O LABOR DUN AXENTE FACULTATIVO MEDIOAMBIENTAL PERMITE O RESCATE DUN VOITRE NEGRO EN CABANA DE BERGANTIÑOS

APRAFOGA lembra que se trata dunha especie en perigo de extinción e que hai que chamar ás autoridades ambientais cando se observen exemplares perdidos e desorientados.

01 de outubro de 2014.- O labor dun axente facultativo medioambiental permitiu o rescate e recuperación dun voitre negro atopado por uns veciños do lugar de Casais, na parroquia de San Martiño de Riobó, no concello coruñés de Cabana de Bergantiños. O exemplar desta especie, que raramente se ve en Galicia, apareceu a escasos metros das vivendas. Foron os cidadáns os que avisaron á autoridade ambiental da súa localización e nun breve intervalo de tempo xa foi recollido polo axente.

Aínda que presentaba un estado de saúde bo en termos xerais, o animal estaba desorientado e con síntomas de debilidade física. Descoñécese exactamente a súa procedencia, pero barállase que se puido extraviar durante a migración que efectúa nesta época do ano ata zonas máis cálidas. Unha vez recollido, foi trasladado a un centro de recuperación da fauna para que fose atendido e, no momento en que recobre o seu estado físico e resulte oportuno, proceder á súa posta en liberdade.

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) lembra que o voitre negro é unha especie en perigo de extinción. Por eso, fai especial fincapé na recomendación xeral de avisar ás autoridades ambientais no momento en que se localice un exemplar perdido e desorientado. A intervención de axentes forestais e medioambientais garante o seu correcto rescate e a activación dos recursos para a súa recuperación efectiva, sen riscos para a poboación.

 

 

voitrecabanabergantinos2 diariobergantinos_rectificacion

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies