Reunión da Xunta Directiva co Conselleiro (06 de xullo de 2004)
O pasado 6 de xullo a Xunta Directiva da Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia mantivo unha nova reunión co Conseleiro e o Secretario Xeral, dentro do calendario de reunións previstas co seu gabinete. Nesta reunión entregóuselle unha proposta para regularizar o tema das queimas controladas, tanto das comunicacións como das autorizacións, xa que neste eido os Axentes Forestais deben realizar unha labor de supervisión/inspección daquelas que entrañen especial risco, máis que unha función puramente administrativa, en pro de minimizar as posibilidades de que se chegue a producir calquer incendio forestal como consecuencia dunha queima incorrectamente planificada e levada a efecto, xa que entendemos que os Axentes estamos a dilapidar o noso tempo en funcións que non nos corresponden “profesionalmente”. No seu tempo informarase das conclusións desta proposta.
Os núcleos dos temas a tratar co gabinete do Conselleiro serán os seguintes:
– IDENTIFICACIÓN, UNIFORME, VEHÍCULOS E MATERIAL ESPECIFICO.
– COMUNICACIÓNS E AUTORIZACIÓNS DE CORTAS E DE QUEIMAS.
– PROTOCOLOS DE ACTUACIÓN EN INCENDIOS FORESTAIS E FURTIVISMO.
– FUNCIONAMENTO DOS DISTRITOS.
– CONSIDERACIÓNS SOBRE O ANTEPROXECTO DA NOVA LEI DE MONTES.
– CURSOS DE FORMACIÓN.
– AXENTES DA AUTORIDADE E ARMAMENTO.
Sobre algún destes temas xa hai material avanzado, e incluso entregado á Consellería (exemplo: material necesario para o exercicio das nosas funcións, algunhas alegacións ó anteproxecto da Lei de Montes, queimas controladas, unificación de impresos de solicitudes de corta).
No caso da identificación (acreditación) e uniforme xa está o tema bastante avanzado, sobre todo no caso da acreditación. De feito, foille entregada á Asociación o anteproxecto de orde, polo que se regula a identificación dos Axentes Forestais de Galicia, para que emita a súa opinión e plantexe as oportunas modificacións. De feito, sabemos que houbo filtracións e o documento está exposto indebidamente nalgúns Distritos da provincia de Ourense, e non é intención da Asociación difundir documentos ata que non esté garantida a súa viabilidade e certeza. Polo tanto, puntualizar que ese documento todavía non é oficial, e que a liña que segue o proxecto de orde é a identificación acreditativa da condición de axentes da autoridade nos actos de servizo. A devantida credencial comprenderá a tarxeta identificativa e a correspondente placa acreditativa expedidas conforme un modelo oficial, cun número identificativo que se compoñerá da clave do Distrito, seguida dun número clave que figurará no rexistro da Consellería de Medio Ambiente. Neste apartado, a Asociación pretende que ese número clave non sexa o número do DNI, senón tres ou catro díxitos codificados, xa que tódolos Axentes dispoñen, evidentemente, do seu propio DNI, que non ten porqué figurar na acreditación, e sí nos correspondentes datros do rexistro. No anverso figuraría o anagrama da Xunta de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, e no reverso explicitarase a nosa condición de Axentes da Autoridade. E sobre o tema, nada máis que dicir, ata que teña carácter definitivo.
O seguinte tema a tratar, xa no mes de setembro, ou como moi pronto a finais de agosto, será o de PROTOCOLOS DE ACTUACIÓN EN INCENDIOS FORESTAIS, co gallo de formular propostas de melloras funcionais e profesionais. Para elo recabamos a colaborarión de tódolos asociados, no eido de aportar ideas e propostas, ben ó apartado de correos ben ó correo electrónico da Asociación, para finalmente ser refundidas nun texto único que se haberá de presentar ó gabinete do Conselleiro no seu momento. Isto non quita que se poidan anticipar propostas sobre calquera dos outros temas que se tratarán coa Consellería, enumerados anteriormente.