Os incendios seguen sen dar tregua en Ourense

 

A Voz 26-09-09

A provincia volveu vivir unha xornada negra nos montes con once incendios forestais

Os servizos de extinción tiveron que multiplicarse para atender as incidencias

 

Brigada do Servizo de incendiosOs incendios seguen sen dar tregua en Ourense. A pesar de que o resto de provincias galegas as incidencias por lumes forestais levan días remitindo, nas comarcas do suroeste galego os efectivos de extinción da Xunta continúan atendendo a decenas de chamadas.

 

Onte mesmo foron ata once os incendios que se rexistraron en puntos diversos da provincia. Dende primeira hora da mañá efectivos de terra e aire traballaron na extinción dun incendio en Guimarás, no alto do Couso, que xa comezara a noite anterior.

 

Ao longo do día os focos fóronse sucedendo, afectando ás localidades de Forcadas, en Chandrexa de Queixa, Sarreaus, Os Blancos, Vilariño de Conso, A Gudiña, A Mezquita, Muíños, San Cibrao das Viñas e Vilamarín. Aínda que algúns deles foron conatos con escasa superficie calcinada, outros como os rexistrados en Sarreaus, Vilamarín e Os Blancos supuxeron moitas horas de traballo aos servizos de extinción, que se viron apoiados pola presenza de avións de carga en terra e helicópteros.

 

Durante a tarde, os tres focos permaneceron activos durante horas aínda que ao peche desta edición quedaran controlados. O resto de incendios atendidos polos servizos de extinción da Xunta foran extinguíndose ao longo da xornada, na que se rexistraron temperaturas de máis de 30 graos.

Esta circunstancia, unida á acción dos pirómanos, está provocando que a tempada de incendios se prolongue este ano en Ourense moito máis do habitual.

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies