Os ríos adelgazan perigosamente
A seca ameaza a apertura da tempada de pesca, que podería ser atrasada
Este inusual inverno seco e soleado ten unha incidencia directa nos ríos, cun caudal a menos da metade do que é habitual nesta época do ano. Esta circunstancia vai ter unha incidencia directa na tempada de pesca fluvial, que arrinca oficialmente o próximo día 18. Os afeccionados a este deporte non dubidan en manifestar que será unha das peores da historia, polo que xa hai colectivos que verían ben atrasar o seu inicio. “Habería que estudar outras opcións, pero somos pescadores e fariámolo se non queda máis remedio”, sinala o delegado da Federación Galega de Pesca en Pontevedra, Manolo González Martínez, que sí cre que quizá haxa que adiantar o peche da tempada, fixado para o 31 de agosto. “A cousa pinta mal”, engade José Ramón Conde, o delegado de Ourense.
En Mazaricos (A Coruña), o pescador Ramón Paz metíase onte coas súas botas no río Beba, afluente do Xallas, para demostrar que a pouca auga que flúe non lle cobre practicamente nin os pés. Leva metro e medio de auga menos que outros anos.
Segundo os pescadores, se a situación non mellora, córrense varios riscos. Por unha banda, os ríos non se osixenan como deben porque a auga non flúe, e tamén se favorece o crecemento de herba e a formación de lodo no fondo dos mananciais. Con ríos que practicamente baixan secos, botar a cana convértese nunha difícil tarefa, como manifestan o ribeirense Miguel Rodríguez e o noiés Ricardo Outeiral. O primeiro, que leva máis de medio século adicándose a este deporte, afirma: “A tempada será horrible”. Rodríguez explica que non se poderá empregar cebo vivo e que a única alternativa será utilizar culleriña ou mosca.
José Ramón Blanco, presidente da sociedade Verdeseixo, de Ponte Caldelas, cuxo coto está no río Verdugo, asegura que hai tramos con apenas 40 centímetros de altura e con menos troitas. “Fai polo menos dez anos que non se vía este nivel”, quéixase Miguel González, presidente da Sociedade Río Mandeo. Ao norte, no Eo, tamén mermado, preocúpanlles, ademais, as ramas, troncos e lixo que hai nas canles.
{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}