REGULAMENTO DA
ESCALA DE AXENTES MEDIOAMBIENTAIS DO
CORPO DE AXUDANTES FACULTATIVOS DA ADMINISTRACIÓN
DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA
(Borrador)
Preámbulo
A protección e conservación do medio ambiente é un asunto que cada día preocupa máis á sociedade e óspoderes públicos, é por elo una tarefa prioritaria de tódalas Administracións Públicas dispor de cantos medios humanos e materiais se atopen á súa man para vixiar e coidar este ben común que é o medio ambiente. Así o recoñece o artigo 45 da Constitución española concedendo ós cidadáns o dereito ó disfrute dun medio ambiente saudable.
No mesmo senso, normas nacionais e internacionais de máis alto rango conflúen na necesidade de garantir unha conservación da natureza, que por motivos da sobre explotación dos recursos naturais e o feito de que a prosperidade actual basease nun uso descontrolado e inconsciente do potencial natural, chegou na actualidade a unha situación de deterioro que ameaza o patrimonio natural. Esta conservación da natureza para un medio ambiente saudable xira principalmente na súa protección da man dun aproveitamento ordenado.
A protección ou defensa da natureza ten unha importancia fundamental en Galicia, de feito, o noso territorio conta cunha cantidade moi importante de elementos que contribúen á biodiversidade. Esta conservación da biodiversidade e sostentabilidade dos recursos naturais require do compromiso de toda a sociedade galega para que os plans, programas e proxectos cheguen á finalidade para a que foron creados. A sociedade galega, como todos sabemos, asentada nun enramado de elementos simples como aldeas, parroquias, vilas e cidades obriga a desenvolver un tipo de conservación específico e axeitado a esta característica. Por isto, a conservación e a mellora do medio ambiente esixe contar cun amplo grupo de funcionarios adicados a estas encomendas, tanto na planificación xeral coma na a execución material das tarefas específicas de vixilancia, policía e custodia; así coma, no asesoramento en asuntos relacionados cos aproveitamentos, melloras e disfrute do medio natural.
A execución material destas últimas funcións véñense desempeñando dende fai máis de 100 anos, polo Corpo da Gardería Forestal, ó que por Real Decreto do 15 de febreiro de 1907, encomendóuselle por primeira vez a custodia dos montes a un corpo especializado. Dende os seus comezos, foron varias e necesarias as diferentes denominacións e reorganizacións conferidas a este colectivo, para axeitar as súas funcións ós cometidos que, normas e leis ditaban na procura dunha maior e mellor protección, conservación da natureza e aproveitamento dos seus recursos. Compre lembrar por elo que, a C. A. de Galicia creaba a Escala de Axentes Forestais, por Lei 12/1992, do 9 de novembro, dentro do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D.
Sen embargo, a necesidade de que as funcións do persoal integrado na Escala de Axentes Forestais resolvan axeitadamente as imposicións e necesidades que derivan da lexislación medioambiental, así coma, a necesidade de que as tarefas de custodia e vixilancia se apliquen en tódolos ámbitos relacionados co medio ambiente, dentro do tratamento integral que require esta materia, puxeron de manifesto a necesidade de crear a Escala de Axentes Medioambientais, aprobada en decembro do 2000 e creada por Lei 2/2000.
Este feito, supón un cambio fundamental nas tarefas de custodia e vixilancia medioambiental, ampliándose en gran medida o campo de actuación da antiga Escala de Axentes Forestais, non debemos obviar que existen actuacións que levaremos á práctica conxuntamente ata a plena integración de tódolos Axentes na nova Escala de Axentes Medioambientais, como así o reflicten as modificacións da citada Lei 2/2000 e que suporá, ata o pleno rendemento da mesma, un proceso de perfeccionamento das funciones específicas dos postos de traballo na medida que permita a experiencia acumulada. Esta experiencia acumulada durante anos de traballo e servizo, deben valer de referente a aqueles que, superado o correspondente proceso selectivo, pasen a formar parte da Escala de Axentes Medioambientais, do Grupo C.
Así é que, unha nova Escala tamén require dun novo Regulamento, acorde cos tempos nos que se aproba e coa finalidade que pretende, configurando un réxime de vixilancia, de eficiente colaboración na xestión, de control e inspección do medio natural. Que igualmente permita a aqueles funcionarios da Escala con mellor conduta profesional, rendemento e o logro de resultados, ascender a postos de maior categoría no seu grupo, progresando na súa carreira horizontal como consecuencia da valoración da avaliación do desempeño.
Por isto, o presente Regulamento recoñece á Escala de Axentes Facultativos Medioambientais coma o órgano encargado das funcións de custodia, policía e defensa da riqueza forestal, da flora e fauna silvestre; ademais de velar, vixiar e fomentar cantas accións e encomendas se deriven das novas tendencias de conservación do medio natural, entre outras as de información, inspección e control en materia de avaliacións de impacto ambiental, actividades clasificadas, residuos, contaminación do aire e calidade das augas.
Por todo o exposto, no uso das facultades expresamente conferidas nos artigos 37.2° do Estatuto de autonomía para Galicia e 4.6° da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, a iniciativa das Consellerías de Medio Ambiente e D.S. e de Medio Rural e a proposta da Consellería de Presidencia e Administración Pública, logo do acordo acadado na mesa xeral de negociación e do informe favorable da comisión de persoal, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día ….. de …….. de dous mil …..,
DISPOÑO:
Artigo único.- Apróbase o Regulamento da escala de axentes medioambientais que figura como anexo do presente decreto.
ANEXO
REGULAMENTO DA ESCALA DE AXENTES FACULTATIVOS MEDIOAMBIENTAIS
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1º.- Obxeto
O presente regulamento ten por obxeto establecer, no marco da lexislación básica do Estado e da propia Lei de Función Pública de Galicia, a organización, funcións e estrutura básica da Escala de Axentes Facultativos Medioambientais do Corpo de Axudantes Facultativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das normas de aplicación xeral vixentes.
Artigo 2º.- Ámbito Territorial
1. Esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Suxeito ós convenios que a nosa Comunidade acade con outras Autonomías, os Axentes da Escala actuarán noutros territorios baixo autorización expresa da Comunidade de Galicia e previa petición da Comunidade necesitada.
3. Igualmente, no marco das competencias que lle corresponden ó Estado Español e á
Xunta de Galicia en materia de cooperación internacional, os Axentes Medioambientais pod
erán realizar actuacións conxuntas con outros Estados para o control das irregularidades que afecten á riqueza forestal, flora e fauna cinexética ou piscícola, así coma ó tráfico de animais”.
Artigo 3º.- Principios de actuación, carácter de Autoridade e Documentación.
1. A Escala de Axentes Medioambientais ten a consideración de Policía Xudicial xenérica, os seus integrantes ostentan o carácter de Axentes da Autoridade prestando servizos no exercicio das súas funcións, a tódolos efectos legais.
2. Considérase que os membros da escala de axentes medioambientais están no exercicio das súas funcións cando, aínda estando libres de servizo, interveñan en calquera tipo de actuacións relacionadas cas funcións que lles correspondan, sempre e cando acrediten previamente a súa condición de membros do corpo/escala.
3. Os axentes da Escala de Axentes Medioambientais colaborarán cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado que teñan atribuídas funcións de policía ordinaria e integral no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. A/as Consellería/s con persoal desta Escala dotarán a todos os Axentes Medioambientais da documentación correspondente que acredite a súa condición de Axente da Autoridade. Dita documentación deberá ser mostrada no exercicio das súas funcións, a iniciativa propia ou cando lles sexa esixida.
5. Os feitos constatados por estes funcionarios no exercicio das súas funcións que se formalicen en documentos administrativos observando os requisitos legais pertinentes terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que na defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou aportar os propios cidadáns.
6. A Escala de Axentes Medioambientais depende organicamente de Presidencia e Administración Pública e funcionalmente da/s Consellería/s que teña/n atribuídas competencias na conservación, tutela ou xestión dos recursos naturais.
CAPÍTULO II
Funcións da Escala de Axentes Medioambientais
Artigo 4º.- Funcións xerais
Os membros da Escala de Axentes Medioambientais do Corpo de Axudantes Facultativos da Xunta de Galicia, desempeñarán de maneira xeral as funcións propias da Escala como son:
1- A policía, vixilancia e custodia en materia de protección, conservación, aproveitamento e disfrute do Medio Natural no noso territorio en relación coa tutela e a xestión, denunciando tódalas actuacións contrarias á normativa legal vixente.
2- A policía, vixilancia e custodia para o cumprimento da normativa ambiental no medio natural, en particular os vertedoiros, vertidos contaminantes e, actividades e cambios de uso do solo non edificable.
3- A policía, vixilancia e custodia do Patrimonio Histórico Artístico e Arqueolóxico asentado no medio natural.
4- A inspección e control das tramitacións e/ou autorizacións dos aproveitamentos forestais no medio natural.
5- A inspección, control, dirección e xestión sobre o funcionamento ordinario de centros e instalacións públicas, así coma a inspección o control e asesoramento en centros privados relacionados coa produción forestal, cinexética, piscícola de augas continentais, coa conservación da fauna e flora, a divulgación ambiental e o uso público socio-recreativo do medio natural.
6- A inspección control e vixilancia das actividades deportivas no medio natural.
7- A inspección, supervisión e informes dos traballos ou actividades xestionados ou subvencionados polas Dirección/s Xeral/ais competentes na tutela e xestión do medio natural.
8- A coordinación, dirección e o control das actividades, traballos, persoal e medios encomendados, así coma, a súa distribución de xeito equitativo.
9- A tramitación, en base á Lei do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, de toda a documentación que afecte ós cidadáns.
10- Proceder á execución dos actos da Administración cando así se estableza por disposición ou resolución do órgano competente.
11- A participación nos plans de protección civil dentro das competencias da Escala, así coma o auxilio en caso de accidentes, emerxencias ou catástrofes, en coordinación cos servizos de protección civil.
12- Información e asesoramento ós cidadáns e á Administración, así coma charlas ou conferencias nos centros educativos e culturais sobre materia forestal, prevención de incendios, uso e comportamento do lume, sobre as especies silvestres e a práctica da caza e da pesca, dos animais potencialmente perigosos e salvaxes en catividade, da conservación da natureza, da Rede Natura 2000 e dos espazos naturais protexidos.
13- Calquera outra que lle corresponda de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 5º.- Funcións específicas
1. En materia forestal.-
a) Desenvolverán as funcións necesarias para as tramitacións e/ou autorizacións e o control, dos aproveitamentos das masas forestais nos montes públicos e privados, xestionados pola Xunta de Galicia ou por particulares. Así coma, no medio agrícola as especies de crecemento lento ou árbores senlleiras e centenarias, denunciando tódalas actuacións contrarias á Lei.
b) O control dos restos dos aproveitamentos forestais, facendo cumprir as obrigas dos seus tratamentos e a súa retirada das sendas, camiños, pistas forestais e corta lumes.
c) Vixilancia e control sobre aparición de enfermidades ou pragas que afecten as masas forestais, indistintamente da titularidade do monte. Así coma, o control e dirección dos traballos encomendados para a súa erradicación.
d) Dirección e control nas marcaxes, medicións e cubicacións das masas forestais, sen que isto supoña a execución material dos traballos.
e) Colaboración en investigación forestal, inventarios e desenvolvemento de plans específicos.
f) Información e asesoramento en todo o concernente coa materia forestal ós Montes de Utilidade Pública e Bacías Protectoras, ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Mancomunidades e os particulares non xestionados pola Administración.
g) Control, organización e distribución do persoal da Administración encomendado, a dirección dos traballos que estes desenvolvan e os informes pertinentes.
2. En prevención, extinción e investigación de incendios.-
a) Policía, vixilancia e custodia dos montes en relación cos incendios forestais, informando de tódalas actuacións que considere necesarias dun maior seguimento.
b) Policía, vixilancia e custodia das Zonas de Alto Risco de incendios, así coma noutras de menor frecuencia pero de importancia pola súa condición forestal, natural ou paisaxística.
c) Investigación das causas de incendios forestais.
d) Vixilancia, control e informes sobre o estado e situación de sendas, camiños, pistas forestais, cortalumes e vías de acceso a predios particulares e montes forestais xestionados ou non pola Administración.
e) Vixilancia, control e informes sobre o estado e situación de tódolos puntos de auga da súa demarcación.
f) Vixilancia, control e informes sobre o
desenvolvemento das queimas en zona agrícola e/ou forestal, denunciando tódolos incumprimentos das súas condicións conforme á lexislación vixente.
g) Dirección e coordinación da extinción de incendios, organizando e distribuíndo os medios postos ó seu cargo para a execución dos traballos. E coordinándose, de selo caso, con outros Axentes da Escala enviados para auxiliar.
h) Colaborar na dirección e coordinación dos medios, naqueles incendios dirixidos por persoal técnico doutra Escala Superior, así coma ser auxiliado por estes logo de petición xustificada, e motivada polas condicións de avance do incendio.
i) Control, organización e distribución do persoal da Administración encomendado, a dirección dos traballos que estes desenvolvan e os informes pertinentes.
3. En materia de conservación da natureza, biodiversidade e calidade ambiental.-
a) Policía, vixilancia e custodia do aproveitamento da caza e da pesca nas augas continentais do territorio da Comunidade Galega, denunciando tódalas actuacións contrarias á Lei.
b) Policía, vixilancia e custodia dos animais domésticos e salvaxes en catividade no medio natural, agrícola ou forestal, denunciando tódalas actuacións contrarias á Lei.
c) Policía, vixilancia e custodia da Rede Natura 2000 e dos espazos naturais protexidos, denunciando tódalas actuacións contrarias á Lei.
d) Policía, vixilancia e custodia da calidade das augas, os seus aproveitamentos industriais, agrícolas, gandeiros ou recreativos e as obras nos leitos e zonas de servidume e policía.
e) A inspección e control do almacenamento de puríns e abonos nas granxas, da xestión e o emprego deles no medio natural e da contaminación do aire – ambiente, informando para os efectos á Dirección Xeral competente en Calidade Ambiental.
f) Vixilancia, control e informes sobre a sinalización dos terreos de caza, refuxios de fauna, coutos de pesca e zonas vedadas. Así coma, a dirección dos traballos e coordinación do persoal para a sinalización daqueles responsabilidade da Administración; sen que isto supoña a execución material dos mesmos.
g) Vixilancia, control e seguimento do desenrolo de campionatos ou eventos extraordinarios en materia de caza ou de pesca, velando polo cumprimento das condicións para a súa celebración, denunciando tódalas actuacións contrarias á Lei.
h) A inspección e informes sobre danos ou supostos, causados por especies silvestres á agricultura, gandería e ós vehículos nas vías públicas.
i) Desenvolverán as funcións necesarias para a tramitación e/ou autorización dos aproveitamentos madeireiros nos leitos fluviais, na súa servidume e policía, nas zonas de Rede Natura 2000 e nos espazos naturais protexidos.
j) Control, seguimento e informes sobre a recollida da fauna ferida e a coordinación do seu traslado ós Centros de Recuperación, así coma a súa solta unha vez recuperada.
k) Control, seguimento e informes sobre as poboacións e repoboacións cinexéticas e piscícolas. Así coma, a colaboración en Plans de investigación e inventarios de especies ou dos seus hábitats.
l) Control, organización e distribución do persoal da Administración encomendado, a dirección dos traballos que estes desenvolvan e os informes pertinentes.
CAPÍTULO III
Distribución, estrutura, especialidades e funcións
Artigo 6º.- Distribución
1. Os membros da Escala de Axentes Medioambientais desempeñan as súas funcións distribuídos nas seguintes áreas:
a) Montes e Industrias Forestais.
b) Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.
c) Conservación da Natureza.
2. Nas anteriores áreas crearanse as especialidades necesarias para cada unha delas.
3. Nos supostos de Bacías Fluviais, Áreas Protexidas ou Espazos Naturais Protexidos que abrangan máis dunha Provincia, será a Dirección Xeral quen decidirá o Distrito ou Demarcación Territorial ou división Provincial responsable.
Artigo 7º.- Estrutura
1. A Escala estruturase seguindo unha liña xerárquica descendente nas seguintes categorías:
– Axente Medioambiental Provincial. (nivel 24)
– Axente Medioambiental Territorial. (nivel 22)
– Axente Medioambiental Zonal. (nivel 20)
– Axente Medioambiental. (nivel 18)
2. Haberá un Axente Provincial por área en cada Provincia da Autonomía, tamén con funcións nas Seccións citadas na Disposición Adicional Terceira.
3. Haberá un número determinado de Axentes Territoriais por área en cada Distrito ou Demarcación Territorial ou división Provincial, tamén con funcións nas Seccións citadas na Disposición Adicional Terceira.
4. Haberá un número determinado de Axentes Zonais por área en cada Zona ou Comarca ou área Territorial do Distrito ou Demarcación Territorial ou división Provincial, tamén con funcións nas Seccións citadas na Disposición Adicional Terceira.
5. Haberá un número de Axentes Medioambientais por especialidades en cada unha das Zonas ou Comarcas (divisións Territoriais) nas que se dividan os Distritos ou Demarcacións Territoriais ou divisións Provinciais, que permita atender e desenvolver os trámites administrativos encomendados sen que isto supoña unha imposibilidade para que se leven a cabo os necesarios servizos de policía, vixilancia e custodia diarios que se realizarán en patrullas dun mínimo de dous Axentes. Que igualmente abranguerá ás Seccións citadas na Disposición Adicional Terceira.
Artigo 8º.- Especialidades e funcións do Axente Provincial
Os membros da Escala de Axentes Medioambientais que ocupen postos de Axente Provincial desempeñarán as seguintes:
a) De maneira xeral: as definidas nos artigo 4º do capítulo II dentro a Provincia e Area á que pertenza.
b) De maneira específica:
B1) Dirixir, coordinar, inspeccionar e transmitirlle as instruccións e ordes de servicio que emanen dos seus superiores provinciais, aos funcionarios da escala adscritos a súa área provincial.
B2) Cumprir e facer cumprir este Regulamento, Ordes, Acordos ou Directrices que se diten para o seu desenvolvemento.
B3) Propoñer ós seus superiores, de acordo cos Axentes Territoriais, cuadrantes e quendas de servizo; Así coma, ditar ordes de obrigado cumprimento á Escala.
B4) Elaborar e entregar mensualmente, un informe – balance da actividade desenvolvida no seu ámbito, ó/á Xefe/a Provincial.
B5) Supervisar e velar polo cumprimento da normativa en seguridade, hixiene e saúde laboral.
c) Propias do posto que desempeña:
C1) As reunións pertinentes co Xefe Provincial correspondente.
C2) Representación da Escala en actos ou eventos da Administración, e a súa divulgación na materia específica que desempeña.
C3) Tramitar ó Xefe de Persoal correspondente, as necesidades profesionais e persoais dos memb
ros da Escala.
C4) Reunión mensual cos outros Axentes Provinciais, alternando da mesma área doutras Provincias e de distinta área da mesma Provincia; co obxectivo de coordinación, velando polo cumprimento de toda normativa que afecte á Escala.
C5) Reunión semestral cos outros Axentes Provinciais e os/as responsables Provinciais da Consellería correspondente.
Artigo 9º.- Especialidades e funcións do Axente Territorial
Os membros da Escala de Axentes Medioambientais que ocupen postos de Axente Territorial desempeñarán as seguintes:
a) De maneira xeral: as definidas nos artigo 4º do capítulo II no ámbito do Distrito ou Demarcación Territorial e Área á que pertenza.
b) De maneira específica:
B1) Cumprir e facer cumprir este Regulamento, as Ordes, Acordos ou Directrices que se diten para o seu desenvolvemento.
B2) Propoñer o seu superior, de acordo cos Axentes Zonais, cuadrantes e quendas de servizo; Así coma, ditar ordes de obrigado cumprimento á Escala.
B3) Elaborar e enviar semanalmente, un informe – balance dos servizos realizados e a relación da documentación emitida na súa demarcación, ó Axente Provincial.
B4) Supervisar e velar polo cumprimento da normativa en seguridade, hixiene e saúde laboral.
c) Propias do posto que desempeña:
C1) Reunións pertinentes co Axente Provincial; para ordes, instrucións ou encomendas.
C2) Dirixir, coordinar, inspeccionar e transmitirlle as instruccións e ordes de servicio que emanen do seu superior, aos funcionarios da escala adscritos a súa demarcación.
C3) Desempeñar as funcións sinaladas no artigo 5º capítulo II no ámbito do seu Distrito e da súa especialidade.
C4) Suplir ó Axente Provincial na representación da Escala en actos ou eventos da Administración, e a súa divulgación na materia específica que desempeña na súa Demarcación.
Artigo 10º.- Especialidades e funcións do Axente Zonal
Os membros da Escala de Axentes Medioambientais que ocupen postos de Axente Zonal desempeñarán as seguintes:
a) De maneira xeral: as definidas nos artigo 4º do capítulo II no ámbito da súa Zona ou Comarca e Área á que pertenza.
b) De maneira específica:
A1) Cumprir e facer cumprir este Regulamento, as Ordes, Acordos ou Directrices que se diten para o seu desenvolvemento.
A2) Propoñer o seu superior, de acordo cas necesidades da súa Zona, cuadrantes e quendas de servizo; así coma, ditar ordes de obrigado cumprimento á Escala.
A3) Elaborar i enviar semanalmente, un informe – balance dos servizos realizados e a relación da documentación emitida na súa zona, ó Axente Territorial.
A4) Supervisar e velar polo cumprimento da normativa en seguridade, hixiene e saúde laboral.
c) Propias do posto que desempeña:
C1) Reunións pertinentes co Axente Territorial; para ordes, instrucións ou encomendas.
C2) Dirixir, coordinar, inspeccionar e transmitirlle as instruccións e ordes de servizos que emanen do seu superior, aos funcionarios da escala adscritos a súa zona.
C3) Desempeñar as funcións sinaladas no artigo 5º capítulo II no ámbito da súa Zona ou Comarca e da súa especialidade.
C4) Elaborar i enviar cada trimestre un informe sobre material e medios dispoñibles na súa Zona, así coma, un inventario e estado de funcionamento do existente.
C5) Suplir ós seus Axentes Superiores na representación da Escala en actos ou eventos da Administración, e a súa divulgación na materia específica que desempeña na súa Zona ou Comarca.
Artigo 11º.- Especialidades e funcións do Axente Medioambiental
Os membros da Escala de Axentes Medioambientais que ocupen postos de Axente Medioambiental desempeñarán as seguintes:
a) De maneira xeral: as definidas nos artigo 4º do capítulo II no ámbito da súa Zona ou Comarca e Servizo ó que pertenza.
b) De maneira específica:
A1) Cumprir este Regulamento, as Ordes, Acordos ou Directrices que se diten para o seu desenvolvemento.
A2) Propoñerlle ó seu superior, as necesidades de servizo que poida ter a Zona do seu ámbito.
A3) Elaborar i enviar semanalmente, un informe – balance dos servizos realizados e a relación da documentación emitida na súa zona ou ámbito, ó Axente Zonal.
c) Propias do posto que desempeña:
C1) Reunións pertinentes co Axente Zonal; para ordes, instrucións ou encomendas.
C2) Desempeñar as funcións sinaladas no artigo 5º capítulo II no ámbito da súa Zona ou Comarca e da súa especialidade.
C3) Elaborar i enviar cada trimestre un informe sobre material e medios á súa disposición, así coma, un inventario e estado de funcionamento do existente.
C4) Control, organización e distribución do persoal da Admón. encomendado, a dirección dos traballos que estes desenvolvan e os informes pertinentes.
CAPÍTULO IV
Acceso á Escala e Carreira administrativa
Artigo 12º.- Acceso á Escala
1. Para o acceso á Escala de Axentes Medioambientais de Galiza establécense, ademais das condicións xerais de acceso á Función Pública de Galiza os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión do Título de Técnico Superior en Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos, ou titulación equivalente.
b) Estar en posesión dos permisos de conducir das clases A2, B1 e BTP.
c) Superalo recoñecemento médico de aptitude física necesaria para o desempeño das funcións da Escala, e o resto das probas teórico e práctico da correspondente convocatoria.
d) Cumprir as condicións esixidas pola lexislación vixente para a obtención do permiso de uso de armas de fogo.
2. Os aspirantes que superen o proceso selectivo accederán á categoría base da Escala, Axente Medioambiental.
Artigo 13º.- Carreira administrativa
1. A carreira profesional dos Axentes Medioambientais cumprirá os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade contemplados no artigo 16.2 da Lei 7/2007, Estatuto Básico do Empregado Público e os da Lei de Función Pública de Galicia.
2. Os Axentes Medioambientais promocionarán dentro da Escala do Grupo C de xeito horizontal, progresando en nivel e categoría, sen necesidade de cambiar de posto de traballo e de conformidade co establecido na letra b) do artigo 17 e no apartado 3 do artigo 20 da citada Lei 7/2007.
3. A Consellería competente en materia de Función Pública regulará os requisitos e probas esixidas, adecuando os sistemas de avaliación do desempeño a criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación. E determinará os efectos da avaliación na carreira profesional horizontal, a formación, a provisión de postos de traballo e a percepción das retribucións complementarias previstas no artigo 24 de citado Estatuto.
4. A provisión con carácter definitivo doutro posto de categoría superior dentro da Escala configurase do seguinte xeito:
a) Para a provisión con carácter definitivo dos postos de A.M. Zonais esixirase un mínimo dous anos de servizos efectivos na escala como A.M., e superalo proceso citado no parágrafo anterior.
b) Para a provisión con carácter definitivo dos postos de A.M. Territoriais, esixirase un mínimo de catro anos de servizo efectivo na escala como A.M. Zonal ou oito anos de servizo efectivo na escala como A.M., e superalo proceso citado no parágrafo anterior.
c) Para a provisión con carácter definitivo dos postos de A.M. Provincial esixirase un mínimo de catro anos de servizo efectivo na escala como A.M. Territorial, oito anos de servizo efectivo como A.M. Zonal ou dez anos de servizo efectivo na escala como A.M., e superalo proceso do parágrafo seguinte.
5. Os postos de A.M. Provincial serán cubertos con carácter definitivo:
a) Desenvolver o traballo nesta categoría queda condicionado á superación do proceso selectivo para ocupar o posto.
b) Convocaranse as probas sinaladas no apartado 3 deste artigo 13, ocupará o posto aquel aspirante que máis puntuación sume entre a proba e a avaliación do desempeño do traballo realizado ata esa data.
c) Os Axentes Medioambientais que ocupen este posto farano dende a súa praza de destino definitivo.
CAPÍTULO V
Xornada, horario, quendas, quendas extraordinarias, licenzas, permisos e vacacións
Artigo 14º.- Xornada de traballo
A xornada de traballo dos membros pertencentes á escala de A.M. será a mesma, en computo horario anual, á que con carácter xeral teñen recoñecida o resto dos funcionarios públicos da Comunidade Autónoma de Galiza, podendo incluir tardes, noites, sábados, domingos e festivos polo seu carácter especial.
Todo isto sen prexuízo das necesidades derivadas de accidentes, emerxencias, catástrofes ou calamidade pública formalmente declaradas.
O Persoal da escala terá dereito a un descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.
Artigo 15º.- Horarios
1. O persoal da escala realizará o seu traballo entre as 00:00 as 24:00 horas.
2. Polas características propias que revisten os servizos que deben prestar os funcionarios da escala de A.M., os postos de traballo reservados a dito persoal estarán suxeitos ó réxime de horario especial, que se regulará a través da orde correspondente.
3. Nesta orde estableceranse as formas e o persoal competente para a elaboración dos cuadrantes horarios ordinarios, extraordinarios e intervalos horarios de descanso, confeccionaranse de xeito anual e estarán a disposición dos afectados antes do último mes do ano anterior.
4. A orde terá carácter temporal, caducará cada tres anos e poderá prorrogarse de acordo cas partes interesadas, afectará a tódalas Consellerías ou Dirección Xerais onde presten servizo os membros da escala.
5. Este réxime de horario especial da Escala de A.M. será compensado economicamente, a súa contía determinarase de acordo cos representantes sindicais dos Axentes Medioambientais e reflectirase na correspondente orde.
Artigo 16º.- Quendas e quendas extraordinarias
1. Terán a consideración de quendas extraordinarias tódalas xornadas de traballo realizadas en calquera día e quenda, e que superen o horario diario establecido.
2. As quendas, serán as xornadas de traballo ordinario en calquera día e quenda, e que non superen o horario diario establecido.
3. As quendas extraordinarias non superaran as 10 h. de servizo por día.
Artigo 17º.- Licenzas, permisos e vacacións
1. As vacacións, licenza e permisos, serán os establecidos con carácter xeral para os funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Con carácter extraordinario, e condicionado polo réxime especial dos funcionarios desta Escala, poderanse establecer compensacións nas vacacións que serán reflectidas na orde de horarios.
CAPÍTULO VI
Obrigas, dereitos e incompatibilidades; uniformidade e distintivos; armamento
Artigo 18º.- Obrigas
1. As obrigas dos membros do Corpo/Escala de A.M. serán os establecidos con carácter xeral para o resto dos funcionarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Nembargante, e dadas as características especiais que se dan no Corpo/Escala de A.M. establécense especificamente as seguintes obrigas:
a) Participar no exercicio das súas funcións, nos plans de acción que desenvolvan as Consellerías fronte a situacións de grave emerxencia ou risco ambiental.
b) Conducir o/s vehículo/s asignados ou postos a súa disposición, e velar pola conservación e mantemento dos mesmos, así como utilizar e conservar correctamente os demais medios auxiliares que se lles facilite para o desenvolvemento das súas funcións.
c) Utilizar no exercicio das súas funcións, o uniforme único e regulamentario do Corpo/Escala, sen que no mesmo poidan usarse signos ou anagramas non previstos na súa norma de creación. Aínda que por causas xustificadas e debidamente autorizadas se poidan realizar servizos sen uniformar.
d) Investigar as infraccións e delitos que se cometan nas materias da súa competencia coa finalidade de averiguar o seu alcance, as súas causas e os presuntos autores, trasladando ó órgano administrativo ou xudicial competente segundo proceda.
e) Comunicar á Delegación correspondente a subtracción, extravío, rotura ou deterioro da tarxeta acreditativa de Axente da Autoridade, a efectos de tramitar unha nova.
Artigo 19º.- Dereitos
1. Os dereitos dos membros da Escala de A.M. serán os establecidos con carácter xeral para o resto dos funcionarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Nembargante, e dadas as características especiais que se dan na Escala de A.M. establécense especificamente os seguintes dereitos:
a) A cursos de formación especifica en relación coas funcións e competencias que teñen asignadas, tanto a través da Administración como doutros organismos autorizados, computándose como horario laboral efectivo 40 horas.
b) A asistencia xurídica polo corpo de letrados da Xunta de Galiza, conforme á normativa vixente, cando o persoal da Escala se vexa inmerso nun proceso xudicial como consecuencia de actos ou omisións no exercicio do seu cargo, nas que se suxeitará ás disposicións legais vixentes na materia ou incumprirá orden da autoridade competente na materia.
c) A que a/s Consellería/s facilite/n de maneira periódica o uniforme único e regulamentario e distintivos do persoal da Escala para a súa utilización.
d) A que con carácter xeral os servizos de vixilancia, e aqueles que se presten de noite, e os festivos e fins de semana prestaranse en patrulla dun mínimo de dous.
e) A un seguro contratado pola Xunta de
Galicia que cubra os riscos de morte ou de invalidez total ou parcial, así coma responsabilidade civil como consecuencia de incidencias no desenvolvemento das funcións encomendadas neste Regulamento.
Artigo 20º.- Incompatibilidades
1. Os membros da Escala de A.M. están sometidos o réxime xeral de incompatibilidades dos funcionarios da Xunta de Galicia.
2. A dedicación dos axentes medioambientais ás funcións propias da escala non é compatible co exercicio de ningún cargo, profesión ou actividade que impida, dificulte o comprometa a estrita observancia dos seus deberes, de acordo con la normativa vixente en materia de incompatibilidades.
Artigo 21º.- Uniformidade e distintivos
1. Nos servizos en contacto coa cidadanía, os membros da Escala de Axentes Facultativos Medioambientais deberán ir debidamente uniformados. Para determinados servizos poderá autorizar o superior xerárquico o exercicio das funcións sen uniforme.
2. O vehículos e demais medios materiais adscritos á Escala de Axentes Facultativos Medioambientais presentarán unha rotulación corporativa diferenciada da do resto de organismos da Administración Galega.
3. Regulamentariamente, determinarase a uniformidade persoal e a rotulación dos vehículos e medios materiais sinalados nos epígrafes anteriores, que non poderán ser empregados por ningunha institución pública ou privada no ámbito da Comunidade Galega. Asemade os vehículos estarán dotados cos equipos e materiais necesarios para poder desenvolver con corrección as labores propias da Escala, incluídas luces de emerxencia e prioritarias conforme ó seu uso recollido na lexislación vixente ó respecto.
4. Poderá definirse un emblema ou logotipo da Escala que figurará na súa documentación, uniformidade e rotulación de vehículos. Así mesmo, xunto ao emblema da Xunta de Galicia poderá figurar na publicidade institucional relacionada coas funcións asignados por este Regulamento.
Artigo 22º.- Acreditación persoal
1. Os membros da Escala disporán dunha acreditación persoal que acredite tal condición. A petición das persoas interesadas, deberá ser amosada.
2. Nesta acreditación persoal figurará unicamente unha referencia alfanumérica, que bastará para identificar aos membros da Escala en toda a documentación xerada como consecuencia do desenvolvemento das súas funcións.
3. O tipo de acreditación, forma, tamaño e deseño será publicada no DOG.
Artigo 23º.- Armamento
O persoal da escala deberá ser dotado do armamento regulamentario, así coma de todas aquelas medidas de protección individual que se consideren necesarias, co obxeto de que en funcións de control de fauna, así como de policía de caza, vixilancia nocturna, e en servizos que pola súa conflitividade ou dificultade presúmase risco, poida portar armas que garantan a súa lexitima defensa, aténdose coa licenza, uso e custodia da arma ao disposto pola normativa legalmente establecida, que será obxeto de un desenvolvemento normativo posterior.
