Proposta de Acordo

 
 

O documento foi enviado hoxe, 14 de setembro, por rexistro ós Directores xerais de Montes e Conservación da Natureza, así coma ós Secretarios xerais de Medio Rural e Medio Ambiente.

 

Como resultado das últimas concentracións levadas a cabo polas forzas Sindicais representativas do colectivo de Axentes Forestais e das asembleas efectuadas pola Plataforma, da que tamén forma parte APRAFOGA, chegouse a un acordo “verbal” coa Administración para solucionalos problemas do colectivo (Grupo C e Regulamento, Acordo de horarios e servizos, uniforme, vehículos, armamento, etc.), levantando a correspondente Acta con data do 12 de xullo de 2007 co compromiso de que a finais de setembro se volvería ás reunións necesarias para a aprobación e publicación dos cometidos plantexados. Polo mesmo, a Administración pide ós representantes do colectivo que presente cantos borradores considere en relación ós encargos solicitados, para logo; “xa libres do problema que causa o verán, as altas temperaturas, etc.” discutir e acadar solucións e acordos.

 

Este tipo de propostas non é nada novo para os Axentes forestais, ata agora foron sempre a resposta da Administración para tratar de atallar as folgas e manifestacións “que tanto desgastan o facer político”, e logo, cando se traten as propostas solicitadas, xa veremos. Destes ofrecementos o colectivo está moi escaldado, non é a primeira vez que tendemos a man… “por aquelo de que o medio que custodiamos non debe pagar as consecuencias dos desacordos entre a Administración e o colectivo”, e ó final estamos chegando á conclusión de que o medio só nos importa ós Axentes forestais. Nembargantes, esperamos que desta volta o tempo nos quite a razón.

 

Aínda así, a Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia, está plenamente dacordo coa decisión tomada pola Plataforma, “suspender as movilizacións e folgas fixadas no período estival e presentar cantas propostas se consideren”, a pesares de saber que a día de hoxe, lévase entregado documentación dabondo dende esta Asociación, para ter xa algún asunto solucionado.

 

Aprafoga considera indispensable que se manteña algunha reunión para encamiñar a elaboración dun novo “Acordo”. Todos sabemos a caducidade do vixente e con elo o descoñecemento de cadrantes horarios, servizos extraordinarios… e retribucións económicas. Polo que esta Asociación, correspondendo á petición da Administración de entregar propostas de solucións, considera oportuno poñer no seu coñecemento os pareceres do colectivo sobre este asunto.

 

Tal e como redacta o seu contido, o vixente Acordo caduca a finais de ano, e no último trimestre deberán quedar establecidos os cadrantes do vindeiro 2008. Sen dúbida, a elaboración de cadrantes poderíase solucionar sin máis. Pero distinto é, as retribucións económicas do complemento (360 €), e tamén da productividade (240 €).

 

Igualmente, o período extraordinario debería quedar a disposición das dúas Direccións Xerais para podelo activar por separado cando os seus respectivos así o consideren.

 

Por outra banda, o vixente acordo sinala no seu apartado 1 a “integración na Escala de Axentes Facultativos Medioambientais ó persoal da Escala Axentes Forestais”, fixándose un prazo de tres anos para levar a cabo as convocatorias de todo o persoal, e que a día de hoxe ten a súa data límite no 2009. Por conseguinte, no ano 2008 haberá axentes no grupo D e no grupo C. Inclusive haberá patrullas de servizo con un axente en cada grupo, ou patrullas do grupo D traballando en servizos extraordinarios de noites e fins de semán desenvolvendo cometidos máis propios do grupo C, e viceversa. E ademáis, os primeiros integrantes do grupo C realizarán os servizos encomendados sin Regulamento específico ata a aprobación do citado.

 

Concluindo, Aprafoga ve convinte a redacción dun “Acordo transitorio” con caducidade a finais do 2009, que abrangue de maneira conxunta e única as retribucións económicas dos servizos extraordinarios en noites, fins de semán e festivos, e que solucionaría do xeito máis proporcional a compensación económica nas xornadas extraordinarias.

 

Daquela a retribución en complemento de 360 € en doce mensualidades non podemos considerala incremento salarial; dentro desta cantidade están os pagos de turnicidade, os servizos nocturnos, os fins de semán de 12 h. de presencia física e os 5 festivos máximo ó ano; máis ben tratóuse dun cambio na maneira de pago. Semellante é tamén o pago do período extraordinario de 12 h.

 

Para o que plantexamos neste escrito, e manifestando o total desacordo á organización de cadrantes con 12 h. de presencia física, consideramos que as retribucións no apartado de complemento deberían ser de 500 €. O pago da productividade en servizos de 12 h. no caso do período extraordinario haberá que facer as diferencias entre laboral e festivo, sin esquecerse dos servizos en horario nocturno, percibindo por elo 70 € en laboral e 120 € en fin de semán ou festivo. Estos pagos baséanse na media que están a percibir os Axentes forestais do resto do estado español.

 

Reciba un cordial saúdo de Aprafoga
 

Pontevedra, 14 de setembro de 2007
O PRESIDENTE

 

 

Miguel García Fernández

 

Sr. Secretario Xeral da Consellería de Medio Rural
Edificios Administrativos – San Caetano S/N 15704 – Santiago de Compostela{jcomments off}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies