Dez días trala pista dun oso pardo ferido no Bierzo
O animal leva enganchado un lazo posto por furtivos e podería morrer estrangulado ou de inanición.

O oso ten o lazo enganchado á altura da cintura. «Presenta un gran estrangulamento na zona e unha notable ferida descarnada. Ademais das evidentes molestias que debe producirlle, o seu estado pode carrexar outros efectos, como desnutrición como consecuencia dos problemas de mobilidade ou infeccións máis graves», explicaron desde a Consellería de Medio Ambiente de Asturias.
Fontes da Fundación Oso Pardo informaron de que se trata dun exemplar de cor escura, «posiblemente un macho adulto, pero non vello». O animal móvese indistintamente polos municipios de Páramo del Sil (León) e Degaña (Asturias), nunha franxa de entre 500 e 1.000 metros de ancho dacabalo das dúas provincias.
De momento conseguiuse fotografalo mediante unha cámara axustada a un telescopio, pero os intentos por capturalo – o último onte, cun dardo anestesiante- foron infrutuosos. Faltou puntería.