun policía ou dun garda civil, por iso, en materias como a dos incendios, as pescudas dos diferentes corpos “refórzanse mutuamente”.

 

Carmen Villar. Santiago

{xtypo_feed}Faro de VigoLa Opinión{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies