Polémica pola captura da águia pescadora da ría de Ribadeo

Foi collida a lazo, marcada, e poranlle niños artificiais en eucaliptos

Na marcaxe e medición da águia tamén participou persoal de Medio Ambiente do Principado

A captura e posterior liberación o pasado día 8 da águia pescadora que desde finais de 2010 frecuentaba a ría de Ribadeo levanta protestas entre os especialistas en aves. As críticas son á oenegué Fapas (Fondo para a Protección dos Animais Salvaxes) e o seu complexo operativo para localizar e capturar ao animal co fin de colocarlle un emisor que levará durante meses. Por qué o balbordo?. Polas molestias á rapaz e polas dúbidas sobre o interese científico da iniciativa. “É sabido que estas aves crían en Escocia e o norte de Europa, e aquí voan a invernar. As posibilidades de que se reproduzan son escasas e pouco achegará o anelamento en Andalucía, onde xa van cento e pico pescadoras. Non merece a pena para o animal e a ornitoloxía. Véxoo como acción propagandística”, asegura Gilberto Sánchez desde El Franco, habitual observador de aves na ría.

Como outros ornitólogos que expresaron as súas queixas en distintos foros, lembra que a águia pescadora leva anos en expansión en Europa e de facelo no Cantábrico será de modo natural. Só xustifican o método se é estritamente necesario e con especies en perigo ás que hai que axudar. Neste caso podería aforrarse o sufrimento da captura a lazo nunha estaca do estuario, que ten administración compartida coa Xunta. A Consellería do Medio Rural descoñecía onte se a captura foi na beira galega ou se hai denuncia algunha, lembrando que os trámites adoitan pasar antes polos seus servizos provinciais.

Sánchez dubida da utilidade do radiotransmisor colocado nas plumas para seguila na ría, unha marcaxe distinta á que usan os especialistas desde Escocia e que permitiu seguir por satélite a reprodución das rapaces e as súas viaxes de ida e volta desde o norte de Europa até Senegal ou Guinea-Bissau.

En cambio, desde Fapas defendían que a presenza desta especie na ría de Ribadeo non se rexistraba desde 1988, e que non se reproduce no Cantábrico posiblemente desde os anos sesenta do pasado século. Agora detectarán os movementos desta águia femia dun ano de idade, marcada con dúas anillas, dentro do Programa de Recuperación da Águia Pescadora en Asturias, que inclúe outro exemplar na ría do Nalón e á que tamén anelou na ría de Villaviciosa en colaboración con expertos da Xunta de Andalucía. Fapas dicía que “ocupa os grandes eucaliptos da contorna do Eo, polo que en colaboración con Ence e propietarios de eucaliptais da vertente galega de Ribadeo, tense previsto instalar de maneira inmediata niños artificiais para favorecer a súa querenza polo territorio e a cría”.

 

Temos que collelo e manosealo todo?, laméntanse os ornitólogos.

O manexo da águia e a vinculación de Fapas con Ence xeran rexeitamento entre quenes viñeron reclamando a retirada de eucaliptos das beiras da ría e melloras do hábitat para frear a perda de especies emblemáticas. “A media de patos e acuáticas que invernan agora son a cuarta parte das que viñan hai 30 anos, e dos mil exemplares de ánade rabudo que podiamos ver entón, só contamos uns 200”, asegura Gilberto Sánchez.

Moi crítico é Juan Carlos Epifanio, da Asociación para a Defensa das Aves Rapaces de Galicia. Ve desproporcionado e con afán de protagonismo o uso de trampas e lanchas neumáticas para capturar unha ave que se localiza facilmente polo seu tamaño e por frecuentar os mesmos posadeiros. “Bastan prismáticos ou telescopio, e contactos con xente da zona que mira a diario a ría. Tamén é censurable pretender deslizar que ¿o eucalipto é bo?. Isto produce desánimo en ornitólogos que divulgan con interese científico en blogs e foros citas de aves, información que logo foi utilizada para estes episodios”.

E pregúntase: “Temos que collelo e manosearlo todo?”, lembrando recentes episodios en O Morrazo, nun estudo de biólogos madrileños sobre os azores. Provocarían tensión e diminución de parellas con crías. Pide á Xunta que faga cumprir a lei, pois “as aves silvestres son de todos”.

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies