Solicitude de xuntanza coas Direccións Xerais
Estimados Directores Xerais:
Como lembrarán; a Asociación APRAFOGA mantivo con vostedes unhas reunións (o 09/07/2009 e o 04/02/2010, Montes e Conservación respectivamente), co gallo de entregarlle en man diversa documentación concernente á/s Escala/s de Axentes Forestais/Medioambientais. Nas xuntanzas, ademais de intercambiar impresións e pareceres sobre a documentación achegada falamos puntualmente e moi por enriba de asuntos como as condicións de traballo, a situación e distribución das actuais RPT´s, os períodos extraordinarios e outras necesidades.
As súas conclusións sobre estes cometidos foron semellantes, “estudarémolo e manteremos outras reunións para falar e concluír sobre o contido das propostas”.
Perante este tempo APRAFOGA:
- Solicitóulle-la citada xuntanza ó Sr. Director de Conservación da Natureza para manter unha reunión antes da apertura de pesca do 1º de maio 2010. Non recibimos contestación nin solicitude de reunión para falar sobre as propostas presentadas. Aínda así, recoñecemos o seu interese ó poñer en marcha períodos extraordinarios específicos para a vixilancia da Caza e da Pesca, establecendo neste 2010 e “por primeira vez”, unha quincena respectivamente.
- Á instrución enviada por esa Dirección Xeral ós servizos provinciais sobre as funcións dos “Celadores de segunda/vixiantes de recursos naturais”, de data 22 de marzo de 2010, fíxoselle caso omiso nas provincias de A Coruña e Pontevedra, xa que o persoal referido segue tramitando denuncias.
- Non recibimos solicitude de reunión pola Dirección Xeral de Montes; a pesares do tempo transcorrido dende a reunión de xullo do 2009, e do seu compromiso de analizar a documentación presentada e da súa insistencia en recuperar unha boa organización e levantar ese sentimento de brazos caídos; podería ser, que o Sr. Director Xeral aínda non atopou un oco na súa Axenda para reunirse coa Asociación dos Axentes Forestais.
- Tamén se nos ignorou publicamente na páxina Web da Consellería explicando o “imposible desmantelamento das BIIF porque estas nunca existiran”.
- Sobre este asunto presentamos escrito “reclamación” ante o Conselleiro de Medio Rural e o Sr. Director Xeral de Montes. Os manifestos publicados sobre a inexistencia das BIIF é un manifesto de ignorancia de cara o colectivo un desprezo cara os integrantes das BIIF e a súa labor investigadora. A este respecto non se nos clarexou nada.
Tampouco se recoñeceu por parte da Dirección Xeral a existencia das BIIF e a súa distribución. E non se nos convocou a ningunha reunión para falar e concluír sobre o contido das propostas presentadas.
- Ademáis, parécenos que a Dirección Xeral de Montes traballa en contra das BIIF de Axentes Forestais/Medioambientais. Observamos que non o fan igual en tódolos Distritos. Inclusive nalgúns Distritos as BIIF´s son individuais. Tamén nos consta que hai “Informes BIIF” impecables; clarexando causas, interpretando o lume, investigando e identificando a presuntos e supostos coa obxectividade máis desexada por calquera profesional.
En resumo Srs. Directores; estamos á espera de ser convocados para manter as oportunas reunións co fin de arrancar solucións a estes cometidos que xa levan anos enriba da mesa. Asuntos como o Regulamento da Escala de Axentes Medioambientais e o Acordo Económico do ano 2005 con caducidade no 2008; unha nova distribución do persoal axeitándoo as RPT´s e os niveis da Escala á nova proposta de estrutura presentada no borrador de Regulamento Grupo C. Tamén unha retribución horaria “extraordinaria” exclusiva para aquelas atencións e necesidades ou servizos máis relevantes e necesarios no marco das competencias de cada Dirección Xeral.
APRAFOGA, sostén que é posible avanzar nestes asuntos a pesares da situación económica que estamos a vivir. Sostén tamén, que é necesario e urxente unha nova organización horaria de fins de semana e festivos, a referida situación económica non permite facer fronte ó pago da comida ou da cea para atender as 12h. de presenza física.
Atentamente
O PRESIDENTE
Miguel García Fernández
Consellería do Medio Rural
Director Xeral de Montes
Director Xeral de Conservación da Natureza
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}