CAPÍTULO VII
Segunda actividade; órganos de participación
Artigo 24º .-
Cando de forma temporal ou permanente os membros da Escala de Axentes Medioambientais vexan diminuídas as súas facultades físicas ou psíquicas para o desempeño das funcións asignadas a esta Escala, ou que cumpran os cincuenta e cinco anos de idade, poderán acollerse a:
– Continuar no servizo activo, previo control médico anual ata os sesenta anos.
– Prestar unicamente servizo en tarefas administrativas ou de atención ó cidadán, dende o seu posto de carácter definitivo, e no ámbito da súa demarcación.
Os Axentes Medioambientais que cumpran os sesenta anos prestarán unicamente as tarefas sinaladas no derradeiro parágrafo.
Artigo 25º.-
Crearase unha Comisión Asesora mixta como órgano participante de cantos asuntos afecten á Escala de Axentes Facultativos Medioambientais. Estará composta pola representación da Comunidade Autónoma e por dous representantes de cada un dos Sindicatos con representación do Colectivo na función pública de Galicia.
A súa función é simplemente de participación e encontro, sen outro tipo de competencias nin posibilidades de acadar acordos vinculantes para a Administración, salvo no caso de actuar como mesa de negociación habilitada ó efecto.
Reunirase, con carácter ordinario, unha vez por semestre previa convocatoria do seu Presidente, que será elixido polo/s Director/s Xeral/is con competencias no medio natural.
É de obrigado cumprimento, poñer en coñecemento da Comisión Asesora tódalas disposicións normativas que afecten ó seu réxime de funcionamento.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.-
Os Servizos Provinciais ou Seccións dos mesmos, que teñan atribuídas competencias no medio natural e carezan na súa estrutura de membros desta Escala, tramitarán as oportunas dilixencias a través do Servizo Provincial (área) que máis ligazón teña ca materia que se trate, e que conte na súa estrutura con membros desta Escala.
Segunda.-
Na cabeceira de cada Zona ou Comarca ou división Territorial nas que se dividen os actuais Distritos ou Demarcacións Territoriais ou divisións Provinciais, haberá un inmoble reservado para a Escala de Axentes Medioambientais co mesmo número de oficinas que áreas, dotados dos medios telefónicos e informáticos para tramitar todo tipo de documentación interna, disporán dun lugar de despacho para asuntos relacionados cos cidadáns, dun lugar de arquivo de documentación, de materiais e outros medios que se faciliten.
Cando a cabeceira da Zona ou división Territorial coincida coa do Distrito ou división Provincial, un espazo do inmoble reservarase á Escala.
Pola contra, acordaranse convenios con outras Administración co fin de cumprir o obxectivo previsto.
Terceira.-
Os Servizos Provinciais (áreas), terán representación nos actuais Distritos ou Demarcacións Territoriais (divisións Provinciais).
Os Distritos ou Demarcacións Territoriais ( divisións Provinciais), divídense en Zonas ou Comarcas (divisións Territoriais).
A Cabeceira da Zonas ou Comarcas (divisións Territoriais), será a localidade de referencia dos Axentes Medioambientais Zonais e Axentes Medioambientais.
Cuarta.-
Nos supostos de Bacías Fluviais, Áreas Protexidas ou Espazos Naturais Protexidos que abranguen máis de un Distrito ou Demarcación Territorial (área Provincial) será a Delegación Provincial quen decidirá o Distrito responsable.
Quinta.-
A dotación de armamento á Escala de Axentes Medioambientais esixe ós seus membros estar en posesión da licenza de armas tipo C (arma corta), tal e como sinala o apartado 6 do punto 4 no artigo 96 do vixente Regulamento de Armas ou a lexislación vixente na ma
teria.
Establecerase por regulamento a arma a portar, o réxime das medidas do control, as normas para a súa administración e as medidas de seguridade necesarias.
De parte da/s Consellería/s adoptaranse os mecanismos oportunos, a través dos Servizos Provinciais (áreas), para a garda e custodia das armas en deposito.
Asemade facilitarase a formación necesaria para o manexo e uso das mesmas.
Sexta.-
A actual Escala de Axentes Forestais Grupo D, será declarada a “extinguir” para cando o proceso de integración se remate.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira.-
Ata a plena integración do actual colectivo da Escala de Axentes Forestais Grupo D na Escala de Axentes Medioambientais Grupo C, non se convocará concurso – oposición por acceso libre para a Escala do Grupo C.
Segunda.-
1. Entanto non se modifiquen as RPT´s para a creación da categoría de Axente Provincial e os grados de nivel do presente Regulamento, os Axentes Medioambientais continúaran no Grupo C co grado da praza que viñan desempeñando con caracter definitivo na data do paso.
2. Entanto a Consellería competente en Función Pública non estableza os procedementos da Carreira Administrativa do “artigo 13º”, os concursos de traslados rexeranse pola Lei de Función Pública de Galicia vixente e para as categorías existentes.
{jcomments off}