PROPOSTA DA CENTRAL SINDICAL CSI-CSIF DE MELLORAS AO ACORDO DE CONDICIÓNS LABORAIS DE AXENTES FORESTAIS E AXENTES FACULTATIVOS MEDIOAMBIENTAIS.

 
 
Os Delegados Sindicais de CSI-CSIF, unha vez desvinculados da Plataforma Sindical, crendo necesario facerlle chegar á Administración as propostas feitas por vos, que nos fixestes chegar por medio de correos electrónicos, teléfono e persoalmente. Propostas que dende esta Central Sindical agradecemos, e invitámosvos a seguilas facendo, porque estades no voso dereito e a nosa obriga e telas en conta.
 
Tamén sendo coherentes e conscientes de que cando estábamos dentro da Plataforma Sindical, traballamos e asinamos un borrador consensuado coas outras dúas Centrais Sindicais integrantes e coa APRAFOGA, que posteriormente se levou a asemblea de traballadores e foi aceptado. Este borrador para nos e válido, pero vémonos na obriga por petición vosa e segundo vai discorrendo a negociación, de incluír  melloras substanciais que imos ir detallando:

 
  • Sendo conscientes da crise que o país está pasando nestes momentos, pero non querendo ser os pagáns de dita crise, nin a redución da calidade do servizo público que prestamos, propoñemos unha subida do 30% da masa salarial global, aplicada ao  complemento específico ( superior á que mantíñamos na plataforma), pero dadas as malas posibilidades orzamentarias derivadas da crise económica (segundo as consellerías), propoñemos una acordo a tres anos cunha subida dun 10% cada ano, acadando o 30%  no terceiro ano. Non pedindo, en ningún momento, nada que non houbesen acadado xa outros colectivos coma os dos Gardacostas, Condutores Mecánicos, etc.

  • Pedimos a inclusión de tódolos axentes no grupo C, que pasa por rematar no ano 2009 a segunda convocatoria, como estaba acordado e asinado; establecendo unha convocatoria especial para os restantes que non puideran acceder ás dúas anteriores. E forzar á Administración para que inclúa na consolidación de emprego, coma se fixo no SERGAS e outros organismos, aos compañeiros interinos que levan máis de tres anos traballando na escala de axentes forestais.

  • No tema de formación pedimos que se tramite, de maneira urxente, coa Academia Galega de Seguridade Pública, un curso de Policía Xudicial cunha duración de dous meses, no que se forme aos axentes en temas de funcións policiais do noso corpo, como son: actas declaración de testemuñas e implicados, informes, atestados, denuncias,  levantamento de probas, armamento do axente,  actuación diante da fiscalía e do xulgado, etc.

  • Tamén que na Academia Galega de Seguridade Pública, se nos expida o certificado que acredita a suficiencia nos coñecementos teóricos, esixidos para obter a habilitación  que faculta para conducir vehículos prioritarios, tal como se recolle na disposición adicional sexta do Real Decreto 1598/2004, de 2 de xullo, polo que se modifica o Regulamento Xeral de Condutores, aprobado polo Real Decreto 772/1997, de 30 de maio.

  • Solicitamos a inmediata reunión da mesa de elaboración  do Regulamento da Escala de Axentes Facultativos Medioambientais.

  • Respecto aos niveis, tal como defendimos no momento de consensuar o regulamento do grupo C, seguimos propoñendo o nivel base 18, e unha subida progresiva para todos: 14 a 18, 16 a 20, 18 a 22, e 24 para o Inspector Provincial. Estando conformes co criterio do Director Xeral de Conservación da Natureza, non consideramos necesaria a existencia da categoría de Subinspector de Distrito.

  • Na uniformidade da escala, a incorporación inmediata das pezas que faltan para completar a roupa que nos foi xa entregada, e acadar así un uniforme completo. A dotación de uniforme de gala, para celebración de actos públicos ou cerimoniais.

  • Renovación da credencial e placa de identificación como axentes da autoridade. O material da placa de identificación será de mellor calidade que o anterior.

  • Adquisición de vehículos todoterreo para renovar a flota xa envellecida. Estes vehículos  teñen que estar dotados con: cabrestante frontal, sinais acústicas e luminosas (cor azul) como vehículo prioritario e de emerxencias, unha cor identificadora e os emblemas das consellerías e das escalas de axentes. Ao efecto constituirase unha comisión  formada por sindicatos e administración para acadar un modelo de vehículo axeitado para o traballo a realizar.

  • Nas quendas horarias tanto de período ordinario como extraordinario quedará perfectamente establecida a hora de comezo e a de remate de cada quenda. Soamente haberá tres quendas diarias, mañá, tarde, e noite, que terán os seguintes horarios de comezo e remate:
  • Período ordinario:

  • Mañá (08:00 a 15:00).
  • Tarde (15:00 a 22:00).
  • Noite (22:00 a 05:00).

  • Período extraordinario:

  • Garda Mañá (08:00 a 20:00).
  • Garda Tarde (14:00 a 02:00).
  • Garda Noite (20:00 a 08:00).
  • Elimínanse as quendas de tarde-noite pasando a ser de noite.

  • A utilización do período extraordinario de 30 días (fraccionable como máximo en tres períodos de quince, oito ou sete días), comunicarase cun aviso previo de sete (7) días.

  • Terán a consideración de xornadas especiais de traballo a xornada enteira do 1 e do 6 de xaneiro e do 24, 25 e 31 de decembro. Estas xornadas serán retribuídas mediante un pagamento único por quenda de 90 euros día, non podendo encomendarse máis de dúas xornadas especiais ao ano a cada traballador.

  • No caso de que o horario da realización de gardas de 12 horas comprenda integram
    ente os períodos entre as 13.00 e as 14.45 horas e/ou as 21.00 e as 22.45 horas, o persoal disporá dunha hora en cada período para comer ou cear, que se computará de traballo efectivo, sempre e cando isto non comporte a desatención do servizo.

  • Na realización da xornada de traballo, e sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, o persoal obxecto desta orde terá dereito á pausa establecida para os funcionarios da Administración pública galega, que se computará de traballo efectivo. A dita pausa poderá suspenderse segundo as necesidades do servizo, debendo desfrutarse nesa xornada.

  • No caso de prolongación de xornada en período ordinario, por cada hora prolongada respecto á xornada fixada  diminuirase a duración doutra ou doutras xornadas ordinarias no mesmo trimestre, en 2 horas de realizala en horario diúrno, ou en 2,5 horas de realizala en horario nocturno.

  • No caso de prolongación de xornada en período extraordinario, por cada hora prolongada respecto á xornada fixada  diminuirase a duración doutra ou doutras xornadas ordinarias no mesmo semestre, en 2,5 horas de realizala en horario diúrno, ou en 3 horas de realizala en horario nocturno.

  • Logo de autorización do superior xerárquico, o persoal obxecto desta norma, por mutuo acordo, poderá cambiar con outro da mesma escala a xornada de traballo, así como os períodos de vacacións.

  • Establecese unha compensación de cinco (5) días naturais a maiores dos dez (10) días xa contemplados no acordo do ano 2004, para compensar o exceso de horas realizado en cómputo anual.

  • A totalidade do colectivo terá dereito a como máximo once (11) días hábiles ou quince (15) días naturais de vacacións durante a época de máximo risco, non podendo acollerse conxuntamente a este dereito máis dun 33,33% dos axentes pertencentes a cada grupo diario de gardas de cada Comarca Forestal ou Medioambiental. Como mínimo poderán solicitaranse cinco (5) días hábiles ou sete (7) días naturais consecutivos, debendo comezar sempre en luns.

  • Fora da época de máximo risco terán dereito a gozar de vacacións como mínimo un 50% dos axentes pertencentes a cada Comarca Forestal ou Medioambiental.

  • Os grupos diarios de gardas en cada Comarca Forestal non poderán estar formados por menos da metade dos axentes que figuren na RPT para dita comarca. De ser necesario cubriranse as baixas e vacantes con persoal interino. As quendas en extinción ata o de agora cubertas polos membros das BIIFs, deberán ser dotadas para paliar así a diminución de efectivos adicados  á extinción, motivada pola liberación dos axentes das BIIFs.

  • Se un traballador sufre no período extraordinario de gardas un accidente de traballo ou un accidente non laboral, sendo dado de baixa por ditas continxencias, percibirá igualmente a remuneración en concepto de produtividade.

  • No que respecta ao material de traballo necesario para o desenrolo diario do traballo dos axentes, dotarase aos mesmos dos seguintes equipos:

  • Aplicacións informáticas, con licencias orixinais, de SIG como ArcView, ArcGIS , ArcEditor, ArcInfo, de ofimática como Office, etc.

  • Un notebook en troques da prometida PDA, por ser más operativo. Acceso a internet para poder recibir ou enviar información, axilizando con isto os procedementos administrativos, e mellorando a atención aos administrados.

  • Maletín de investigación, dotado de ferramentas que nos sirvan para todo tipo de actuacións no medio natural, (toma de mostras de auga, envelenamentos, verteduras, incendios forestais, etc.).

  • Unha mochila ou similar cun equipamento básico para o traballo do axente, onde pode ir o notebook, GPS, cámara dixital, equipo de primeiros auxilios, boletíns de denuncia, compás, emisora, teléfono, etc.

  • A adquisición por parte das consellerías de armas cortas, armas largas, e armeiros que se situarán nos distritos, para que os axentes que queiran vaian armados cando crean que o servizo que van realizar o require. Todo isto despois de realizar o curso de Policía Xudicial, no cal ten que ir integrada a formación necesaria para o uso, manexo, e tenencia de armas.

  • A creación dun gabinete de prensa específico da escala de axentes forestais e da de axentes facultativos medioambientais, do que formen parte axentes, e que terá como misión entre outras, as de darlle publicidade nos medios de comunicación ás actuacións do colectivo no medio natural galego, e a redacción dunha memoria anual na que se recollan as mesmas, que se lle entregará a todos os compañeiros.
 
 
En espera das vosas suxerencias, un saúdo:
 
 
Os delegados sindicais de CSI-CSIF de Ourense, Lugo, e Coruña.
 
 
Juan Rubén Pardo Cid.              Ramón Díaz Martínez             Roberto González Ortega.{jcomments off}
Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies