Un morcego reproduce o modelo da poboación galega moi ligado ao home

Fieis ao seu lugar de orixe, manteñen os seus refuxios durante xeracións

Morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros)

Mide, como moito, trinta centímetros e apenas pesa cinco gramos, pero ten un apetito voraz. Nunha noite é capaz de zamparse cen mosquitos. É o morcego de ferradura, unha especie protexida que en países como Holanda ou Bélxica xa se extinguiu e noutros como Francia ou Alemaña atópase en franco retroceso, pero que en Galicia goza de boa saúde. Cunha poboación calculada nuns tres mil exemplares, a comunidade sitúase como a gran reserva europea do Rinolophus hipposideros, un quiróptero que só comparte co home o seu carácter de mamífero, pero que en Galicia segue unha evolución que sorprendeu aos investigadores: reproduce o modelo de comportamento da poboación galega. A esta primeira conclusión é á que se chegou no proxecto Hippos, financiado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza e desenvolvido en colaboración coa Fundación Drosera para o estudo e a conservación da especie.

O morcego, que supón un excelente indicador da saúde dos ecosistemas e unha testemuña da transformación da paisaxe, vive en grupos de pouca poboación -cunha media de quince exemplares, cando o habitual noutras especies de quirópteros é de cen- e moi dispersos ao longo do territorio. O 90% acubíllanse en casas abandonadas, cando o habitual é que o fagan en covas, e mantéñense nos seus refuxios ao longo de xeracións. “É algo alucinante que reproduzan o modelo da poboación humana de Galicia”, constata o investigador responsable do proxecto, Ramón Segade, quen tamén se sorprende da súa fidelidade ao lugar de orixe. “De onde son, quedan -explica Segade- e a través de análises xenéticas puidemos comprobar que permanecían na mesma casa xeración tras xeración”.

O traballo ofrece outra hipótese non menos sorprendente: o crecemento da poboación do morcego de ferradura, a diferenza doutras especies de quirópteros, viuse favorecida pola expansión do eucalipto, onde adoitan cazar. “É ou único -apunta Segade- que pode cazar en eucaliptais”.

Características. Con apenas cinco gramos de peso e trinta centímetros de envergadura, o morcego de ferradura é un quiróptero pequeno pero moi especial. Chega a vivir até vinte anos, unha idade considerable para a especie, e a súa presenza está moi ligada ao home. Aliméntase de mosquitos, polillas ou escaravellos.

 

No seu ADN alberga unha linaxe propia de Galicia

O comportamento do morcego de ferradura non só ofrece unhas características moi particulares con respecto aos seus familiares das outras 22 especies de quirópteros que habitan en Galicia, senón que tamén presenta un aceno de identidade única. Ramón Segade, estudante de doutoramento na Universidade alemá de Ulm e colaborador no laboratorio de Ecoloxía Molecular da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC), puido aventurar mediante a análise xenética da especie unha hipótese absolutamente innovadora: o morcego de ferradura desenvolveu unha estirpe xenuinamente galega. O seu ADN conserva mostras de varias linaxes, o eurosiberiano, o sureño e un propio de Galicia que podería datar de entre 12.000 e 15.000 anos, o que é especialmente rechamante e interesante porque, de confirmarse, revelaría tamén que Galicia foi unha zona de refuxio para a biodiversidade durante a aínda época glacial. “Este é un aspecto moi interesante dende un punto de vista bioxeográfico e xenético, pero que aínda haberá que confirmar”, precisa Ramón Segade.

Outro dos misterios que ofrece a especie e que aínda non foi aclarado é a súa particular distribución. A súa presenza está moi repartida e dispersa en Galicia, salvo en determinadas comarcas como a Terra Chá, Terras de Soneira, Xallas ou Arzúa-Melide nas que non existe ningunha razón obxectiva que explique a súa ausencia. Este morcego é, pola contra, moi abundante en Ferrolterra, Ortegal e O Morrazo.

Que a súa presenza se vise favorecida desde os anos sesenta pola expansión das plantacións de eucaliptos tampouco supón un bo sinal para a biodiversidade galega, xa que este mesmo proceso mingua a aparición doutras especies do mesmo xénero.

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies