Seminario sobre política forestal

 

 

Centro comarcal de Ordes“As claves da política forestal actual”, que se celebrará o 15 de setembro, en horario de 10:30 a 14:30 horas, está organizado pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais e pola Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza.
A Consellaría do Medio Rural pretende concienciar a sociedade galega da importancia da xestión integral, racional e sustentable do monte como vía para acadar unha explotación
máis produtiva e para optimizar o seu aproveitamento .

Ordes, 09-09-2008 A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais e mais a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza –dependentes da Consellaría do Medio Rural– organizan o seminario “As claves da política forestal actual”, que se vai celebrar o vindeiro 15 de setembro no Centro Comarcal de Ordes, en horario de 10:30 a 14:30 horas. A través desta iniciativa, Medio Rural pretende concienciar a sociedade galega da importancia dunha xestión integral, racional e sustentable do monte, co obxectivo de que sexa máis produtiva a súa explotación e que se reduza o número de incendios forestais.
“As claves da política forestal actual” está conformada por dous bloques temáticos. Na primeira parte explicarase a estruturación do territorio rural, no que destacan dúas ferramentas fundamentais que a Consellaría está a impulsar para frear o abandono das terras e para optimizar o seu aproveitamento, como son o Banco de Terras de Galiza (Bantegal) e as Unidades de Xestión Forestal (Uxfor).
Na segunda parte exporanse diversas actuacións para a mellora dos montes, que xirarán arredor de tres eixos: a prevención dos incendios forestais (lexislación, plans de prevención e defensa contra incendios, así como axudas para o caso dos montes veciñais en man común); a mellora dos recursos forestais (plantacións, tratamentos silvícolas, aproveitamento comercial e transformación dos produtos forestais) e mais a valorización integral e a promoción da multifuncionalidade do monte. Para desenvolver este último punto, exporanse as principais liñas de axudas neste eido, así como exemplos concretos de proxectos de valorización forestal, como o aumento do coñecemento e a concienciación dos propietarios e xestores, o aumento do valor económico dos bosques e a promoción da diversificación das producións e a posta en valor dos usos públicos dos espazos forestais.
Este seminario está dirixido a propietarios particulares, a membros de comunidades de montes veciñais en man común, a silvicultores, a xestores de montes, a técnicos e traballadores de empresas e de servizos agroforestais e ao persoal da administración pública local e autonómica. A participación no mesmo é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas, polo que todas as persoas interesadas deberanse inscribir canto antes no propio centro comarcal a través do teléfono 981 688 386, do fax 981 697 547, ou do correo electrónico ccordes@comarcasdegalicia.com.
Despois de Ordes, este seminario vaise celebrar nos centros comarcais de Tabeirós–Terra de Montes (17 de setembro), de Bergantiños (18 de setembro), do Carballiño (19 de setembro), da Mariña Central (9 de outubro), de Terra de Lemos (15 de outubro), da Mariña Occidental (22 de outubro), do Salnés (31 de outubro), de Valdeorras (4 de novembro), da Paradanta (7 de novembro) e de Terra de Trives (14 de novembro).

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies