Reunión co Director Xeral de Montes (09-07-09)
Asistimos o Presidente, o Secretario e o Tesoureiro.
De antemán, agradecer o seu recibimento, a cordialidade e a proximidade amosada. Como tamén, o coñecemento que ten da Escala de Axentes e das súas virtudes e fraquezas. Agradecerlle tamén o seu compromiso de ler e analizar os escritos que se entreguen; e de manter reunións, que unicamente quedarán condicionadas polo cumprimento da súa axenda na cal se lle fixará a data.
Presentámonos, e clarexámoslle que o motivo era unha primeira toma de contacto e entregarlle en man copia da documentación citada e a intención de intercambiar impresións sobre algúns asuntos; que se trataron como se detalla de seguido:
- Presentación e entrega do borrador do Regulamento do Grupo C, (copia tamén do escrito rexistrado no seu día, asinado polas forzas sindicais e Aprafoga).
- Entrega do borrador de Acordo das condicións laborais, elaborado por Aprafoga, (o debatido na Asemblea de decembro de 2008).
- Preguntámoslle polo período extraordinario a partires de setembro supoñendo que puideramos ter un outono seco, favorable para os incendios forestais.
O Director, ollou por enriba os dous escritos, falamos das épocas nas que foran feitos e discutidos, valorados e inclusive votados polo colectivo (con máis traballo e dedicación foi obviamente o Regulamento) e de seguido, comentamos que ían por separado o Regulamento e o Acordo, aínda que no Regulamento fálase dunha Orde que regulará os servizos máximos, os horarios e tamén os extraordinarios, entre outros.
Tamén fixemos referencia á actual situación económica, pero entendemos que se poderían cambiar e corrixir determinados condicionantes do actual Acordo, que xa vai para dous anos de caduco.
O Director asentiu esta exposición de intencións, tamén entendeu que as cuestións económicas sempre van a estar aí, é comprensible a idea de mellorar economicamente porque é necesario, como necesaria é unha proposta de condicións polas que se solicita esa melloría.
Igualmente dixo, que explicaría tódolos asuntos coa maior sinceridade e que tiña interese en empezar por comentar a súa percepción da situación.
Manifestou especial insistencia en recuperar unha boa organización. Ten o sentimento de brazos caídos por parte dos axentes, desinterese, falta de esforzo e imaxe para darlle credibilidade a este Servizo Público. Un axente debe coñecer ben o terreo no que traballa, coñecelo monte da súa zona por interese e decisión propia, por vocación, sen a necesidade de recados ou orde directa de ningún superior. Debe vixiar, custodiar e fomentar o forestal, inclusive naqueles montes que son na súa totalidade de particulares.
A nosa Comunidade é un referente no mundo forestal a nivel de Estado, é tamén unha necesidade seguir estando aí. O aproveitamento forestal é o obxectivo principal do monte. Neste senso os axentes debemos axudar a fomentar este interese de industria forestal. Hoxe pode dar emprego a 5 ou 10.000 persoas pero mañá poderían ser 20.000 ou máis.
O axente forestal debe estar aí asesorando. Intentando mellorar, no que lle toca, a ampliación forestal, os aproveitamentos ordenados e a mellora da produción do monte.
A potenciación do forestal ante o cidadán é un condicionante importante. Non podemos pensar todos nós Administración, (Director, Xefes, Técnicos, Axentes) en impulsar a plantación de frondosas (caso do carballo, etc) ós particulares, ca sospeita existente de que despois duns anos non poderá cortalos porque están protexidos.
O monte debe ser aproveitado, repoboado, coidado e volto a aproveitar. Este é o desenvolvemento sostible necesario, pero necesita do fomento e impulso tamén por parte dos axentes para axudar a ver que ten que ser así.
A este comentario do Director replicóuselle o seguinte:
Á situación de desinterese, falta de esforzo ou brazos caídos contribuíu tamén a propia Admón., non fai moitos anos o referente dun monte concreto era o Axente, arredor del xiraba o control de tódolos traballos e responsabilidade final dos mesmos. Non facía só de Axente da autoridade, senón de xestor, encargado e responsable dun traballo determinado e de forma íntegra. Eses tempos non son os mesmos que os de agora; onde unicamente, ó axente/s se lles require maiormente para inspeccións de predios particulares. O Axente Forestal (en xeral), está perdendo peso ante os cidadáns en asuntos de asesoramento e xestión, provocando unha perda moi importante de credibilidade na xente máis asentada no rural; e por elo, influinte en maior medida no fomento da produción forestal.
Analizando quizais mellor a situación, poderíamos relacionar o suposto desinterese ou brazos caídos cos anos de experiencia do persoal, que ve como os cambios ou as decisións que dependen da Admón. política en favor da Escala e dos seus axentes; non se acadan en tempo razoablemente curto, causando un desánimo que pode acabar afectando á imaxe pública, porque tamén afecta á saúde anímica e ó optimismo de cada un. Exemplos temos dabondo, o máis sinxelo de todos (o Grupo C) leva máis dun lustro. Os concursos de traslados tardan en saír e logo tardan en resolverse. Todos estes movementos administrativos da Escala quedan sempre paralizados na época estival.
O Director explica que este tipo de cambios na xestión son propios e necesarios na Admón. para adaptarse ás novas esixencias normativas; e que nós, debemos entendelos e igualmente adaptarnos a eles. Non perde peso o Axente Forestal ante os cidadáns, perde peso a Admón. Forestal se algúns dos seus engranaxes se debilita e non responde ó esforzo que a actualidade demanda.
Outros dos asuntos tratados:
- A necesidade de cursos de formación máis a miúdo, máis puntuais e máis concretos; como exemplo quixeramos tratar o concepto de “Policía Xudicial en sentido xenérico para os Axentes ”.
O Director lembrounos de xeito rápido e conciso este concepto nas actuais normas legais, pola súa parte cónstalle que todo o referido a delitos ou supostos delitos tramítase á xustiza (nin que dicir ten o tema de incendios forestais), e por ende, despois xa será a fiscalía ou o xuíz quen solicite informes ou explicacións o Axente Forestal (neste caso), ou á persoa que pola súa vinculación co servizo público teña recoñecida esta condición de policía xudicial.
A nosa réplica foi solicitarlle que deberíamos ter un curso específico para esta cuestión. Tamén coñecemos algo o concepto de “Policía Xudicial” e a nosa intención non é desvincularnos cos trámites cara a Admón. xudicial; senón non, ter máis claros os pasos a seguir para calquera investigación; así coma, a documentación a entregar que sirva e se sostente polo seu propio peso.
- A carencia da credencial dos novos compañeiros que tomaron posesión ultimamente. Resulta un pouco vergonzoso que un funcionario tome posesión e non reciba a súa credencial persoal nun prazo de tempo curto. Inclusive poderiamos mirar de darlle unha nova imaxe á actual tarxeta.
nsiderou de importancia esta cuestión, mirarase de resolver o problema ca maior celeridade. Igualmente, si o deseño, formato e outras consideracións da actual pode ser mellorable achegade as propostas e debuxos para a súa análise e valoración.
Nós, aceptamos a proposta de presentar algo novo, diferente e cunha nova imaxe máis semellante á credencial doutros Corpos ou Escalas existentes.
Rematamos a reunión, pedíndolle que trasladara ó seu homólogo de Conservación a necesidade de reunión con el, para manter unha xuntanza semellante a esta.
O Director ofreceuse claramente a elo, manifestándonos sen ningunha dúbida que o Sr. García-Borregón tamén estaba interesado en manter reunións coa Asociación.